| Presencia-Opinión |
| Facéndolle as beiras a Ucraína Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 13/05/2003) |
|
A pasada semana rexistráronse varios progresos nas relacións de Ucraína con países de Occidente. Despois de que durante o Cumio europeo en setembro pasado se dixese en máis dunha ocasión que este país non tiña perspectivas para facerse membro da Unión, Günter Verheugen, comisario da UE para cuestións do Alargamento, declara agora que é ben probable que logo do status de veciño da Comunidade Ucraína accederá á afiliación asociada. Despois das declaracións do chanceler alemán G. Schroeder sobre o seu apoio ó achegamento de Ucraína á Europa unida, o servicio de prensa do ministerio exterior ucraíno cita agora unha carta do xefe do Foreign Office británico, Jack Straw, dicindo que o seu país está disposto a defender un enfoque diferenciado cara os novos veciños da Unión Europea para que se teñan en conta os intereses de Ucraína cara prestarlle axuda e apoio. Neste contexto, o ministro de Asuntos Exteriores de Ucraína, A. Zlenko, manifesta que xa está seguro arestora que Ucraína non quedará ó marxe da Unión Europea. Ucraína tamén foi convidada por EEUU a participar nas, así chamadas, medidas de estabilización en Iraq. Durante as hostilidades, Ucraína estivo presente na rexión co seu batallón de defensa ABQ (atómica, bacteriolóxica e química) despregado en Kuwait. Coméntase que Ucraína subministrará como apoio ó "esforzo estabilizador" ó sector controlado por polacos un centro de mando de brigada e dous batallóns. Anteriormente, EEUU acusara a Ucraína de lle ter vendido ó réxime de Saddam sistemas de radar antiaéreos. Nunha conferencia de dous días con participación de representantes do goberno ucraíno e dirixentes da OTAN celebrada recentemente en Washington, o secretario xeral da OTAN, G. Robertson, dixo que Ucraína superou os principais obstáculos no seu camiño cara a OTAN. Preguntado nunha rolda de prensa sobre o problema de presuntos sistemas radar ucraínos en Iraq contestou que "o peor dos problemas que existían nas nosas relacións quedou atrás”. Sen embargo, o ex-ministro do Exterior ucraíno B. Tarasiuk, elixido a semana pasada presidente do maior partido da oposición nacional-demócrata, sinala que a participación ucraína en Iraq pode necesitar cambios na lexislación que lexitimen a implicación de tropas ucraínas fóra do seu territorio nacional nas accións auspiciadas por organismos que non son organismos internacionais. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/05/2003
|