Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia
Caspio: Os dividendos das Provincias
Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 05/03/2002)
 
 

Entre os días 26 e 27 do pasado mes de febreiro celebrouse en Moscova a Conferencia sobre o Réxime Legal do Caspio. Momento non menos axeitado ca outros, pois só nos últimos tempos a reunión fora suspendida en decembro de 2000 e en abril de 2001. Non estamos, nembargantes, ante un fito ilustre na historia do dereito Internacional do Mar, aínda se o Caspio fose só un lago grande como sostén Rusia, e aínda que lograra establecer bases de entendemento entre todos os Estados ribeiregos: a mesma Rusia, Azerbaiyán, Kazajstán, Turkmenistán, e máis Irán.

A calidade dos convidados conforma unha mesa un tanto grotesca, pero abertamente reveladora: eminentes especialistas en Dereito Internacional, dirixentes dos ministerios de Exteriores dos 5 países do Caspio, parlamentarios, o Departamento de Estado dos EE.UU, e representantes das compañías petroleiras rectoras.

Pensándoo ben, si pode ser esta unha boa data para tomar tan importantes decisións, porque probablemente os cinco, Turkmenistán, Azerbaiyán, Kazajstán, tamén Rusa e Irán, ferven por discuti-los rendementos das aportacións, maiores ou menores, ofertadas ós EE.UU na guerra contra os Talibán.

A pesares dun pequeno achegamento na cuestión da conservación dos recursos biolóxicos do Caspio (ou sexa, un rexime para o esturión, o caviar), da reunión saen máis desacordos que acordos, e é evidente que señores tan poderosos (Eni, ExxonMobil, Shell, BP-Amoco, British Gas, Impex, Phillips, TotalFinaElf, Statoil, etc.) non están en Moscova para resolve-las necesidades culinarias de Occidente, senón máis ben para satisface-lo propio apetito na sinatura de custosos megaproxectos para transferi-los hidrocarburos, sexa cara Europa, sexa cara China (moi interesada no gas kazako) e India.

Semella que unha Convención Internacional sobre Dereito do Mar sexa un marco un pouco ríxido para sentar tamén ó Pentágono e as súas filiais do armamento. Porque as liñas que se están a trazar nos vellos dominios da URSS son as liñas económicas de saída (os oleoductos e gaseoductos) que lles poñen os piares ás liñas xeopolíticas de entrada, ás liñas que outrora se chamaban de ocupación ou conquista, e que nos remiten á presencia de tropas e asesores militares de EE.UU en Uzbekistán, Tayikistán e Kirguizistán, agora tamén en Xeorxia. Unhas e outras son, naturalmente, a mesma cousa, porque na política internacional poden muda-las circunstancias, pero non as inclinacións.

As liñas de saída do petróleo, de entrada das Compañías, veñen marcadas pola xeografía: vía Rusia (mellor desfacéndose da guerrilla chechena, xa veremos); vía Afganistán (vía case libre, de talibáns, xa), e vía Irán, evitable coa escusa do embargo estadounidense. As liñas de entrada veñen deseñadas pola prioridade da política exterior EE.UU dende a caída e desmembramento da vella URSS, e representadas nas alianzas militares que desenvolve na zona da man dun enxendro sen estructura, a "Asociación para a Paz" da OTAN.

Son liñas que comezan co bombardeamento e destrucción de Iugoslavia, que pecharon tamén a posibilidade de que o gas e mailo petróleo do Caspio chegasen a Europa polas infraestructuras de filiación rusa. Ou tamén co canoneo de Iraq, que induce un aumento dos prezos do barril que fai que todos viren a testa ós novos xacementos do Caspio.
Pero, como observa Cecil Wiliams en outubro no Workers World, a influencia de EE.UU na zona do Caspio e Asia Central estaba a ser ameazada polos acordos das bancas xermanas e a Lukoil e a Gazprom, as principais compañías enerxéticas rusas; ou coas negociacións económicas de China con Kazajstán e Turkmenistán; ou co concordato ruso-iraniano da división do Caspio; ou co pacto ruso-chinés de asistencia mutua...

Nunha comunicación do Ministerio de Asuntos Exteriores da Federación Rusa, o viceministro de AA.EE, e Representante Especial do Presidente de Rusia na Conferencia do Caspio, Viktor Kalyuzhny, referíase sen ironías a EE.UU como responsable do desenvolvemento e realización da política no Caspio. Ser "responsable do desenvolvemento" é unha cousa que non se acada no medio ano que dista dende Setembro. Xa no 98, o New York Times Magazine describía Azerbaiyán coma un "novo far west", onde a cada paso se podían atopar ducias de representantes máis ou menos oficiais de grandes compañías petrolíferas, diplomáticos e espías, do Oeste e do Leste, situación que se repetía en Turkmenistán ou Kazajstán.

Todos estes que agora son o Goberno na Sombra dos EE.UU, e que teñen decidido rachar todos os límites democrático-constitucionais no interno coma no externo gracias a Bush júnior e a mansidade da "comunidade internacional", foron tecendo esas escuras redes nas que ninguén sabe moi ben para quen traballa (¿para Exipto?, ¿para Pakistán?, ¿para Arabia Saudí?) ata que é desaparecido. Os imperios, tamén os informais, forxan as súas Provincias así, pero non en seis meses.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/03/2002