Presencia-OpiniónVolver ó índice / Asia
Cachemira, unha longa crise
Por Xulio Ríos (O Correo Galego, 10/01/2002)
 

No fondo do actual enfrontamento, o escenario de Cachemira, territorio disputado polos dous países, recupera a súa actualidade. Como é sabido, todo comezou coa independencia de India e Paquistán (1947) que non soamente implicou un dos maiores desprazamentos humanos da historia recente (10 millóns de persoas) senon que deixou sen solución algúns conflicos territoriais cun enorme potencial desestabilizador. Por aquel entón o maharaja hindú que dirixía o reino de Cachemira, partidario da independencia pero cunha poboación maioritariamente musulmana, renunciou a unha proclamación secesionista ante o temor de suscitar unha rebelión popular que o levaría directamente aos brazos de Paquistán. O Exército de Islamabad interviu daquela para apoiar unha revolta que paradoxalmente produciu o efecto contrario ao desexado e inclinou a balanza a favor de India en outubro de 1947. A petición do maharaja, Nova Delhi enviou as súas tropas a Cachemira concluíndo a guerra en 1949 cun acordo de cese de hostilidades e a rexión dividida en dous anacos, unha parte controlada por Paquistán (Azad Kashmir ou Cachemira libre) e outra baixo dominio de India (Jammu e Cachemira). A segunda guerra indo-paquistaní de 1965 non modificou substancialmente estas posicións.

Paquistán sigue a reclamar a totalidade da rexión e a organización dun referendo de autodeterminación baixo supervisión de Nacións Unidas, tal e como a India de Nehru se comprometeu a realizar no seu momento. A India, pola súa banda, considera que Cachemira chegou a ser parte do país de forma totalmente legal (segundo a normativa que regulaba a transferencia de poderes entre a antiga administración británica e as novas autoridades paquistaníes e indias, o maharaja, a titulo individual, tiña o dereito de opción sobre a integración do seu reino nun ou noutro país) e que sendo un Estado laico, non pode aceptar que unha parte do seu territorio poida ser obxecto de reivindicación externa en función da confesión relixiosa -musulmana- dos seus habitantes. Para Nova Delhi, a idea do referendo xa caducou: Cachemira é hoxe un Estado cun nivel de autonomía superior ao de calquer estado hindú e dispón da súa propia Asemblea lexislativa e goberno.

A terceira guerra produciuse en 1971, na parte oriental de Paquistán e culminou co acordo de Simla de 1972 (que sinalou a vixente liña de control ou fronteira de feito entre os dous países na zona de litixio), o nacemento de Bangla Desh e a oposición de India a todo intento de internacionalización do conflicto. Dende entón, a parte india de Cachemira vive tradicionalmente nunha situación de grande inestabilidade e violencia por mor da sucesión de interminables enfrontamentos entre diferentes grupos armados (pro-paquistanís, pro-hindús e o exército).

No verán de 1999 a tensión a gran escala volveu á rexión cando se enfrontaron novamente no chamado incidente de Kargil, localidade da Cachemira india que foi ocupada por guerrilleiros afgáns e paquistanís apoiados por unidades de élite do exército de Islamabad. As presións de Bill Clinton sobre Nawaz Sharif, o entón primeiro ministro, surtiron efecto e aínda que de mala gana ordenou a retirada transformando a inicial victoria nunha severa humillación que finalmente acabaría por custarlle o posto. Este fracaso conduciu directamente ao golpe militar de setembro e ao ascenso de Musharraf.

A disputa territorial de Cachemira, sempre con resultados desfavorables para Paquistán, está no cerne das motivacións nucleares de ambos países que procuran establecer unha igualación crible en materia militar ata o punto de sacrificar para iso as necesidades máis elementais das súas respectivas cidadanías, afirmando estar dispostos “a comer herba de ser preciso para ter unha bomba”, como sinalaba o presidente Ali Bhuto. En consecuencia, ata que non se solucione este problema dificilmente poderá comezar a falarse en serio de desnuclearización ou incluso de plasmación efectiva dos compromisos asumidos por ambos países de moratoria sobre probas nucleares ou a sinatura do Tratado para a prohibición total das probas nucleares. Con todo, é importante tamén sinalar que no caso de India, na opción nuclear pesa non soamente Cachemira senón tamén os tradicionais receos cara o veciño chinés.

 
 

Xulio Ríos es director del IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/01/2002