| Presencia-Opinión |
| Destino Tuzla: un dique rigorosamente vixiado Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 21/10/2003) |
|
Dende o pasado 29 de setembro constrúese no mar de Azov un dique de 4 km. entre a península rusa de Tamañ e a illa ucraína de Tuzla. Tuzla pasou a ser parte de Ucraína en 1954, cando o goberno de Nikita Jruschov decidiu entregarlle a península de Crimea a Ucraína. Anteriormente, formou unha República Autónoma, dependente de Moscova, garantindo así os dereitos da poboación autóctona dos tártaros de Crimea, que hai séculos tiñan alí o seu propio estado. Os tártaros foron desterrados –alegadamente pola súa colaboración cos invasores nazis- durante a Segunda Guerra Mundial, como tamén o foron outras etnias potencialmente perigosas porque a meirande parte deles vivía no exterior: alemáns, polacos, gregos, armenios. Despois da guerra, os poboamentos abandonados foron repoboados por inmigrantes das rexións rusas devastadas pola invasión e por ucraínos da república veciña (tamén había bastantes oriúndos de Crimea). Como as fronteiras entre as repúblicas soviéticas tiña un carácter puramente formal e administrativo, polas mesmas razóns administrativas e económicas incorporouse a península de Crimea a Ucraína, conmemorando á vez con esta doazón o 300 aniversario da reunificación de Ucraína con Rusia. Despois da desintegración da URSS, os medios de comunicación rusos tentaron moitas veces pór en dúbida a pertenza de Crimea a Ucraína. De calquera xeito, o Mando Maior da Flota do Negro rusa mantívose en Crimea, por máis que a Constitución ucraína prohibe o estacionamento no seu territorio de tropas estranxeiras. E nesta ocasión, coa construcción do dique, pode verse a intención de ignora-la soberanía de Ucraína; dado que a instalación rematará no territorio ucraíno -a illa de Tuzla-, a fronteira ruso-ucraína se trasladará uns quilómetros máis cara ó Oeste. A construcción do dique está sendo levada a cabo polas autoridades rexionais, pero a intensidade dos traballos (os camións fan ata 700 recorridos ó día) permite supor que o proxecto está dirixido dende Moscova. Ata alí tivo que viaxar o ministro ucraíno de Exteriores para aclara-la situación, pero non obtivo ningún resultado. Aseguráronlle que, no caso do dique, se trataba dun reforzamento rutineiro do litoral. A medida que avanzan os traballos faise inevitable unha violación da fronteira estatal de Ucraína, que tivo que situar na illa desputada unha guarnición de gardafronteiras e poñela en estado de alerta. A lóxica dos acontecementos pode chegar eventualmente ó uso de armas de fogo. Aínda que Moscova trata de restarlle importancia á construcción do dique, nos medios rexionais rusos se fala abertamente da recuperación de terras historicamente rusas, neste caso, a illa de Tuzla. Estes acontecementos fixeron que tódolos partidos ucraínos, menos o comunista, tomasen unha postura en contra de Rusia, que máis unha vez amosa o seu desprezo cara ás soberanías das repúblicas anteriormente soviéticas e maila súa capacidade potencial de ignorala cando o dicten os seus propios intereses estratéxicos. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/10/2003 |