Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Palabra de Zinni-co
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 20/03/2002)
 
 

A Casa Branca enviou a Anthony Zinni a Oriente Próximo coa intención de sentar as bases dun cese de hostilidades entre palestinos e israelís, paso indispensable para recuperar un diálogo roto pola presencia de tropas israelís na maioría das cidades palestinas, ducias de mortos e unha desesperanza que ilustra as restriccións de movementos impostas ao Presidente da Autoridade Nacional Palestina, Yaser Arafat.

En Barcelona, no cumio europeo, houbo palabras para Oriente Próximo, con ese talante habitual da Unión, incapaz de manterse firme na defensa duns principios cando debe explicitalos ante interlocutores con escasa tendencia a escoitar. Contrasta a verborrea comunitaria ante Israel coa contundencia da mensaxe transmitida aos líderes bacánicos, Kostunica e Djukanovic: o nivel e contía das axudas europeas dependerán do seu comportamento a prol do fortalecemento desa Unión que agora sucede á vella Iugoslavia.

E contrasta todo o conxunto coa inhibición cómplice de Estados Unidos no conflicto palestino, coa súa renuncia a exercitar a palanca das axudas en beneficio da paz. Lembremos: Israel é o número un mundial dos países asistidos. Nos últimos vinte anos recibiu un total de cincuenta mil millóns de dólares, é dicir, 500 dólares por cabeza e ano, dos que 45 mil millóns proviñan de Estados Unidos. O pasado 24 de outubro, o Congreso votaba unha lei sobre a axuda a Israel proposta pola Administración Bush que outorgaba a Israel en 2002 un total de 2,8 mil millóns de dólares en axuda económica e militar, contra 75 millóns de dólares para os territorios de Gaza e Cisxordania.

Sexamos serios: ¿Como crer na neutralidade e imparcialidade da Casa Branca no conflicto se está a financiar tan xenerosamente ao verdugo do pobo palestino? Todo é puro Zinni-smo.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/03/2002