Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Os fillos de Seattle
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 05/02/2002)
 
 

Por segundo ano consecutivo, un mundo de pensamento alternativo á mundialización liberal, toma a cidade de Porto Alegre, na desembocadura do Río Pardo para imaxinar ou confirmar que “outro mundo é posíbel”, para pescudar se existe vida na outra beira do pensamento único ou do gran mercado global. Ao norte da cidade de Pelotas, ao leste do Brasil, da máis variopinta heteroxenidade comeza a tecerse una articulación organizativa, principian a saír propostas concretas e novos centros de interese para o debate; o último pregúntase ¿outra sociedade da información é posíbel?

O lugar escollido para o encontro non é casual. Trátase dun auténtico laboratorio de democracia participativa no que ensaia, dende 1989, novas formas de política o Partido dos Traballadores (PT), baixo a dirección tuteladora de Tarso Genro e Olivio Dutra, á fronte da Alcaldía de Porto Alegre e do Estado de Río Grande do Sul, que lideran, respectivamente o sector radical e o máis moderado.

O poder de atracción que exerce Porto Alegre, imantou este ano a 50.000 participantes, que triplicaron a cifra do ano pasado. Moitas delegacións que en xaneiro do 2001 optaran por acreditarse como simples observadores deron o paso de anotarse como participantes activos, tal é o caso da Federación Internacional dos Dereitos Humanos (FIDH).

O éxito sorprendeu aos propios organizadores que observaban como o 11-S, anestesiara moitas das activas conciencias criticas por temor a ser identificados como antiamericanos ou como tépedos na condena do terrorismo. Quizais por esta razón pedíronlle a Fidel Castro que non asistise ao Foro Social Mundial, esta mesma razón pode explicar que as FARC-EP non estean no programa ou que subcomandante Marcos perdese a relevancia que acadara coas súas reflexións no 2001. Novos protagonistas máis ligados ao mundo institucional, especialmente de Europa e América, toman o relevo; ministros, parlamentarios, alcaldes, sindicatos... que teñen só unha característica común: ideoloxicamente, habitan na marxe esquerda da Terceira Vía.

Paradoxalmente, a ausencia de tan comprometidos invitados, facilitou a liberdade na difusión de análises especialmente críticas co liderado do unilateralismo norteamericano e das condenas ao bloqueo da illa caribeña ou ao Plano Colombia. Maduración e pragmatismo de Porto Alegre, que no seu segundo ano de vida deu por superada a fase do rearme teórico sobre os efectos negativos da Globalización liberal alimentado polas enormes e crecentes desigualdades planetarias, para atreverse no 2º Foro Social Mundial a elaborar propostas concretas que puidesen ser asumidas por unha amalgama inharmónica de organizacións variopintas.

Entre as novas propostas que pronto formarán parte dos programas electorais de moitas forzas políticas están:

- Triple taxa global: Unha, a Taxa Tobín para os fluxos financeiros aplicábel tamén no mercado de cambios. A segunda taxa sería variable, en función do nivel de respecto aos dereitos laborais nas empresas e se aplicaría sobre os investimentos estranxeiros. A terceira reservaríase para aplicar sobre os beneficios das multinacionais.

- Supresión dos paraísos fiscais.

- Reordenamento do poder mundial. Redefinindo o papel das institucións políticas e económicas para suplir o actual déficit democrático das verdadeiras organizacións dominantes, especialmente as económicas. Potenciar o labor executivo e o liderado da ONU que deberá apoiarse fundamentalmente en organismos internacionais de perfil social que se ocupen do traballo, da saúde ou dos dereitos humanos.

- Practicar unha especial protección sobre os labregos para os que se pide directamente proteccións arancelarias e limitación dos mercados mundiais, ao tempo de se demanda a prohibición de calquera tipo de subvención as exportacións.

- Seguir o modelo de Porto Alegre incentivando a participación da cidadanía nas decisións políticas.

No Foro Social Mundial os analistas, encargados de fornecer o novo pensamento , aportan numerosos documentos para o debate sobre os indíxenas, a débeda externa, sobre o medio ambiente, as mulleres, sobre a educación popular, o sindicalismo, o municiapalismo etc, pero hai un tema que aspiran a transformar nun emblema de Porto Alegre e convertelo en clave para a arquitectura do globalismo social. Trátase da renovada Sociedade Global da Información: “A Comunicación é a vez un factor clave da globalización, o principal instrumento de control ideolóxico e tamén un elemento fundamental nas loitas sociais...”.

Quizais o terceiro Foro Social Mundial teña por lema “Outra información é posíbel”.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/02/2002