| Presencia-Opinión |
| Cachemira e a oportunidade hindú Por Xulio Ríos (AGN / Atlántico Diario / Diario de Arousa / Diario de Ferrol / Diario de Pontevedra / El Ideal Gallego / El Progreso / La Región, 11/01/2002) |
|
Cando aínda non se apagaron os ecos da guerra en Afganistán, a sombra dunha nova guerra indo-paquistaní asoma no horizonte. O asalto, o pasado 13 de decembro, ao Parlamento de Nova Delhi por parte dun comando armado que o goberno hindú relaciona con terroristas cachemires entrenados en Paquistán, provocou unha degradación perigosa das relacións entre os dous países, autoproclamados potencias nucleares no mes de maio de 1998. Ao balance de mortos e feridos naquela acción se foron sumando nas semanas seguintes intercambio de disparos na fronteira de Cachemira, a retirada do embaixador de Nova Delhi en Islamabad, desprzamento de tropas nas respectivas fronteiras, alerta da aviación e limitación das comunicacións terrestres e áreas entre ambos países, nunha secuencia ascendente que fai temer o peor. Sen embargo, é moi remota a posibilidade de que agora se chegue a producir unha guerra aberta entre os dous países, un escenario que non se contempla nas previsións de quen se configura, tra-la victoria en Afganistán, coma o principalísimo actor externo na rexión. A presión internacional é e será cada vez máis forte, sobre todo por parte de Estados Unidos que non desexa distraccións, para evitar que os esporádicos episodios armados e as incontinencias verbais vaian máis alá do necesario para consumo interno das respectivas opinións públicas. Pero a India, con claro sentido da oportunidade, dificilmente renunciará a utilizar o atentado no seu propio beneficio no contexto global da loita contra o terrorismo, evidenciando ao propio tempo as carencias e fraxilidades da nova cruzada. A seu favor ten hoxe un argumento de peso: os grupos armados responsables do atentado contra o Parlamento operan en territorio hindú co beneplácito e o apoio do goberno de Islamabad. O goberno paquistaní negou a súa relación co atentado, pero na revista de temas militares Jane’s se afirma por exemplo que no seu territorio existen máis de noventa campos de entrenamento de guerrilleiros cachemires que aguilloan ao exército indio. O propio Departamento de Estado sinala a unha desas guerrillas como organización terrorista. ¿Tamén aquí abalará Bush a súa espada de lume purificador contra Pervez Musharraf? Non parece probable. As denuncias sobre o neglixente comportamento de Islamabad non proceden soamente de India. Tamén China advertiu en máis dunha ocasión sobre a presencia de militantes separatistas uigures no seu territorio que foron entrenados en campos de Paquistán. Por non mencionar, claro está, a coñecida implicación dos seus servicios de intelixencia e militares no adestramento e configuración do poder talibán en Afganistán. Precisamente un dos maiores temores de Nova Delhi radica na posibilidade de que moitos dos combatentes de Afganistán atopen agora en solo paquistaní os apoios e estímulos necesarios para reorientar as súas actividades e modus vivendi cara Cachemira, reforzando as organizacións tradicionais que con diversas militancias nacionais pero unha única fe, veñen desestabilizando a rexión en forma ininterrumpida. O certo é que tanto India como Paquistán mantiveron un amplo nivel de colaboración nesa loita inspirada e liderada por Estados Unidos contra o terrorismo internacional, obtendo a cambio o levantamento das últimas sancións económicas e militares impostas a ambos países tra-las probas nucleares subterráneas que efectuaron na primavera de 1998. Antes incluso de que comezaran os ataques contra Cabul se multiplicaran as misións diplomáticas de altos cargos do Departamento de Estado e de Defensa tanto a Paquistán como a India. Para o goberno de Islamabad, tradicional aliado de Washington, a aproximación entre Estados Unidos e India, moito máis autónoma internacionalmente e con boa comunicación con Moscova, constituía un enorme factor de presión en circunstancias internas nada doadas, pois debía desdicirse dun pilar esencial da súa política exterior nos últimos anos -o apoio ao goberno talibán-, sen irritar en exceso aos poderosos sectores sociais que internamente lle son fieis, incluso en segmentos básicos do aparato do Estado, e explicitando unha colaboración activa con Washington para evitar a súa marxinación en beneficio do novo aliado hindú. Ben é verdade que en Washington existe certo descontento polas cautelas e reservas expresadas polo xeneral Musharraf en canto á publicidade dos seus compromisos ou á utilización do seu territorio por parte das tropas de Estados Unidos e Gran Bretaña para realizar as operacións en Afganistán. A presión india pode facilitar aínda máis a sumisión de Islamabad aos intereses de Washington. En calquer caso, Nova Delhi espera obter como resultado da crise o peche dos eventuais campos de entrenamento que puideran existir en solo paquistaní, alegando que Islamabad non é quen de controlar aos seus propios extremistas. Á vista da reacción estadounidense aos sucesos do 11 de Setembro ¿quen pode recriminar a Nova Delhi se pon en marcha unha operación cirúrxica para eliminar eses campos? |
|
Xulio Ríos es director del IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/01/2002
|