Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Perú para, Toledo abanea
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 14/05/2002)
 
 

O panorama non fai máis que ensombrecerse para o presidente de República do Perú, Alejandro Toledo Manrique. Este martes día 14 de maio, Perú parará seguindo a convocatoria de folga lanzada por sindicatos, confederacións , congresistas da oposición. A mobilización inscríbese dentro da campaña de protestas contra do proceso privatizador das empresas públicas do sector eléctrico Egesur e Egasa. Con índices desaprobación do 71,3% o liberal Cholo de Harvard (A.Toledo) ten incertas perspectivas de futuro na presidencia.

Ninguén dubida da fe democrática de Toledo Manrique. Foi un dos primeiros latinoamericanos en chamar polo seu nome o golpe de estado Venezolano, contra do presidente Hugo Chávez Frías e o 51% dos peruanos recoñécelle o seu esforzo prioritario en desmantelar o escorredizo fujimorismo, incrustado a eito nas aparatos administrativos, na estructura do estado e nos medios de comunicación.

A súa debilidade está na orientación da acción do seu goberno de corte confesada e convencidamente liberal. Case un 27,8% dos habitantes do país andino coidan que a maior preocupación presidencial é a xeración ou captación de investimentos privados, cando o feble crecemento económico non permite saír da pobreza crónica da inmensa maioría dos peruanos.

Aprazar por 30 días o proceso privatizador das eléctricas Egesur e Egasa,non convenceu a maioría dos convocantes do paro previsto para o día 14, aos que o goberno acusa de desestabilizadores.

Concordando coa coñecida filosofía politico-económica de Toledo, semella lóxica a privatización, mais os convocantes refugan que estean diante de concepcións ideolóxicas antagónicas, senón de leccións aprendidas das privatizacións emprendidas por Fujimori, cando o Perú vivía unha inflada burbulla de crecemento paralela á de C. Menem. Para Hugo Rojas Villanueva da mobilizadora fronte arequipeña non só existen limitacións constitucionais na Carta Magna do 93, senón que é a recente nefasta experiencia vivida no Perú e en América Latina ensinou que as privatizacións comportan despedimentos, tarifas altas e dúbidas no cubrimento dos servicios públicos en zonas afastadas e nada rendibles.

Entre os sectores partidarios que apoian a mobilización están tantos os comunistas como os socialdemócratas do cuestionado e brillante orador Alan García, que renaceu para a política logo da fuxida do dictador A. Fujimori. Consideran que unha empresa como Egasa, líder no sector eléctrico latinoamericano debe ser considerada como estratéxica dende o punto de vista económico e da soberanía política. O mesmo acontece coa empresa pública do petróleo para a que xa se está a preparar o seu futuro privado.

Para Jaime Quijandría Salmón, Ministro de Enerxía e Minas, non existe dúbida algunha sobre a constitucionalidade das privatizacións. Insiste teimosamente en que os 22 millóns de dólares que precisarían en investimentos as empresas, poder ser empregados con maior rendibilidade en sectores máis necesitados para os que agora non existen recursos orzamentarios. Mesmo se mostra disposto a ensaiar un innovador asemblearismo privatizador e investir na cidade de Arequipa a metade os cartos recadados na privatización, previo consenso coa sociedade civil nas prioridades.

Xa, poucos latinoamericanos se deixan enfeitizar polas bondades das privatizacións. Existen sobrados argumentos tirados da década dos 90 para ser razoablemente desconfiados.

Trascorrido un ano dende as eleccións presidenciais, os peruanos non acreditan nin no seu presidente, nin no seu parlamento (63%), pero son conscientes de que herdou un país en crise política e económica, logo da outrora aplaudida era Fujimori. Coidan que Alejandro Toledo merece outra oportunidade, pero comezar a agromar dúbidas sobre se a meteórica luz emerxente do Cholo de Harvard, terá enerxía suficiente como para chegar alumando ata a fin do seu mandato presidencial no 2006.

En vista dos acontecido nos últimos meses, non está de máis expresar que calquera rumbo que tome o país sexa sempre por procedementos democráticos.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/05/2002