| Presencia-Opinión |
| Ucraína: a reforma constitucional de Kuchma Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 11/03/2003) |
|
O pasado 6 de marzo, nunha alocución transmitida polos principais canais da Televisión ucraína, o Presidente Kuchma anunciou unha reforma constitucional que, segundo dixo, pretende a transformación do actual modelo presidencial-parlamentario noutro parlamentario-presidencial. Segundo Leonid Kuchma, a reforma debe eliminar a confrontación do poder executivo co lexislativo, vixente na actual Constitución. O Primeiro Ministro será designado pola Cámara Baixa do Parlamento, órgano a crear e que se denominará Asemblea do Estado, a proposta do Presidente; o candidato deberá obter o respaldo da maioría do parlamento. Actualmente, o Presidente designa tanto ao Primeiro Ministro como aos membros do Goberno. A reforma reservaría ao Presidente a designación directa dos ministros de Interior, das situacións de emerxencia, do exterior e da defensa. Asi mesmo, o Presidente designará aos dirixentes dos órganos do executivo que non forman parte do goberno: Servicio Fiscal, Servicio de Aduanas, Servicio de Protección das Fronteiras. A demisión do Goberno será competencia do Parlamento. O Presidente poderá disolver a Cámara baixa en tres supostos: se non é quen de formar goberno no prazo máximo de 60 días, quedar sen maioría parlamentaria durante un mes, ou non aprobar antes do 1 de decembro o orzamento para o ano seguinte. A Cámara Baixa poderá emitir un voto de desconfianza ao Goberno facendo demitir aos ministros designados polo Presidente. En lugar dos actuais 450 deputados elixidos por un sistema mixto, o novo Parlamento terá 300 elixidos sobre unha base proporcional para a Cámara Baixa, máis 3 representantes por cada unha das 27 rexións do país, na Cámara Alta. A elección do Presidente e de todos os órganos do poder lexislativo e executivo terán que celebrarse cada cinco anos, en vez dos 4 actuais. O Presidente tamén propuso incluir a iniciativa do referendo nacional. As leis adoptadas por esta vía non precisarían do referendo oficial nin poderían ser vetadas. Todas estas propostas, nas que coincide unha oposición que de vello aspira a limitar os poderes do Presidente, non puideron evitar as manifestacións en contra de Kuchma, celebradas en 103 cidades de Ucraína o 9 marzo, data en que se conmemora o nacimento do xenio nacional, Tarás Shevchenko. En Kíev se congregaron 30 mil persoas para esixir a demisión do Presidente Kuchma, quen simboliza un réxime alleo aos intereses nacionais do pobo ucraíno. O politólogo alemán Ott di que a recente proposta de Kuchma é un novo intento de modificar o réxime constitucional no seu propio beneficio, mentres que a prensa independente de Rusia o considera outro intento de usurpar a iniciativa á oposición para perpetuarse no poder. Sen embargo, ninguén chega a ver posible a consecución das demandas da oposición: a celebración anticipada das eleccións presidenciais. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2003
|