| Acción exterior |
| O “Prestige” e a raia negra Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 05/12/2002) |
|
Houbo un momento, cando os remolcadores viraban a bomba flotante contra as (súas) augas internacionais, en que a indi-xestión do afundimento do Prestige e a súa marea negra levantaron mil e unha protestas no veciño Portugal. Nese instante, mentras medraba a cólera nacionalista, certamente extemporánea, nalgunha prensa lusa, numerosos cidadáns portugueses se dirixían a entidades e amigos de Galicia para resaltar o feito de que o noso litoral é un tesouro común que en común debemos protexer, amosando unha disposición total para colaborar nas tareas de limpeza das costas, galegas ou de ambos países, chegado o caso, expresións que cabe agradecer e salientar. Non obstante, as institucións e entidades da eurorrexión permaneceron en boa medida ausentes na crise. Dá a impresión de que aquí a raia permanece, de que as fronteiras en terra non se eliminan tan facilmente coma no mar, mesmo para aqueles que, por tradición, deberían ser os primeiros en aproveitar todas as oportunidades, incluídas as lamentablemente negativas como esta, para dar un paso adiante máis no seu derrube. ¿De que se trata? A inhibición inicial, presuntamente competencial, da Xunta de Galicia e a sensación de desvarío da Administración central, elevaron o protagonismo dos axentes da sociedade civil, dende Confrarías a sindicatos, e tamén Administracións locais que sentiron inevitablemente a obriga de canalizar as demandas de indignación e de colaboración da cidadanía. Estivo francamente ben e foi oportuno que os alcaldes das principais cidades galegas se pronunciaran arredor do desastre, pero ¿por que soamente de Galicia?, ¿estaba de traslado o Eixe Atlántico?, ¿por que non desenvolver un conxunto de actuacións para afortalar a identidade eurorrexional en casos como este aproveitando as excelentes relacións institucionais? ¡Un simple dispositivo de información para facilitar a participación nas tareas de limpeza! ¿Por que sigue resultando máis fácil que veñan á Costa da Morte estudiantes de Madrid que de Porto? Hai cónsules cos que coincidimos a cotío en mil e unha cerimonias pero de quen nos esquecemos cando hai problemas serios a resolver. De Galicia, desa outra Galicia vocacionalmente interesada no afortalamento das relacións cos veciños do Sur, debía emerxer un novo discurso, asentando a identidade común como resposta a un problema que, insisto, é de todos, non ten fronteira. Pero non aflora esa clave por dúas razóns. Unha primeira, pola insuficiente interiorización de determinadas políticas que, máis alá do textual, son aínda moi epidérmicas e non conseguiron traspasar as fronteiras mentais que apuntalan anos e anos de separación. E outra segunda, relacionada coa ausencia de infraestructuras que pensen noutra dimensión. As claves do exterior deben incorporarse ao local e o local debe servirnos para vertebrar unha mundialización alternativa, a da solidariedade e o compromiso fronte a ese capitalismo delincuente e denunciado o pasado domingo en Compostela. Urxe que no ámbito local se contemplen mecanismos de coordinación e reflexión que proxecten o exterior. En calquera cidade media de calquer país medianamente desenvolvido se conta con oficinas ou departamentos de relacións exteriores que nun caso coma o que nos ocupa poderían desenvolver un excelente cometido. E mentres tanto, elimínense as barreiras de comunicación que fan que os nosos veciños do Sur parezan estar máis lonxe de nós que os cataláns, os bascos ou os madrileños, sen merma de ninguén e para beneficio de todos. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/12/2002
|