| Presencia-Opinión |
| Os asasinatos de xornalistas ucraínos Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 14/10/2003) |
|
Unha das recriminacións seica máis agudas que lle fan os observadores occidentais a Ucraína é a falla de liberdade de prensa e maila inseguridade que existe para que os xornalistas podan desenvolve-las súas actividades. O secuestro e asasinato do xornalista Gongadze provocou unha crise nas relacións de Ucraína co resto do mundo chamado democrático, e o presidente Kuchma prometeu persoalmente que os culpables serían cazados e castigados. Sen embargo, o crime segue arestora sen resolverse e, aínda máis, nos tres anos transcorridos producíronse outros asasinatos de xornalistas reslacionados coas súas actividades profesionais. Un deses crimes foi o asasinato de Ihor Aleksandrov, director dunha compañía de TV en Slovyansk (rexión de Donetsk). Nun dos programas dirixidos por el, dous policías de operacións especiais anunciaron dispor de gravacións de conversacións entre membros dunha agrupación criminal que amosaban a implicación nas súas actividades dun industrial de Slovyansk, Rybak de apelido. Máis tarde, cando o xornalista preparaba a publicación das gravacións na súa programación, foi agredido, morrendo máis tarde a consecuencia das lesións provocadas por múltiples golpes cun bate de béisbol. Nunha rolda de prensa, os xa mencionados policías dixeron que o xornalista Aleksandrov caeu víctima da agrupación criminal conducida por Rybak e, entre outros, o antigo xefe dos denunciantes, que mandaba a devandita división de operacións especiais. Debido á repercusión do caso, as máis altas autoridades do país prometeron controlalo directamente para que a instrucción procedese debidamente e sen demoras. O procurador xeral, o ministro do Interior e moitos outros descartaron a posibilidade da implicación de Rybak e, en breve, os órganos da orde pública e instrucción atoparon ó culpábel, un vagabundo. Foi xulgado pero o tribunal absolveuno por falla de argumentos. Pouco tempo despois o vagabundo morreu. Case dous anos despois, as autoridades da orde pública volven anunciar que o caso do xornalista asasinado está resolto, que se coñecen os autores do crime e que están detidos. Non se indican os nomes dos implicados pero é fácil adiviñar de quen se trata posto que hai pouco se anunciou o arresto de Rybak. Aínda que a opinión pública non dubida que os verdadeiros autores do crime están agora nas mans da xustiza, non existe sensación de "triunfo da xustiza", porque todo indica que os órganos da orde pública non tiñan nin o máis mínimo desexo de pescuda-las afirmacións sobre a posibilidade de corrupción nas súas ringleiras, que o final resultaron ser certas. No crime están involucrados representantes da fiscalía, policía e seguridade do Estado. Da moito que pensar que, se o caso se atopaba baixo un control inmediato das autoridades nacionais, por que non foi posible investiga-los casos de corrupción en órganos locais e posible que tal caso fose precozmente declarado resolto polo presidente do país somándolle unha morte máis, a do vagabundo inocente. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/10/2003 |