| Presencia-Opinión |
| O petróleo para Europa pasa por Ucraína Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 03/06/2003) |
|
A raíz da guerra de Iraq produciuse un cambio na imaxe de Ucraína no senso de ser agora máis favorable cara o seu achegamento a Occidente. Non se atoparon (ou non se buscaron, porque a guerra tiña outros obxectivos) os sistemas radar antiaéreos alegadamente vendidos por Ucraína a Iraq, e os que hai poucos meses non vían posibilidade algunha para que Ucraína sexa membro da UE nos vindeiros 20 anos, arestora aceptan xa a probabilidade de que poida facerse membro asociado da Unión proximamente. Pero cando máis loanzas foron pronunciadas en boca de altos oficiais de Bruxelas foi durante a presentación do proxecto tripartito da UE, Polonia e Ucraína sobre a extensión do oleoducto do porto ucraíno de Odessa á cidade de Brody, na fronteira con Polonia, ata o porto polaco de Gdansk para transportar petróleo do Caspio a Europa. Unha declaración ó respecto foi asinada o 27 de maio. A Comisión Europea aportará 3 millóns de euros para a realización dun estudio de factibilidade do oleoducto Odessa-Brody-Gdansk. Para completar este traxecto cómpre construír o tramo Brody-Plock-Gdansk, unha empresa que pode durar de tres a cinco anos e que custará 500 millóns de euros. Un alto funcionario da Dirección Xeral de Enerxía e Transporte referiuse ó proxecto como Oleoducto da Paz e a Estabilidade. Tamén a respectiva comisaria europea e vicepresidenta da Comisión, Loyola de Palacio, sinalou que o oleoducto representa un interese para toda Europa. "Ucraína está gañando o rol dun país clave para o tránsito e diversificación de subministracións de enerxía a Europa" manifestou Mingarelli, Xefe da Dirección da Comisión para Asuntos de Europa do Leste, Cáucaso e Asia Central. O proxecto tamén conta co apoio de EEUU. Despois de obter o acceso ó petróleo de Iraq, xa no se amosa contrario ó subministro do petróleo do Caspio a Europa. Ademais, tendo investido capitais nos xacementos do Mar Caspio, ten interese en que ese petróleo chegue a mercados de saída solventes. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/06/2003
|