Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Italia: Mi consenta / Mire usted
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 16/04/2002)
 
 

¿Existe un réxime, cando menos incipiente, en Italia? Así se dirixía ós lectores-cidadáns italianos un editorial de La Repubblica deste mes de abril. O argumento non podía senón partir de algo tan querido ós italianos como é a semiótica. Claro que o significado das palabras pode, ás veces, non ter tanta carga como a entonación e o número de veces que se repitan. Así “Mi consenta” (permítame...) e “Mire Vd”, se ben non proveñen da mesma familia léxica e son ambas corteses expresións baleiras, repetidas machaconamente, nun ton cada vez menos cortés, nun discurso dunha autoridade a cada volta máis soberbia, poden adianta-lo sentido enteiro do que segue: só me escoito a min mesmo.

O devandito artigo concluía que, polo menos, sí existe un réxime berlusconiano, tan vistoso que dana a vista; dominio mediático (privado e público); cultura de empresa (con subcapitalismo parasitario); liberalismo ambigüo (ata onde convén); man gobernativa sobre a xudicial; fuga de Europa.

Só sobre a última, naturalmente, amosa a Unión Europea certa preocupación, se ben é a característica máis relativa. Italia, tradicionalmente o país, goberno e cidadanía, máis entusiasta nos seus sís ás decisións comunitarias, ten sido, tamén tradicionalmente, o país que máis tardaba en formula-las correspondentes adaptacións. Malia certas declaracións (sobre todo francesas, algunha alemana) acerca de que se vixiará o talante “europeo” –referíndose á democracia-, do goberno Berlusconi, penso máis ben que todos están certos de que o discurso “Máis Italia, menos Europa” é de consumo interno.

Berlusconi ten un discurso, democrático, europeo, para Europa; e outro, non democrático, para Italia, que non sae dalí. O 28 de marzo, mentres centos de manifestantes percorren Roma, unha semana despois da manifestación dos dous millóns (2 millóns de terroristas, Bossi dixit), e a mes escaso da xornada de folga xeral, Berlusconi autoentrevístase durante catro horas no show televisivo do seu amigo Maurizio Constanzo e dí cousas así: “debemos dete-las naves antes de que desembarquen (os inmigrantes); doutro xeito nós seremos os botados fóra”, aliñándose coa tese do seu ministro Bossi, que tanto espaventou a Bruxelas. Auga bendita.

O certo é que a política de Berlusconi (entendámonos: a política Económica), non é en absoluto contraproducente coas directrices neoliberais comunitarias. É máis, tódolos medios comunitarios conclúen que os deputados de Forza Italia no Parlamento europeo son os máis “disciplinados”. Podería dicirse que aínda os que hoxe seguen a fustigar a Berlusconi, ideoloxicamente, no fondo, sonlle afíns.

A inclusión no goberno italiano dun partido que se autodenomina “postfascista” (¿que é iso?), Alleanza Nazionale, e dun partido segregacionista e xenófobo, a Lega Nord, semella que é, para Bruxelas, unha cuestión de forma que non merece sequera a atención que suscitou o caso Haider- Austria.

En realidade, AN e a Lega non representan, no fondo, ideas máis ultradereitistas que as do mesmo partido do primeiro ministro, Forza Italia, que é o gañador absoluto das últimas eleccións. O Forza Italia de Berluisconi roza entón o 30% dos votos, á altura da vella Democracia Cristiá. Forza Italia é unha forza política que vén estructurándose fortemente dende a súa breve estancia no goberno entre 1994 e 95. Berlusconi vén saíndo, unha e outra vez, indemne das ducias de xuízos celebrados (financiamento indebido de partido político, falsos balances, falso testemuño, conexións mafiosas), non por ser declarado inocente, senón por amnistías e prescricións dos delictos. Agora, o Parlamento (cunha oposición en fuga e en clara minoría) vén de aproba-la lei que lle permitirá defenderse non nos xuízos, senón dos xuizos. Tanto a el como ós seus máis cercanos colaboradores, por exemplo ó subsecretario de Cultura –o insoportable Vittorio Sgarbi-, que acumula el só máis de 22 causas pendentes e algunha condena, debendo a liberdade unicamente á inmunidade parlamentaria da que disfruta.

No tempo que vai dende 1995 á victoria nas eleccións xerais de 2001, marcado por unha imperdoable falla de visión e recursos políticos na colición de esquerda, Berlusconi engorda a súa nova empresa, Forza Italia, segundo un vello concepto, o do ANTIPARTIDO. En 1918, dende o seu diario “Il Popolo d´Italia”, Mussolini falaba de algo así: “nós constituiremos o antipartido dos realizadores, unha organización fascista, que non terá nada en común co credo, os dogmas, a mentalidade e, sobre todo, cos prexuízos dos vellos partidos”. Os fasci eran un antipartido; tamén o foi Falange en España.

Un partido tal que recolle o descontento contra a clase política e a mesma política e que propón un inaceptable culto á personalidade. Berlusconi recolle agora o descontento e a falla de norte deixados polos procesos de Tangentopoli, que acabaron cos grandes partidos, Democracia Cristiá e Partido Socialista Italiano, cun argumento sen límites: ós políticos podémolos mercar, paro a min ninguén me pode mercar. Quere dicir, evidentemente, que: “teño tanto diñeiro, que ninguén me pode mercar”. O problema, o gran problema, non é que alguén o merque, senón que el continúe mercando.

Por exemplo, que a súa Mediaset merque a alemana Kirch. Isto si semella que inqueda a Sröheder, moito máis que a ultradereita que forma a coalición do goberno italiano, malia que Alemaña foi quen impulsou as sancións contra Austria cando Haider accedeu ó equipo de goberno. Alemaña sabía entón que Haider atopaba, á dereita do centro xermano, un consenso non explicitado, que o facía tanto máis perigoso en tanto que entre a opinión pública alemana e a austríaca non existe ningunha barreira linguística nin televisiva. Como apuntaba Eggert Blum no seu artigo “Silvio, o meridional”, non é o mesmo que os mozos vexan na TV a Haider exhibir, con guapura sportwear televisiva, a súa demagoxia antisemita, que ver, por exemplo, a Bossi, padano pero meridional, mal que lle pese.

E é que nesta orgánica Italia-Empresa, ante os desmans verbais de Silvio e Bossi, preséntase agora Fini, líder de Alleanza Nazionale, como o máis mesurado, o máis filoeuropeo e, o que é máis inquedante, como o máis intelixente; un “político hábil” é a expresión que multiplican os xornais, tamén a rúa.

O longo camiño percorrido por Fini cara á lexitimidade, a normalización, parte do congreso de Figgi de 1995 onde o postfascismo amosou que estaba disposto a pagar tódolos prezos pedidos por Berlusconi; basicamente, repudio do fascismo populista e recuperación do réxime.

Pero os símbolos teñen aínda a súa importancia, tamén para o máis político dos membros do equipo Berlusconi, símbolo da autofábula do home ordinario feito a sí mesmo. Moitos pensaban que no recente congreso de Bologna de AN, Fini cancelaría a chama tricolor do logo (a “fiamma” mussoliniana); pero a chama “non si tocca”, aínda que no novo deseño queda empequerrechada. Fini senta en primeira fila outros dous símbolos, as viúvas do seu mentor, Giorgio Almirante, e do colega Tatarella, vellas rochas do fascismo máis torvo, o aliado ó nazismo ata a última hora e que aínda hoxe segue a marca-lo complexo de culpa e inferioridade de Italia.

Este Fini, que a finais dos aínda cercanos 90, votaba contra Maastrich, congratulábase cos éxitos de Le Pen, e definía a Mussolini como “o máis grande estadista do século”, redímese agora coa lexitimación dos socios comunitarios que lle abriron as portas (tamén niso Piqué e Straw foron decisivos) deste incerto e decisivo proceso constituínte que prepara a Constitución europea.

Roberto Einaudi, presidente da editorial da que é agora dono Berlusconi, e liberal convencido, sinalaba nunha entrevista que Berlusconi, para mante-lo poder, debería favorecer a ignorancia, cousa que leva, por outra parte, facendo dende o seu dominio mediático dende hai case 15 anos. A isto chámaselle fascismo. Un fascismo moral, fronte ó ideolóxico de Fini. Un fascismo que implica unha cesión moral, complicidade coa manipulación das ideas, “egoísmo, estupidez, incultura, contiñeirismo, moralismo, coacción, conformismo” (Passolini, 1962).

Outro intelectual, Andrea Camillieri, está pensando xa na reconstrucción de Italia despois “de que teña pasado el”, (Berlusconi), como na Italia de 1946. pero isto, no fondo, é xa outro modo de conformismo.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2002