Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Macabro tempo de desconto
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 04/04/2002)
 
 

A xulgar polo desenvolvemento dos feitos en Oriente Próximo, a visita de Dick Cheney á rexión tiña unha única misión: dar o visto e prace a Ariel Sharon para extremar a súa presión sobre a comunidade palestina e Yaser Arafat. O agravamento da situación prodúcese escasas semanas despois de que as propias Nacións Unidas, a proposta de Washington, insinuaran o recoñecemento da condición estatal de Palestina e de que o propio secretario xeral, Kofi Annan, falase de “ocupación ilegal, uso innecesario da forza letal e humillacións diarias aos palestinos”. En Tel-Aviv, Sharon, deu por entrado nun macabro tempo de desconto.

Co desplante á ANP, Cheney revalidou a afirmación de Sharon respecto á autoridade de Arafat, segundo dixo, fóra de xogo, tan irrelevante que podía prescindir del coa axuda de media ducia de tanques. Pero a intensificación dos métodos de forza non evitarán as accións violentas contra a súa poboación civil. Violencia e represalias forman parte da mesma espiral sen fin, do mesmo suicidio.

A política tradicional de Washington baseouse na premisa de que Israel podía armarse ata os dentes por razóns de seguridade, mentres que aos palestinos estaballes terminantemente prohibido facer o mesmo. A falacia desa premisa que hipoteticamente debería servir para proporcionar a Tel-Aviv a maior das seguridades posibles queda en evidencia coa aparición dos homes-bomba, outra forma de desesperación levada ao extremo.

Bush e o seu gabinete, a diferencia de Clinton, liquidou en poucos meses aquela imaxe de aparente arbitraxe que todas as partes cuidaban de apadriñar e mimar, a sabendas das súas poderosas fendas. A fin de contas, soamente a Casa Branca tiña e ten capacidade real para presionar a Israel. Pero Bush rachou calquer atisbo de ecuanimidade, inclinando a balanza a favor de Sharon, impoñendo un silencio vergonzoso en Bruxelas e moderando un pouco máis a reiteradamente tibia condena árabe. Os gobernos de Estados Unidos e de Israel defenden os mesmos intereses. Hoxe máis ca nunca, sen complexos nin medias tintas.

O fracaso da política de Sharon é obvia a estas alturas e non se comprende, paradoxalmente, que a escalada de tensión propiciada nos últimos días non provoque nin a ruptura do gabinete (que fai Simon Peres de cómplice da súa estratexia belicista?), nin a multiplicación das iniciativas pacifistas dentro de Israel. O laborista Abrahan Burg, presidente da Knesset, habitual crítico coa política de ocupación dos Territorios que con Sharon recibiu un considerable impulso, semella a única voz disonante. Acusado polo Likud de proporcionar balóns de osíxeno a Arafat e de sabotear a política exterior israelí conducida polo seu propio compañeiro de filas, a radicalización de Sharon semella destinada tamén a eclipsar esta tentativa pacifista. Ás iniciativas de Burg, cómpre engadir o aumento de insumisos (máis de 300), aclamados como a “conciencia da nación” por Roman Bronfman, un inmigrante ruso e deputado de Opción democrática, ao remate dunha manifestación que reuniu a máis de quince mil persoas en Tel-Aviv a prol da paz e do diálogo. Ás poucas horas xa estaba ameazado de morte. A intolerancia de Sharon e dos seus partidarios non remata en Palestina senón que pretende extenuar aos seus detractores e extender os seus tentáculos cun verniz totalitario sobre o conxunto da sociedade israelí.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/04/2002