| Acción exterior |
| Portugal ¿máis lonxe? Por Xulio Ríos (a contrafío, 14/06/2002) |
|
O ruxe-ruxe nacionalpopulista asoma na outra beira do Miño. A xuntanza de empresarios e políticos portugueses hai unhas semanas en Sintra, convocada para reflexionar sobre a necesidade de por freo ó desembarco español no país veciño e manter o control dos centros de decisión estratéxica de Portugal tivo unha significativa repercusión mediática e política, facendo saltar algunhas alarmas. ¿Causas da viraxe? Non é a crise económica a que favorece este discurso aínda que si pode abrirlle camiño mais doadamente. Por outra banda, socialmente, en relación a Madrid, nunca se necesitou gran esforzo en Lisboa para caldear o ambiente. A historia, a xeopolítica, todo foi apuntando sempre cara a hostilidade. E por iso mesmo, o proceso iniciado na última década resultaba atractivo, innovador e globalmente tan positivo para ambas partes, desarmando aquela “predisposición natural” que convoca un proteccionismo e unha precaución fronte ás Españas que non afecta a capitais doutros países. O cambio de goberno e a inclusión do CDS-PP do señor Portas no novo gabinete facía pensar, coñecidos os seus antecedentes, na hipótese dun xiro desta magnitude. A maiores, a viabilidade política do novo discurso gaña firmeza observando canto está acontecendo ao noso redor, no contexto europeo, de Francia a Holanda pasando por Italia (tamén analizando algunhas histriónicas propostas dos restos do new labour do señor Blair...) no que, progresivamente, forzas de ultradereita gañan en introducción social e respaldo electoral. O actual clima fai pensar no impensable: que pode haber retrocesos nas relacións entre Galicia e o Norte de Portugal. Polo moito que hai en xogo, afirmaba hai uns días Jesús Gamallo, secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción exterior, “sería un erro unha crise con Portugal”. Certamente, asi é. En contra deste clima militan en primeiro lugar, os intereses comúns no ámbito europeo (os proxectos de Interreg III) e, naturalmente, unha forte inercia económico-comercial que lideran os colectivos empresariais de ambas beiras; pero, non o esquezamos, un debilitamento da fluidez institucional e política acabaría por afectar, en maior ou menor medida, a todas as dinámicas. Compriría pois, ademáis de tomar conciencia xeral dos perigos do actual momento que pode incidir negativamente no desenvolvemento dunha euorrexión presentada e abenzoada como modélica polas propias instancias comunitarias, definir medidas e actuacións que reforzen o diálogo e o entendemento bilateral. Non podemos nin debemos quedar de brazos cruzados á espera de que o tempo arranxe unha liada, pequena, pero que pode ir a máis, se os interesados no contrario, aquí e alá, non se mobilizan adecuadamente. E obsérvase demasiado silencio ao respecto e escasa mudanza, especialmente alén Miño, no marasmo político-administrativo que connota as relacións con Galicia dende hai máis de medio ano. Galicia e Portugal, sobre todo o Norte, dispoñen dunha enorme plataforma común que debe enriquecerse e non debilitarse. Nun tempo como o actual, mesmo no ámbito empresarial compriría traballar na definición de intereses comúns, xeográficos e sectoriais, para asentar alianzas que reporten beneficios mutuos. Igualmente, debemos pular seriamente por introducir aqueles mecanismos que eviten tratos discriminatorios co capital veciño. Por outra banda, cómpre non perder de vista que a mellor vacina para estas situacións é a asunción por parte da sociedade civil de ambas as dúas beiras do oportuno desta relación e nese camiño queda aínda moito por facer. Nin Galicia ten unha imaxe propia e definida en Portugal nin as respectivas sociedades, a galega e a portuguesa, mesmo no Norte, superaron a fronteira coa mesma rapidez que o diñeiro. Urxe por iso alentar procesos sociais e culturais que, co tempo, sí dotarán de irreversibilidade o proceso de achegamento, tan importante desde o punto de vista político, restando autoridade e credibilidade a quen pretende medrar nesa demagoxia sempre rancia. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2002
|