Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Ucraína: radiografía preelectoral
Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 12/02/2002)
 
 

Coma se dunha tradición tenebrosa se tratara, o novo ano comenzou cun novo escándalo de grabacións ilegais. Desta vez tratouse dun persoeiro político erixido como paradigma da integridade xustamente durante o chamado “tapegate" anterior(escándalo de cintas magnetofónicas): o ex-primeiro ministro, Víktor Yúschenko.

Nunha roda de prensa, "Rukh" presentou publicamente a grabación dunha conversa que sostivo por teléfono móbil o tal Yúschenko co alcalde de Kyiv, O. Omélchenko, o pasado 13 de decembro cando foi destituído o vicepresidente da Verkhovna Rada, V. Medvedchuk. Este último pode denominarse con toda razón coma o político do ano pasado pois situouse no epicentro dos principais acontecementos. A comezos de ano dirixiu a formación dunha nova maioría parlamentaria fronte á obstrucción da máis numerosa, a fracción do Partido Comunista. Os deputados tiveron que celebrar as súas sesións fóra da sede do parlamento ocupada por deputados da chamada esquerda radical. Unha situación similar deuse no outono e foi outra vez Medvedchuk quen organizou, mentres a sala de sesións plenarias permanecía bloqueada polos deputados comunistas, a votación sobre o Código da Tierra, que introducía a propiedade privada sobre a terra con dereito a vendela.

A pesar de non ter moito carisma, o líder do Partido Social-Demócrata (unificado) V. Medvedchuk constatou o enorme crecemento do seu peso na vida política e convertiuse nun perigoso competidor para calquera dos políticos que poderían aspirar a presentarse como candidatos para as seguintes eleccións presidenciais: Yúschenko, Omélchenko, Tymoshenko...
Se non é unha falsificación, a conversa teléfonica podería destrozar a imaxe de Yúschenko como un político impecable. Na grabación, a voz do alcalde reprocha ao interlocutor por non presentar máis firmas de parlamentarios para a moción de censura contra Medvedchuk e o conmina a interromper a súa viaxe a un centro rexional para obter esas firmas de de debaixo das pedras. Aparte do escandaloso contido da grabación, o tono que o suposto alcalde utiliza para dirixirse a quen pretense ser o líder da nación está lonxe de ser aceptable nin polo seu carácter groseiro, nin polo servilismo que se aprecia na voz do ex-primeiro ministro.

Sen embargo, o incidente non semella ter socavado moito o prestixio de Yúschenko. Na campaña electoral que oficialmente comenzou o 9 de febreiro, o seu bloque “A nosa Ucraína”, leva a dianteira xunto co Partido Comunista, acumulador do descontento de millóns de traballadores e xubilados. Segundo todas as enquisas, as dúas forzas políticas rondan o 20 por cento de votos. A lista de ”A Nosa Ucraína” aglutinou a persoalidades coñecidas de todos os sectores da vida política do país: o líder do partido “Reformas e Orde”, Viktor Pynzenyk (antigo viceprimeiroministro e economista prominente), os líderes de tres partidos do escindido “Rukh”, Hennadiy Udovenko, Yuriy Kostenko e Ivan Zayets, ex-ministro de Exteriores, Borys Tarasyuk; ex-viceprimerministro, académico Mykola Zhulynskyy; a líder do Congreso de Nacionalistas Ucranianos, Slava Stetsko; Les Tanyuk, director de teatro e un dos líderes do Rukh; o presidente da Federación de Sindicatos de Ucraína, Oleksandr Stoyan, entre outros moitos.

“Avogamos pola honestidade en política, pola honestidade en cuestións relacionadas coa administración do Estado”, dixo Yushchenko no Congreso do seu Bloque reunido para aprobar as listas. Contempla como aliados no novo Parlamento ao bloque “Unidade” do alcalde de Kyiv, Oleksandr Omélchenko, e o bloque propresidencial “Por unha Ucraína unida” do xefe da Administración Presidencial, Volodymyr Lytvyn. Este último bloque é o único que apoia incondicionalmente ao actual Presidente.

O bloque opositor de Yúlia Tymoshenko incorporou á súa lista ao famoso disidente soviético e antigo embaixador en Canadá, Levkó Lukyánenko, e a quen tamén fora embaixador ucraniano en EE.UU., Oleh Bilorús. Sensacional foi a inclusión do incansable loitador contra a corrupción no novo Estado ucraniano, deputado e antigo coronel da KGB, Hryhoriy Omelchenko. Noutro tempo solicitara do Procurador Xeral que se investigase o caso de Tynoschenko en conexión co corrupto ex-Primeiroministro, Pavló Lazarenko, preso en EE.UU. acusado de lavado de diñeiro.

O Partido Social-Demócrata (Unificado), aparte do seu líder Medvedchuk e o primeiro Presidente de Ucrania, Leonid Kravchuk, así como o dirixente do Clube Dínamo Kíev, Surkis, non ten na súa lista personalidades coñecidas en amplos sectores, non obstante confía no seu éxito. No futuro parlamento intentará crear unha maioría centrista co bloque “Por unha Ucraína Unida”,o Partido Verde, a Unión Demócrática e o Partido “Yábluko”.

Os políticos históricamente próximos ao Presidente Kuchma queren entrar no Parlamento co seu propio bloque do Partido Democrático e a Unión Democrática. A lista do bloque a encabeza o asesor do Presidente Volodymyr Horbulin, quen substituiu no liderato da Unión Democrática ao seu fundador, Oleksandr Vólkov.

Fora de bloques cómpre citar ao Partido Campesiño, quen renunciou a colaborar co Partido Comunista, os socialistas de O. Moroz, os socialistas progresistas de Natalia Vitrenko, así coma os Verdes. Segundo unha das enquisas recentes ningún destes partidos acadaría o 4 por cento de votos mínimo para obter representación. Preto dun 6 por cento obterían os social-demócratas (unidos) e "Por unha Ucraína unida" de V. Lytvyn. Igualmente poderían entrar no parlamento os bloques "Yábluko" e "As Mulleres polo Futuro".

Aínda que é difícil prognosticar o resultado das eleccións e a composición do novo Parlamento despois do 31 de marzo, certo é que a loita polos escaños será dura e por veces cruel. Parece sintomático que se produciran xa sendos accidentes de tráfico con dous líderes políticos –Lytvyn e Tymoschenko-, con resultado de varias lesións. Algúns coñecedores do ambiente político comentan que éstas poden ser as eleccións máis criminais da Ucraína independente.

 
 

Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/02/2002