| Presencia-Opinión |
| Moitos puntos cardinais na política ucraína Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 17/06/2003) |
|
Segundo o presidente do comité parlamentario para Asuntos da Integración Euroatlántica, Borys Tarasiuk, Ucraína pode facerse membro da OTAN nun prazo de 4 a 6 anos despois do cambio de poder, tendo en conta as eleccións presidenciais que terán lugar o ano que vén. Arestora, afirmou nunha rolda de prensa, dáse un proceso de enfriamento nas relacións entre Ucraína e a Unión Europea en vez dun achegamento. O empeoramento das relacións comezou, na súa opinión, en 2000, cando o réxime de Kuchma, logo da súa reelección como presidente, "comezou a dar pasos antidemocráticos"; moi en particular, celebrou un referendo sobre alteracións na Constitución. Recentemente houbo certas declaracións por parte de líderes europeos, p.e. de Francia e Alemaña, sobre a posibilidade dunha colaboración máis estreita entre Ucraína e a UE. Sen embargo, estas declaracións non foron confirmadas por documentos oficiais, sinalou B. Tarasiuk, quen na súa época ocupou o cargo de Ministro de Exteriores. O achegamento á Alianza produciuse a raíz da guerra de Iraq, cando Ucraína cooperou máis activamente que calquera outro país da Comunidade de Estados Independentes. O presidente Kuchma, que segundo a Constitución é responsable da política exterior, esgrime feitos tales como o recente apoio ó achegamento de Ucraína a Europa expresado pola ministra de Exteriores de Austria. Sen embargo esta tendencia incorre nunha contradicción grave coas reiteradas declaracións do presidente sobre a necesidade de manter unha estreita colaboración con Rusia. "¿Cómo é posible xustapor o desexo de facerse membro asociado da UE e a sinatura dun acordo sobre o Espacio Económico Único (por crear entre Bielorrusia, Kazahistán, Rusia e Ucraína)?", interroga B. Tarasiuk. Entre os dous vectores da política exterior da Administración de Kuchma - Occidente e Leste - un pode gañar máis peso cedendo á presión, xa que Moscova, que sempre apoiou a Kuchma nos seus apuros, dixo xa a través das verbas do seu embaixador en Kíev, V. Chernomyrdin, que vería o afán de Ucrania para afiliarse á Alianza transatlántica coma un xesto non amigable. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003 |