Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
O disenso de Monterrey
Por Lino Pellitero (a contrafío, 26/03/2002)
 

“Dar cartos ilimitadamente, sen controlar a súa proveitosa utilización, é un sistema fracasado que en nada favorece aos países pobres”. Ese foi o principal argumento esgrimido por George Bush, na cidade mexicana de Monterrey, para negarse a elevar máis alá dos 15.000 millóns de dólares, a axuda á cooperación cos países que viven na pobreza máis indigna.

Nos próximos cinco anos EEUU está disposto a incrementar progresivamente nun 50% a cifra da axuda, ata chegar ao 0,13% do seu PIB, sempre e cando os receptores abran os seus mercados, sacudan a corrupción, reforcen o niveis de liberdade política e practiquen o respecto aos Dereitos do Home.. “Se os mercados están pechados ningún capitulo de axuda será suficiente...por tanto é hora de crear institucións libres, en vez de seguir subsidiando os mesmos fracasos do pasado”.

Conxugar discursos presidenciais coas praxes políticas, nunca foi un exercicio doado para a política exterior norteamericana. Demandar apertura de mercados, cando ven de impoñer pesados aranceis proteccionistas as importacións de aceiro, ao mel arxentino, a carne uruguaia ou ao zume brasileiro... creba calquera fío na coherencia do discurso norteamericano que exalta o liberalismo, critica as barreiras arancelarias alleas, pero levanta muros aos productos estranxeiros.

Os 10.000 millóns de dólares, cos que EEUU contribúe anualmente á cooperación, é exactamente a mesma cantidade que aporta cada ano para protexer ás súas produccións téxtiles.

Pedirlle aos países receptores que combatan a corrupción é un obxectivo loable. Tentar que o Tesouro e a Secretaría de estado confeccionen criterios rigorosos para a aplicación das axudas... é digno de aplauso. Xa que logo, mentres as sociedades subdesenvolvidas non confíen nas súas institucións propias, no estado de dereito nacional, ficarán eivadas para o desenvolvemento . Caso paradigmático é o arxentino onde os tres poderes fundamentais da democracia: Lexislativo, xudicial e executivo teñen un índice de rexeitamento social que se achega ao 90%. Con semellante panorama non é de estrañar que existan máis depósitos no exterior que nas entidades bancarias arxentinas do interior.( A Mesa para o Diálogo estimou en 100.000 millóns de dólares a cifra global dos aforros fugados).

Magoa que a inoportuna memoria histórica nos faga ser, sempre, tan desconfiados ao preguntarmos ¿Quen foron os que apoiaron e mantiveron no poder a mandatarios corruptos como: Alfonso Portillo, Alberto Fujimori, Pinochet, Valdimiro Montesinos Carlos Menem, Hugo Banzer, Arnoldo Alemán...?

O documento das 10.000 palabras, que recolle o “Consenso de Monterrey”, significa un indubidable paso adiante. Fixarse como obxectivo financiar a loita contra da pobreza mediante: o aumento do comercio internacional, elevando a axuda financeira para alixeirar o peso da débeda externa, atacar frontalmente a corrupción que entorpece a asignación eficaz dos recursos, incrementar as axudas en concepto de doazóns minguando outras fórmulas como os cretos e controlar as inestabilidades financeiras..., son unha invitación á esperanza. Compromisos como o de EEUU de asignar para a cooperación o 0,13% do seu PIB, superior aos 9 billóns de dólares, é un paso cativo pero na boa dirección. Que a UE aumente nun 25% a súa axuda, duplicando á norteamericana subíndoa ata o 0,39% do seu PIB, acadando os 34.000 millóns de dólares, ten que ser interpretado en clave positiva.

Mais entre liñas podemos ler, tamén, os disensos de Monterrey. Os directores do FMI e a OMC, e o Presidente do Banco Mundial, Hors Köhler, Mike Moore e James Wolfenson respectivamente, denunciaron que as barreiras proteccionistas que os EEUU e Europa poñen aos países productores do 3º mundo, son un dos factores claves do seu subdesenvolvemento. Mentres Bush fixo un auto de fe no liberalismo como xerador de riqueza, o tamén conservador Jacques Chirac, en plena campaña presidencial francesa, demandou a creación dunha Alianza Universal Contra da Pobreza, na que a Globalización da Solidariedade acompañase á Globalización Económica. “Que millóns de persoas vivan na indixencia extrema é unha situación inaceptable, economicamente absurda e politicamente perigosa”. Fixo un chisco cómplice á Taxa Tobin, demandou a creación dun Consello Mundial de Seguridade Económica e Social e mostrouse partidario dunha Convención Mundial sobre a Diversidade Cultural.

Menos diplomático estivo o presidente do G-77, Hugo Chávez, ao mencionar “...a hipocrisía dos países ricos, que non poden seguir gastando mil millóns de dólares diarios en subsidios agrícolas e logo pedir aos pobres que non subsidien..non só é inxusto, é tamén inmoral”.

Na Conferencia da Organización das Nacións Unidas, celebrada en Monterrey, para debater a Financiación ao Desenvolvemento, reiteráronse os argumentos da Cimeira do Milenio na que Nacións Unidas informou da existencia de 1.200 millóns de persoas, en todo o mundo, que malviven con pouco máis dun euro diario.

A pesares dos avances, aínda queda moito camiño por recorrer para atopar os 750.000 millóns de dólares adicionais e poder conseguir o obxectivo que se marcou a ONU de reducir a pobreza, a metade, antes do 2015. Está lonxe aquel desexo de Kofi Annan de vivir nun só mundo, non en dous. Máis ben semella que cada vez a distancia entre os mundos é maior, a extrema pobreza atrapa á quinta parte da humanidade. Un dobre mundo no que 850 millóns son analfabetos, 1.000 millóns non dispoñen de auga potable e 2.400 millóns non teñen servicios sanitarios.

Xa que logo, compre crer que “Outro Monterrey é posible” . Reequilibrar o poder mundial, democratizar as institucións que determinan o monto e as condicións da axuda. Establecer criterios máis obxectivos, que os elásticos da xeografía variable, aplicados polas grandes potencias na actualidade. Primar aos países que xeren máis riqueza, que atenúen as desigualdades. Penalizar aos que axuden a países corruptos, aos que vulneren os dereitos humanos, aos que limiten á democracia.

Mais non é posible demandar, inxenuamente, un incremento da axuda á cooperación aos países desenvolvidos, nin eticamente coherente, criticar á falta de compromiso dos EEUU á cooperación internacional, se dende Galicia se nega ou escatima a axuda á cooperación nas nosas institucións; se, non se establecen criterios de reparto que promovan a xustiza redistributiva.

Outro Monterrey é posible, sempre e cando outra Galicia e outro mundo sexa posible.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/03/2002