| Presencia-Opinión |
| Un ano de política exterior norteamericana Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 10/09/2002) |
|
Está moi estendida a visión de que a política internacional obedece a criterios matinados, sopesados con tempo, incluso planificados con parsimonia. Cando menos esta é a imaxe que se proxecta en moitos medios especializados e que compartimos en maior ou menor medida case todos. Algo de verdade debe haber nesta sensación, ¡pero menos!. Por exemplo a política exterior da actual administración norteamericana dá a impresión de obedecer máis a impulsos do momento que a unha reflexión profunda sobre a situación mundial. Vexamos. Os republicanos acadaron a victoria electoral, daquel xeito, cun programa centrado nas cuestións internas. Os eixes sobre os que se construía a política exterior eran basicamente os seguintes:
Naquela altura, mesmo Bush Júnior tiña a gala a súa ignorancia en cuestións internacionais. As primeiras decisións da administración republicana seguían estas pautas. Aos poucos días de iniciado o mandato o Secretario de Defensa confirmaba o proxecto do Sistema de Defensa Nacional Antimísiles ao tempo que consideraba o Tratado de Defensa Antimísiles (ABM) como unha reliquia da Guerra Fría e demandaba a integración da UE dentro do futuro sistema defensivo, co conseguinte aumento dos gastos militares. Aos cen días da súa chegada á Casa Branca, Bush tiña bombardeado Iraq, expulsado a varios espías rusos, botado un pulso a China pola cuestión de Taiwan, desprezado o Tratado de Kioto, confirmado as explotacións petrolíferas en Alasca, abandonado en mans do goberno israelí o proceso de paz de Oriente Medio e mesmo premido sobre a UE para baixar os tipos de interese. Así as cousas os sanguentos atentados do 11-S modificaron substancialmente a política exterior norteamericana. Por unha banda o inimigo personificouse en Ben Laden e os talibán, ao tempo que se difuminaba no termo “terrorismo internacional”, que logo se concretaría no “eixo do mal” que, a súa vez, non quedaba exactamente definido, xa que os estados que o forman varían en función de circunstancias ou da opinión dos dirixentes. Mesmo algún conselleiro presidencial chegou a escribir que sería conveniente incluír ao Brasil na lista por si o líder do PT chegaba a gañar as presidenciais. As prioridades internas tamén mudaron. Nos orzamentos do 2002 os gastos de Defensa aumentaron un 12% mentres que os de Seguridade Interior fixérono nun 111%. O aumento do gasto militar foi espectacular; en termos absolutos: 48.000 millóns de dólares. O historiador Paul Kennedy ten calculado que o orzamento actual do Pentágono é semellante ao dos nove ou dez estados que máis gastan en defensa. A presencia de tropas no exterior non só non se reduciu senón que aumentou considerablemente e en consecuencia os gastos. Na actualidade hai soldados norteamericanos, dun xeito ou doutro, en 10 países europeos (Bélxica, Alemaña, Reino Unido, Macedonia, Serbia-Kosovo, Bosnia, Portugal, España, Italia e Islandia) en 9 estados de Oriente Próximo e Asia Central (Xeorxia, Uzbequistán, Paquistán, Afganistán, Kuwait, Arabia Saudita, Bahrein, Diego García, e Iemen) en tres do Extremo Oriente (Xapón, Corea do Sur e Filipinas) e en dous de América (Colombia e Cuba). Ademais de catro forzas navais estables, no Atlántico Norte, no Índico e no Pacífico, con preto de 150.000 soldados. Os ataques do 11-S conmocionaron á sociedade norteamericana, por primeira vez na historia un ataque exterior provocaba víctimas e destruía infraestructuras en territorio norteamericano, e aumentou ás simpatías dos EE UU en moitos países. Nos meses posteriores a posibilidade de erguer unha ampla e sólida coalición internacional contra o terrorismo era evidente, facilitada ademais pola “dereitización” da sociedade europea, o silencio interesado de Rusia, a crise económica sudamericana, etc... Pola contra a administración norteamericana optou pola “unipolaridade absoluta”, por deixar patente que non necesita que ninguén a aconselle, que os aliados son convidados de pedra, por unha política exterior fundada na vella combinación da “diplomacia do dólar” e a do “pao” abandonando a da anterior administración demócrata que poderíamos denominar como a do “amigo americano”. Esta liña de actuación provocou en poucos meses as reticencias dos aliados no mundo árabe, a desconfianza entre a cidadanía europea e o cansazo na norteamericana polo recorte nas liberdades individuais, o aumento das críticas en círculos diplomáticos e intelectuais e mesmo a división entre “falcóns” e “pombas”. Semella que os primeiros son os que deciden pero foi a “pomba” Powell quen tivo que escoitar pitos e increpacións en Johannesburgo que expresan o crecente malestar internacional coa política de Washington. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 07/09/2002
|