Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
¿Terceira vía ou vía morta?
Por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Enclave, outubro/2002)
 
 

O nome foi confuso e inoportuno. As esperanzas muitas. O resultado, xa no quinto ano de poder e no segundo mandato parlamentar, un desengano, no ideolóxico e no práctico.

Falouse pouco ou nada de Terceira Vía na campaa que levou ao poder ao partido de Tony Blair. A campaa de 1997, obra prima de marketing e imaxe, non ía encamiñada, de maneira nengunha, a gañar votos dos esquerdistas desapontados, senon a facer “elexibel” o partido, desacreditado no mandato de Callagham, que trouxo o revulsivo de Margaret Thatcher e os anos de desnorteio, esgotamento e desbandada moral da oposición. Por cima diso, a desmoralización dos conservadores e a falta de probidade moral dos seus políticos nos anos da sucesión de John Major aumentaron a impaciencia dos cidadáns. Sopraban ventos de cambio. A victoria eleitoral explícase polo medo da sociedade a perder unhas conquistas de benestar social que tudos querían conservar. Chegara un momento en que a incompetencia, o autoritarismo e a burocracia (que eran de sempre as chatas que afeaban ao laborismo) non importaban tanto porque as compensaba saber que os laboristas defenderían o sistema de benestar por cima de todo.

A “elexibilidade” tíñase convertido nunha verdadeira obsesión dun sector de políticos laboristas que temían seren relegados a unha oposición permanente. A limpeza das tendencias mais de esquerda tia xa comezado con Neil Kinnock. Mas o que podería entenderse en 1997 e alguns anos depois, xa non era necesario en 1997. Tony Blair exaxerou no esforzo de marcar distancias coa tradición laborista. Tería abondado con que o laborismo propuxese un retorno á política no mellor sentido da palabra e soprara nas brasas que ainda quedaban na borralla do incendio thatcherián.

A verdade é que a terceira vía xa existía e tia funcionado por décadas e décadas nas illas británicas. Era o chamado movimento laborista: partido, sindicatos e cooperativas. Abonda lembrarse das gargalladas que lles causaba aos socialistas de corte clásico a praxe dese movimento. “Fabiano”era un insulto que lanzaban moitos que hoxe daríanse por contentes cunhas migallas do progresismo social dos homes e as mulleres daquela inspiración. Aquilo foi unha via entre o capitalismo e o socialismo revolucionario, e por esa vía chegaron avances sociais como o Servicio Nacional de Saúde ou a educación gratuita a todos os niveis, que o Novo Laborismo encontra incómodos e, por suposto, nen é xa capaz de crialos, mas nen sequer de xerencialos.

Fálase de que o laborismo tradicional perdeu a sua base social. Abonda ler as estadísticas de concentración da riqueza, ou viver de perto a extrema precariedade laboral, que en nada disminuiu senon todo o contrario nos cinco anos de poder neolaborista con esmagadora maioría parlamentar, para ver que non hai tal cousa.

Hai quen pensa que unha sociedade fondamente mudada non permitía a adaptación do vello laborismo para resolver os novos problemas. Pode ser difícil distinguir a aceitación de novas situacións pensando en resolvelas e o entreguismo a unha realidade que se xulga inexorabel e fatídica. Nese dilema afundou a socialdemocracia en cuase tudos os países. Os motivos poden ser varios: desde o maís cru de que o capitalismo precisaba “comprar” partidos avermellados até a inanide doutrinal xunguida á ambición de tocar poder dos que entran na vida política e queren un futuro para a sua carreira. O laborismo tia recursos que podía ter utilizado. Errou no diagnóstico e deixouse levar por exemplos alleios, e muito en especial polo do novo progresismo de Bill Clinton nos Estados Unidos.

A situación de 1997 tiña muito de reversíbel. Aparte da evolución mundial, muito nela debíase á brutalidade da revolución de Thatcher, que tia destragado grande parte do tecido social en que asentaba a política británica a sua auténtica terceira vía. Facía falta unha actitude igualmente firme para frear esa revolución reaccionaria e darlle marcha a ré. O momento permitíao. Foi decisión consciente do Novo Laborismo non facelo. E, o que é pior ainda, aproveitar moitos dos resultados da época anterior para maior comodidade. Por exemplo, o castigo dos sindicatos por Thatcher, que os deixou reducidos cuase á inoperáncia, facilitou muitísimo o labor do goberno de Blair. E hai que ter en conta que os sindicatos foron sempre unha forza de relativa direita no movimento laborista. Unha das forzas pois que podían ter contribuido ao reprantexamento que había que facer dentro dunha ética socialista, ou simplesmente social. Blair, pelo contrario, só falou có capital

Hoxe pódense xa resumir os desenganos do Novo Laborismo. O proprio Goberno decatouse de que tia fracasado na provisión der servicios públicos e prometeu ocuparse diso antes do que nada mais no seu segundo mandato. Mas resultou que os servicios públicos non funcionan cando se encomendan á empresa privada. Foi estrepitoso o fracaso da privatización dos servicios ferroviarios, que deu lugar a desastres e perdas de vidas polo mau estado da infraestructura e o feito de que as novas empresas non tiñan invertido en reparala e ocupáranse únicamente de comercializar con tendas variopintas os espacios das estacións. Houbo que renacionalizar, practicamente, Railtrack, a empresa que toma conta da infraestructura. Mas o verdadeiramente escandaloso foi que as perdas coas que terían que carregar os accionistas na lóxica da privatización, foron compensadas con fondos públicos. Igual aconteceu con outras empresas privatizadas, e parece que vai acontecer coa da enerxía nuclear, British Energy, que recibirá unha fortísima inyección de diñeiro dos contribuintes, chamada de préstamo. É dicer, que o contribuinte remata pagando por tudo, incluso os dividendos que non resultaron tan brillantes como se agardaba.

A crise de servicios básicos como os de saude e educación aumenta cada día por motivos semellantes. As listas de espera dos hospitais seguen sendo longuísimas. A motivación do personal de enfermeiras e enfermeiros, e dos docentes, está sendo golpeada cada día tambén. En termos comerciais non pode resistir a competencia e o mal exemplo dunha desigualdade salarial inxustificada e das fortunas especulativas baseadas na desatención a toda consideración moral ou solidaria. Difícil ter bos servicios públicos sen ética pública.

É mui importante para xulgar a traiectoria do novo laborismo, e tambén para procurar vieiros para o pensamento e acción progresista no futuro, reparar nun deses recursos da sociedade británica que podería ter aproveitado e desenvolvido a liña de Blair e que, pelo contrario, desatendeu e castigou. Tratáse das muitas actividades asociativas nascidas sen ánimo de lucro, en réxime de voluntariado muitas veces, que tanto contribuiron á prestación dos servicios públicos. Desde as asociacións de amigos dos hospitais até os repartidores de comidas a domicilio para as personas de idade avanzada. E xa noutra escala, as grandes institucións públicas mas non estatais, da que foi o millor exemplo a BBC, hoxe ameazada tamén polo entusiasmo privatizador do novo laborismo, cando antes eran os conservadores os que se impacientaban cando tomaba posicións diferentes do goberno, como sucedeu na crise de Suez. Todo iso afincaba nun espíritu de respeito e de interés pola dignidade de tudos, unha sociabilidade no mellor sentido da palavra, que hoxe ridiculizan os apóstoles do interés egoista onde menos cabía esperalo: no fogar do que ainda se chama laborismo.

Non hai por que pensar que tudo ten que ser ou estado ou empresa privada. Esas actividades de índole altruista non eran estatais, mas tampouco eran empresariais. Tian un valor exemplar e demostraban que o Estado non ten o monopolio do interés público , ou que non hai mais alternativa que a empresa privada rexida polos beneficios.

Unhas cifras reveladoras de desapontamento: Cando Blair gaou as eleccións de 1997 o Partido tia mais de 400.000 membros. Hoxe ten 227.000. No ano pasado perdeu 40.000. E ten un déficit de perto de 9 millóns de libras, que os sindicatos financiarán ou non. Algúns millonarios que Blair cultivaba muito e fixeran doacións xenerosas foron tan avergoñados pola prensa que agora retráense.

Un balance mui negativo, que fai pensar que esta vía é unha via morta.

 
 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/09/2002