| Presencia-Opinión |
| Máis dereita Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 15/01/2002) |
|
Será o bávaro Edmund Stoiber quen se enfrontará ao chanceler Schröder o 22 de setembro. O pasado venres a presidenta da Unión Cristián Demócrata (CDU) renunciou a ser candidata nos próximos comicios federais. O líder da Unión Social Cristiá (CSU) e primeiro ministro de Baviera será o encargado de intentar que o período socialdemócrata non vaia máis alá dun interregno de catro anos, despois da longa etapa de dezaseis anos comandados polo conservador Helmunt Kohl. Para conseguilo presentase como un eficaz xestor económico que ofrece seguridade, control da inmigración e menos interferencias de Bruxelas. Ánxela Merkel asumiu a dirección dun desanimado partido conservador, contundentemente derrotado nos pasados comicios federais e sumido en constantes escándalos de corrupción, nos que se viu inmerso o mesmo Kohl. A filla dun sacerdote protestante da desaparecida RDA fora elixida polo “chanceler da unificación” para comandar a nova etapa do partido conservador. Ofrecía un maior recoñecemento popular, certas posibilidades electorais no norte, carisma de loitadora contra o comunismo, atractivo para unha ampla franxa do voto feminino e disputa do indefinido, pero sempre definitivo, voto de centro. Mais os lideres rexionais, nomeadamente os daqueles länder gobernados polos conservadores, sempre a acusaron de feble e inexperta. Ao final cedeu, renuncia á carreira electoral, pero conserva a presidencia da CDU. Os dirixentes da CDU situaron no cartel electoral ao presidente da póla pequena da alianza conservadora. O bávaro Stoiber será o encargado de bater ao chanceler Schröder. Para elo ofertará o exemplo da súa xestión ao fronte de Baviera, o länder con mellores índices económicos e que mellor está a resistir a recesión. Á eficaz contabilidade económica engadiralle o factor seguridade, tras o 11 de setembro, un valor ao alza. A contundencia contra o crime leva sempre o corolario do control das prácticas contrarias ao orde constitucional por parte dos estranxeiros. Eufemismos de man dura. A todo elo engádaselle unha actitude de desconfianza fronte a Bruxelas e teremos os clixés fundamentais dun político dereitista que está a ter importantes éxitos nestes comezos de século. Stoiber, dende a presidencia do partido bávaro da CSU tentará exportar o modelo do seu antecesor Franz Josef Strauss. O que fora popular primeiro ministro de Baviera e mesmo considerado modelo por outros dirixentes da dereita europea, asumira, en 1980, a candidatura da alianza conservadora fronte a Helmunt Schmidt. Fora amplamente derrotado. Aquel fracaso pódese repetir por razóns semellantes: desconfianza do norte fronte aos bávaros, agravada agora pola incorporación dos länder da vella RDA; renuncia ao centro e un chisco de excesiva actitude presuntuosa. Pola contra Schröder, quen ten en contra os efectos da recesión, poderá poñer en xogo as súas habilidades políticas, disputar o centro con maior comodidade e ofertar unha alianza gobernamental a dúas bandas, con Verdes ou Liberais , e mesmo capacidade de dialogo cos excomunistas do PDS. Stoiber será pois o que arrisque. Merkel contemplará a situación con tranquilidade. Aos seus 47 anos ten tempo. Si Stoiber gaña, poderá gabarse da súa xenerosidade ao renunciar á candidatura por ben do goberno conservador. Se o aspirante perde, ela converterase na aspirante natural para a seguinte convocatoria. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/01/2002
|