Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Radicalización bolivariana
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 29/01/2002)
 

Os últimos cambios no Goberno Chávez, situando en postos claves a militares retirados, apuntan cara a unha radicalización da revolución bolivariana, cada vez con máis frontes abertos. O capitán retirado Ramón Rodríguez Chacín asume o Ministerio do Interior e Xustiza, en substitución do carismático Luís Miquilena, pero deixando a crise aberta. A cadea de dimisións internas agudizan a inestabilidade social, en pleno apoxeo das agres confrontacións coa igrexa, o empresariado e os medios de comunicación, EEUU...

A última polémica que salpica ao Presidente Chávez saltou o pasado xoves, cando en plena recepción ao corpo diplomático internacional, dirixiuse ao nuncio apostólico, o cardeal André Dupuy, para esixirlle que non interferise nos asuntos internos do país caribeño. “Teño que lembrarlle aos señores embaixadores que somos un país libre e soberano”, dixo visiblemente molesto polo contido do texto lido polo representante da Santa Sede no que se demandaba ao goberno un esforzo de diálogo e concordia. “diálogo con todos os sectores e moderación”.

Mais, se dura foi a reacción en quente, a fervenza dialéctica que esgrimiu o Presidente, tres días máis tarde, xa en frío, foi demoledora contra da xerarquía católica, e particularmente contra do Presidente da Conferencia Episcopal Venezolana (CEV), Monseñor Baltazar Porras, ao que Chávez recomendou facer exame de conciencia e pórse a rezar un pouco.

Este domingo, Hugo Chávez , sen presa algunha, consumiu cinco horas do seu habitual programa “Aló Presidente” para afiar a lingua e espetarlla cun envelenado e populista discurso contra dos altos representantes da Igrexa. “Son un grupiño de catro ou cinco que teñen que reflexionar en vez de sacar comunicados dicindo que estes sacerdotes non representan a igrexa que somos todos”. Referíase aos cregos que oficiaron unha misa na Cañada, á que asistiu Chávez e que foron desautorizados pola cúspide eclesial. “son sacerdotes que teñen estado compartindo os camiños de Deus e as chagas do pobo...Xesús no veu a facer alianzas cos poderosos, senón a loitar cos oprimidos...hai un grupo de xerarcas que teñen relacion con Acción Democrática (AD), de quen recibían aportes. Acostumáronse a vivir e Palacios e esquecéronse do pobo...teñen o seu corazón con AD, amais de ter convivido cun presidente que tiña a súa amante no Palacio de Goberno e de recibir cheques de eses inmorais”.

As severas palabras de Chávez producíanse a só dos días da entrevista prevista entre a cúpula eclesial e o presidente. Tal é o malestar actual entre a Igrexa, que áínda a día de onte non tiña decidido se acudirían a sede presidencial ou cancelarían o encontro.

O goberno Venezolano non da tapado as enorme fisuras que se están abrindo na sociedade, as maiores dende a chegada ao poder o 2 de febreiro de 1999. Ten abertos enconados frontes cos medio de comunicación aos que lles pretende limitar a súa ofensiva mediática contra o Presidente, mediante una nova “Lei de Contidos”, na que se castigue aos que non se ateñan a verdade dos acontecementos. Tamén cos empresarios que se teñen convertido na auténtica oposición política ao convocar folgas e manifestacións. Cos dirixentes sindicais da CTV...

Nas ultimas semanas as fracturas son aínda máis dolorosas ao producirse internamente. En dúas semanas perdeu os embaixadores nos EEUU e na Santa sede, Ignacio Arcaya e I. Quintana, quen disconformes coa dureza verbal presidencial, requirían a necesidade de crear un clima de moderación e diálogo para baixar o nivel de crispación que vive o país “ten habido unha violencia verbal excesiva que compre corrixir”. A marcha do veterano Miquilena réstalle a capacidade negociadora que, o ministro de interior aos seus 84 anos, soubo imprimir no goberno. O vello militante comunista de hai décadas , era unha das persoas con maior carisma e mellor imaxe pública como articulador de pontes de diálogo cos diversos sectores.

Non é a primeira baixa ministerial que ten que solucionar nas ultimas semanas, Luisa Romero deixou o Ministerio de Producción e Comercio, cargo para o que foi designada a ex-vicepresidenta Aldina Bastida, deixando, esta, vacante un posto chave que recaeu noutro militar retirado, Diosdado Cabello.

A revolución social bolivariana, entra en fase decisiva. Chávez interpreta que é o momento adecuado para unha radicalización, que trata de definir, non como unha restricción das liberdades democráticas, senón como unha acentuación das políticas sociais.

Os poderosos inimigos da revolución bolivariana multiplícanse e reprodúcense: sectores sindicais, CTV, EEUU, igrexa, medios de comunicación, empresarios, etc. Chávez pode ser a persoa adecuada para ser o símbolo da revolución necesaria nunha sociedade corrupta e nun país opulento en recursos naturais. Pero non está feito dun material adecuado para a diplomacia terreal da realpolitik.

Na nobre contenda contra da corrupción hai unha batalla que xa está a perder: a da popularidade. Mais ten un dato ao seu favor , ninguén ten tanta como el, en Venezuela.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/02/2002