Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Hugo Chávez, respira
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 26/02/2002)
 
 

Nas últimas semanas, Chávez ven de pasar os seus momentos máis delicados. Primeiro tivo quen enfrontarse a turrada da Fedecámaras (Empresariado) en forma de folga patronal, despois viviu intensos momentos de crispación cos máis poderosos medios de comunicación e coa Igrexa. Finalmente foi o estamento militar -cos pronunciamentos do coronel de aviación Pedro Soto, dos xenerais Ovidio Poggioli e Guaicaipuro Lameda, do capitán Pedro Flores e do contraalmirante Carlos Molina Tamayo-, quen elevou a tensión ata o punto máis crítico do actual mandato presidencial.

Esta fin de semana a declaración de lealdade constitucional do xeneral en xefe das forzas armadas Lucas Rincón e unha enquisa que rexeita os métodos non democráticos para mudar de presidente, significan un evidente respiro para un presidente en apuros.

A crise Venezolana, que antecedeu ás de Brasil, Ecuador e Arxentina, varreu á clase política tradicional. O PIB do país caribeño caeu un 7% entre os anos 1998-1999. Dende a chegada ao poder a fins de 1998, Hugo Chávez revalidou o seu mandato con triunfo en seis procesos electorais, pero a súa figura nunca estivo tan desgastada, a pesar de conseguir reducir drasticamente a inflación e de acadar un crecemento positivo da economía que no 2000 foi do 3,5% e no 2001 estivo no 2,7%.

A pesar, mesmo, de balances positivos na xestión económica, Venezuela vive sumida como a maioría dos países do continente nunha aguda situación de pobreza que algúns estudios sitúan ao redor do 80% e cun PNB/hab que non chega a metade do que posúen os arxentinos.

Para o ano en curso as perspectivas empeoran a cada instante. A caída do prezo do cru ata os 14$, incrementou o déficil fiscal da nación e levou ao presidente a anunciar a volta aos tempos das restriccións. Na mensaxe lanzada diante da Asemblea lexislativa o 17 de xaneiro, anunciou que o 2002 ía ser un ano duro, no que se farían restriccións orzamentarias e modificacións fiscais para tentar equilibrar as contas do estado que presentaban un déficit fiscal de 8000 millóns de dólares.

Momentos de apuro, que serviron para acentuar as arremetidas de poderosos estamentos sociais que pedían a renuncia presidencial ou clamaban impunemente pola desobediencia civil.

Sen embargo Hugo Chávez ven de recibir dous importantes apoios nos últimos días. En primeiro lugar o do Xeneral en Xefe da Forzas Armadas Lucas Rincón que asegurou “O exército defende as institucións legalmente constituídas por votación popular. ... Somos leais ao señor presidente da República. Ratificamos a posición democrática das Forzas Armadas. O que queremos é paz e saír pacificamente desta situación de incerteza”.

Lealdade militar, explicitada publicamente, que lle vai permitir sancionar co pase á reserva, sen presións castrenses, aos seis militares disidentes, algúns deles identificados cos anteriores gobernos corruptos.

Pero a maior tranquilidade veulle a Chávez en forma de enquisa feita polo Instituto Venezolano de Análise de Datos, entre os días 6 e 18 de febreiro. Nela o 88% dos enquisados opta por procesos de elección democrática para cambiar ao actual presidente. Só un 8% aceptaría que se substituíse a Chávez por calquera medio, licito ou non.

O presidente Chávez aínda conserva unha boa porcentaxe de simpatía, reducida a metade desde as eleccións do 2000 nas que acadara un 60% dos votos. Mais, 8 de cada 10 venezolanos, demándalle que mude a súa actitude de enfrontamento dialéctico que leva a crispación social e que perturba a convivencia cívica (Igrexa, prensa, sindicatos, empresarios...).

A pesar do desgaste, por certo que en pouco se diferencia ao que sofren presidentes como Alejandro Toledo en Perú ou Fox en México, o seu partido o Movemento Quinta República (MVR) é o partido que consigue unha maior aceptación entre os votantes, moi por riba da Alianza Democrática ou do Primeiro Xustiza.

A única figura que lle fai sombra na actualidade é o alcalde maior de Caracas, Alfredo Peña, quen deixou as filas do oficialismo para converterse nun dos máis incisivos inimigos, apoiado por unha batería de grupos mediáticos enfrontados nunha encarnizada pugna co presidente Chávez.

O pragmatismo que o líder bolivariano precisa para sobrevivir ten que demostralo a cada paso. Se cos documentos difundidos pola prensa venezolana o 30 de xaneiro ou co pequeno avión Cessma interceptado polas forzas aéreas colombianas, que transportaban 15 000 municións para os fusiles AK47 das FARC..., se pretendía acreditar a presunta relación do goberno venezolano coas FARC; a inmediata declaración do goberno venezolano apoiando ao Presidente Pastrana na ruptura do proceso de diálogo, pechou unha das frontes abertas.

Aínda así quedan moitas máis, só falta por comprobar se aplicará a man esquerda que a sociedade lle demanda.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/02/2002