| Presencia-Opinión |
| O episodio malgache Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 18/07/2002) |
|
Acabouse o longo periplo de Didier Ratsiraka. Marc Ravalomanana fixo valer, tamén pola vía das armas, unha victoria electoral longamente cuestionada durante varios meses, dentro e fóra do país, ata o punto de provocar unha guerra civil, moi ignorada no exterior pero da que chegaron a saber moitos deses nosos mariñeiros que pescan nas augas do Índico, nas proximidades das turísticas Seychelles. A orixe da crise remontase ás eleccións presidenciais do 16 de decembro pasado. Segundo fontes oficiais, a victoria de Ravalomanana, cun 46 por cento de sufraxios, non sería suficiente para evitar unha segunda volta, que foi convocada para o 24 de febreiro. O poder económico de Ravalomanana, dono dun imperio de industrias alimentarias e alcalde da capital, Antananarivo, permitiulle a organización do seu propio e paralelo sistema de reconto de votos, segundo o cal, obtería o 53 por cento dos sufraxios, o que lle permitiría obviar a celebración dunha segunda volta. A OUA pronunciouse a favor dunha segunda votación pero ante a oposición de Ravalomanana mediou para efectuar un novo reconto que deparou un 51,54 por cento dos sufraxios para o candidato opositor. Ratsiraka, o Presidente saínte, contestou entón estes datos argumentando irregularidades cometidas polos responsables do reconto, e propiciando a celebración dunha consulta popular que dirimira as diferencias. Ravalomanana mobilizou importantes recursos na súa campaña, tirando un considerable proveito das súas emisoras de televisión e do respaldo da Igrexa reformada, á que axuda económicamente. A confrontación entre ambas as dúas figuras, Ravalomanana, o home máis rico de Madagascar, e Ratsiraka, artífice dunha fallida revolución socialista, no poder dende 1973, coa excepción do período comprendido entre 1991 e 1996, pode ser interpretado coma un enfrontamento entre dúas culturas. Ratsiraka encarna ao Estado autoritario, a dependencia de Francia, a antigua potencia colonial, defende as empresas estatais e á poboación das rexións rurais, mentres que Ravalomanana é un home de negocios, partidario das empresas privadas, da independencia de Francia e da potenciación da capital que, segundo os seus críticos, administra dende a Alcaldía coma o seu feudo persoal. Ambas circunstancias explican en parte o desenvolvemento dun conflicto no que partía como favorito Ratsiraka ao contar co apoio de importantes unidades militares e dos gobernadores das principais rexións do país, unha lóxica que foi vencida polos imperativos do momento e que acochan poderosos intereses externos. A importancia estratéxica de Madagascar é cada vez maior dado que controla o acceso do Océano Indico ao Atlántico. O transfondo da crise a duras penas pode ocultar un tenso pulso entre Francia e Estados Unidos, que segue gañando espacios nun continente no que ata hai pouco non tiña máis que unha presencia relativa. Ravalomanana, que non oculta a súa orientación proestadounidense, queda en situación de mudar o equilibro de poder nesta zona. Didier Ratsiraka conclúe así unha longa carreira política que iniciou da man do seu pai, Albert,militante do Partido dos desheredados de Madagascar, o PADESM, fundado en 1946, e no que desenvolvería unhas sensibilidades sociais que o levarían, anos adiante, a propiciar unha orientación socialista do país. Autor do Boky Mena, especie de Libro Vermello malgache, e impulsor dun profundo cambio social que a partir dos anos oitenta comezou a afrouxar por mor, entre outros, da caída dos prezos das materias primas, Ratsiraka soubo abandonar o poder en 1993 e recuperalo en 1996 por vía democrática. Non tería por qué ser menos demócrata nesta ocasión. Agora, no exilio dese París familiar dende os seus anos de Liceo, con amargura remata outro episodio dun deses líderes do Sur que se enfrontaron ao neocolonialismo e alentaron a emancipación dun Terceiro Mundo cada día máis atrapado nas redes de intereses do mundo desenvolvido. É o definitivo adeus dun Capitán de fragata que será lembrado sempre coma o “Almirante Vermello” polo seu paso pola escola naval de Brest. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/07/2002
|