| Presencia-Opinión |
| Unindo Centroamérica Por David Reinero González (Canal Mundo, 19/11/2002) |
|
A pasada semana presentábase en Madrid, perante un amplo grupo de empresas españolas, o Plan Puebla-Panamá. Foi máis ben a súa promoción ante os inversores españois xa que o Plan (PPP na nomenclatura para iniciados) hai xa dous anos que botou a andar, en parte pola iniciativa do Presidente mexicano Vicente Fox. Neste tempo sentáronse as bases de funcionamento polas que se coordinan, a través do Plan, as distintas actuacións de desenvolvemento rexional realizadas por Panamá, Nicaragua, Honduras, Guatemala, El Salvador, Costa Rica, Belice e nove estados do Sur de México. Isto é, os territorios que se atopan entre Panamá e o estado mexicano de Puebla que dan nome ó Plan. O PPP ten como obxectivo a mellora integral das infraestructuras da rexión de forma que constitúan unha base sólida sobre a que asentar o desenvolvemento económico e humano. E o adxectivo sólido hai que aplicalo neste caso ás infraestructuras con todos os seus significados xa que non se poden esquecer os constantes desastres naturais que azoutan a rexión. Para cumprir ese obxectivo, o PPP ten xa en marcha unha trintena de proxectos arredor de oito sectores diferenciados: desenvolvemento humano, desenvolvemento sostible, facilitamento do intercambio comercial, integración dos servicios de telecomunicacións, integración vial, interconexión enerxética, prevención de desastres e turismo. Para aprobar e executar ditos proxectos, o Plan conta cunha Comisión Executiva, órgano de decisión formado por oito comisarios nomeados cada un por un país e responsables á súa vez de cada un dos oito sectores de traballo antes mencionados. Xunto a esa comisión, o PPP dispón dun Grupo Técnico Interinstitucional e dunha Comisión de Financiamento. E é precisamente de diñeiro do que se falou en Madrid. O Plan conta xa cun financiamento de 4.200 millóns de dólares en proxectos cun costo identificado, dos cales o 28 por cento corresponde a financiamento privado. A intención é incrementar dita porcentaxe e atraer á zona a empresas que poidan contribuír á creación de emprego e que se poidan beneficiar das infraestructuras creadas. Alí se atopan xa empresas galegas, como Pescanova, que ten realizado inversións arredor dos 45 millóns de dólares para a explotación do atún e que xa se está aproveitando das melloras realizadas nas instalacións portuarias da rexión. A viabilidade do proxecto do PPP e os seus abraiantes resultados nun prazo de tempo tan curto residen no seu carácter eminentemente funcional. Non se está a falar aquí dun proceso de integración máis ou menos político que podería ficar estancado pola diversidade de perspectivas entre dirixentes ou por cambios de goberno. O que se está é creando infraestructura sobre a que hai acordos unánimes en toda a rexión. Desta maneira, os integrantes do Plan dispoñen dunha maior capacidade de negociación ó acudiren ante os países doantes cun proxecto común, consensuado e consultado á sociedade civil. Semellante funcionalismo na definición dos proxectos concretos lembra en certa medida ó principio rector do embrión orixinario da Unión Europea, a CECA. Sen embargo, o Plan non pretende substituír nin pasar por alto outros tratados de integración económica como a Comunidade Centroamericana, o ALCA ou o TLC. A súa función é outra e precisamente por non ser nin tan política nin tan económica pode ter máis éxito que outros acordos rexionais coma o estancado Pacto Andino, de carácter fundamentalmente político. O primeiro neste caso será construír as estradas e logo xa se discutirá qué mercadorías poden circular por elas. |
|
David Reinero González é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/11/2002
|