| Presencia-Opinión |
| Arxentina, ruína na terra da oportunidade Por Lino Pellitero (Tempos Novos, xaneiro/2002) |
|
“Móvase a esquerda, ou móvase a dereita... pero móvase dunha vez, Señor Presidente”. Requería a ministra P. Bullrich hai seis meses. A anécdota reflicte a percepción da sociedade sobre un presidente indeciso, abúlico... que non foi quen de liderar absolutamente nada: nin o país, nin o goberno, nin siquera o seu propio partido. Neste argumento refuxiáronse non poucas das análises sobre o Crac do Río da Prata. Outras puñan o acento na inxusta e eterna débeda externa, como alfa e omega da ruína transandina, sen reparar nos erros internos. Un derradeiro argumento cobrou forza nos últimos meses: a falta de competividade da economía arxentina por mor dun peso sobrevaluado atado á par do dólar, que impide sobrevivir cunha apertura arancelaria ilimitada. Pero nin a crise arxentina comezou con De la Rúa, nin a débeda externa impediu etapas de cegante crecemento, nin a convertibilidade peso dólar foi sempre tan nefasta. Por tanto subxacen múltiples e ensarilladas causas de orixe interna e externa que debuxan dúbidas sobre a existencia unha crise puntual cíclica e apuntan, máis ben, cara a unha crise estructural. Entre 1950 e 1975 o PIB do país medrou un 127%, sen embargo no último cuarto de século só nun 50%. A chegada da dictadura en 1976, crebou o modelo populista de reparto da riqueza, que daquela estaba xa en aberta crise por non ser quen de xerar riqueza suficiente para redistribuír. A dictadura escribiu economía ao dictado da Escola de Chicago, abandonado progresivamente o proteccionismo do capitalismo nacional, abríndoa cara aos fluxos financeiros e os mercados mundiais. A desesperada acción da dictadura de enfrascarse na custosa guerra da Malvinas, tentando transformar o descontento social en unión patriótica contra do inimigo exterior, só xerou máis frustración e ruína económica. A etapa post-dictatorial de Raul Alfonsín, priorizou a consolidación das institucións democráticas, sobre a estabilización económica. Rematou nunha espiral inflacionista que se movía en cifras de catro díxitos, evaporou os aforros privados e as reservas do estado. O fracaso radical pagouno coa prematura entrega do poder a Menem, con seis meses de adianto. O xusticialismo que emerxeu ao mundo unipolar saído da caída do muro en 1989, viña desprovisto das roupaxes populistas, proteccionistas, caritativas do peronismo anterior á dictadura, para vestirse do neoliberalismo máis indisimulado. Dende a fondura da crise, Carlos Menem levou o país a taxas de crecemento superiores ao 5% a mediados dos 90. A burbulla económica arxentina inflouse ata o punto de que Menem foi posto como modelo na asemblea do FMI en 1998. Crecemento artificial, con desequilibrios estructurais que remataron por facer naufragar o país. Entre 1991 e 1996, período no que Cavallo rexentou o ministerio de economía, o desemprego medrou do 6 ao 18%. De la Rúa cualificaría esta etapa como de “Crecemento inequitativo”, na que a riqueza se acumulou nunha brazada de privilexiados petos. O novo peronismo predicou a Revolución Productiva, eliminou aportes fiscais da patronal por valor dun 1/3 da débeda pública, co propósito de agromar a economía somerxida. Nembargantes a evasión impositiva anual situouse ao redor dos 20.000 millóns de dólares. Privatizou, a prezo de saldo, sectores vitais da economía arxentina. Hoxe, dúas de cada tres grandes empresas están en mans de capital estranxeiro e os 40.000 millóns de caixa pola venda de empresas públicas desapareceron sen minguar a débeda do estado. Pola contra, durante o seu mandato, en pleno ciclo de crecemento, aumentou a débeda externa desde os 62.000 millóns de dólares ata os 132.000, incrementando o gasto publico nun 42%. Fixo gala dunha ostentación insultante, da que foi reflexo a merca dun luxoso avión presidencial Tango 01, á Lockheed pór 60 millóns $. A primeira medida de R. Saá fora anunciar a venda do capricho imperial. Etapa preñada de corrupción, prepotencia, malgasto, autoritarismo... que serviu de pértega para o gran salto á Casa Rosada da Alianza, liderada por Fernando de la Rúa. Quixo impor a disciplina orzamentaria que lle faltou a Menem. En dous anos, tres ministros de economía (Machinea, López Murphy e Cavallo) tentaron cumprir cos pesados compromisos da débeda externa impondo nove durísimos planos de axuste que foron minando a infinita paciencia dos arxentinos. Dende que o 1º de decembro se prohibise retirar máis de 250$ ou pesos semanais, soubose que chegara o momento da catarse. Acendérase ás luces de alarma ao coñecerse que, en 5 días, fuxíran depósitos bancarios por valor superior aos 2.000 millóns de $. Nin siquera o descomunal esforzo por pagar 770 millóns de dólares da débeda foi suficiente aos ollos do FMI, que asestou o golpe de gracia ao negarse a liberar os 1.260 millóns de dólares previstos para decembro. Pode que o escritor e ensaísta Ryszard kapuscinski, non errase cando afirmou “a pobreza xa non xera revolucións”, pero a paciencia ten límites. Nos últimos 10 anos a fenda entre o 10% máis rico e o 10% máis pobre abriuse nun 57%. O 10% máis rico posúe o 38% dos ingresos e o 10% máis pobre, a penas, o 1,4%. Pobreza, paro ou subemprego que aperta ao 40% da poboación. Para combatela, ten nacido na 3ª economía de América Latina e na 35ª potencia mundial, a FRENAPO (Fronte Nacional contra da Pobreza) que denuncia os efectos dun modelo, cuxo comezo sitúan na dictadura, e que hoxe produce a morte, por pura fame, a 100 nenos cada día. Na Carta colectiva ao pobo de Deus a igrexa denunciaba “ a pobreza, a corrupciòn, a inxusta débeda externa (non se pode morrer por pagar),... o liberalismo extremo da tiranía do mercado, a evasión de impostos”. Clases baixas, medias e altas saíron masivamente ás rúas demandando unha Asemblea Constituínte para asentar o país sobre novos principios e políticos. Nada que ver tiñan coas bandas de delincuentes organizadas que asaltaban nas villas miseria, cos sindicalistas xusticialistas que organizaran un plan desestabilizador ou con algúns dos 14 millóns de pobres desesperados, que asaltaron supermercados. No programa de De la Rúa figuraba: a loita implacable contra da corrupción e a evasión fiscal, forte actividade do Estado para axudar ao crecemento económico e a batalla frontal contra da pobreza. ¿onde ficaron estás promesas? ¿Que credibilidade poden ter os ex-ministros Machinea ou Cavallo, que prognosticaron crecemento para o 2001 ao redor do 4,5%, cando en realidade o PIB decreceu un 4,9% no 3º trimestre do 2001? Os escándalos tardaron menos dun ano en luxar a Alianza, por mor dos subornos a 7 senadores, co fin de reunir os votos suficientes para aprobar a primeira reforma laboral. Mentres seguiron asomando episodios da máis turbia corrupción Menemista. O Ex-presidente foi á cadea acusado de vender armas a Croacia ou Ecuador, sobre os que pesaba unha prohibición da ONU. 150 ex-altos cargos do xusticialismo estiveron inmersos en procesos xudiciais acusados de corrupción. A Deputada Elisa Carrio investigou o lavado de cartos no estranxeiro no que estaba involucrado o propio Banco da República, en colaboración co F. Bank de Bahamas e o Citibank de Nova York. Expertos do FMI calcularon que en 1999 os depósitos no exterior eran de 100.000 millóns de dólares, cifra superior á dos existentes no interior. De la Rúa coa súa incapacidade perdeu cinco votos por cada minuto de mandato. Foi deixando escapar deputados e socios da Alianza en cada plano de axuste. A división afectou ao seu partido, no que Raúl Alfonsín se erixiu no xefe da facción disidente. Tampouco no xusticialismo as augas baixan calmas. Patética imaxe a de Menem entrando apresuradamente na Casa Rosada para apuntalar ao agónico De la Rúa, en plena extremaución, tratando de que ningún outro membro do PJ (Partido Xusticialista) lle tomase a presidencia antes do 2003. O fugaz presidente, por sete días, Rodríguez Saá era o froito dun inestable xogo de equilibrios entre os pesos pesados Ruckauf, Duhalde e De la Sota. A primeira víctima dos coitelos presidenciais foi Ramón Puerta, Presidente do Senado, primeiro na liña sucesoria a De la Rúa, quen ao solicitar un mandato hasta o 2003 foi descartado por medo a que se consolidase ou a que fixese tándem presidencial con Ruckauf. O xusticialismo non dera consensuado unhas primarias para designar candidato. Houbo que votar man da Lei de Lemas, de dubidosa constitucionalidade, que permite presentar á presidencia a varios candidatos do mesmo partido sen dividir o voto, xa que se lle acumulan, ao mellor posicionado, aínda que tivese menos que un candidato doutro partido. Eduardo Duhalde, ex-gobernador da Provincia de Bos Aires é o novo inquilino da residencia presidencial de Los Olivos, gracias a ter prometido apartarse da carreira electoral prevista para decembro do 2003. Ano no que debería expirar o mandato do seu adversario e vencedor nas eleccións de 1999, Fernando De la Rúa. A descomposición non ten como única explicación a cegueria do FMI. Pero o experimento Arxentino demostrou que non é infalible o “círculo virtuoso”: reducción do gasto público, rebaixa das taxas de interese, reactivación da economía, aumento do emprego...A teimudez no déficit cero encerrou ao país nun “Circulo vicioso” axuste-recesión- fracaso no déficit cero, no que cada día 2000 persoas caen no pozo de miseria. Difíciles de entender os criterios asimétricos do FMI, para acomodalos a unha xeografía variable na hora de repartir axudas. Con Menem houbo barra libre de creto e endebedamento. Paquistán rematou de súpeto os seus problemas co FMI e o BM o 11-S. No tequilazo mexicano do 94, foise aberto. ¿Por que tan estricto con Arxentina que empregou sangue e lume en cumprir os deberes, ata morrer no intento? ¿ Como se vai a actuar con Duhalde que fixo anacos os apuntes do FMI, para incorrer no anatema da suspensión de pagamentos, abrazar a Keynes, teórico maldito do neoliberalismo e predicar a doctrina social da Igrexa? Arxentina xa incumprira o prazos da débeda externa en 1982 e en 1987. Mais nunca o fixera nunha solemne declaración de default. Admitir que os cartos aforrados no pago da débeda serán empregados en plans sociais de reactivación económica, pouco encaixe ten coa ortodoxia do FMI e coa austeridade esixida dende Washington. Rodríguez Saá puxo o acento na reactivación interna promentendo un millón de postos de traballo mediante programas de reforestación e construcción pública. Coas fronteiras abertas de par, semellaba pouco realista, matinado só para o curto recorrido de 99 días. Duhalde deberá responder dun mandato de 23 meses de xestión e só acerta a prometer prioridade para os programas sociais de alimentación e salarios para os cabezas de familia desempregados. Algo semellante defendera a FRENAPO, nun referendo voluntario no que participaron máis de dous millóns de arxentinos. De terse mantido a convocatoria de eleccións para o 3 de marzo, a verdadeira alternativa ao xusticialismo enuclearíase ao redor de Elisa Carrio, líder da Alianza por unha República de Iguais (ARI), cun certo prestixio como látego da corrupción. Estaba a recoller con facilidade os farrapos desprendidos da Alianza, do Frepaso ou o apoio de sectores da esquerda que sobrevivían á marxe da vida política institucional. Na UCR (Unión Cívica Radical) a extratexia consiste en agacharse ata ás eleccións do 2003, agardando que pase a tormenta ou que se asañe cos xusticialistas por infravalorar a auténtica dimensión da crise. A desorientación nas grandes formacións políticas é constante. Un día Menem defende con unllas a dolarización, e un més máis tarde, apela á convertibilidade como único salvavidas. Ao día seguinte o seu ex-vicepresidente, agora Presidente Dualde, decántase por abandonar a convertibilidade do peso co dolar 1 a 1. Quizais sexa esta a saída máis realista se contempla unha etapa previa de pesificación das débedas en dólares, tal como demandaron os empresarios ligados aos sectores da exportación, agrupados no demonimado Grupo Productivo e finaceiros cooperativos como a CREDICOOP. Pero o primeiro obstáculo a canear é saír do corralito no que están encerrados os aforros, aos que só se lle está permitido saír do cortello bancario en cantidades de 1000 pesos mensuais. Permitir retirar aforros sen límite, poden facer crebar os Bancos, por unha fuga masiva debida ao temor de perdelos ou a mingua do valor nunha previsible devaluación. Se o corralito persiste, retraerase o consumo e as deprimidas clases medias, terán presta a súa cacelora para batela. Complicado futuro para o país que Clemenceau etiquetara como a “Terra da oportunidade”da que 1/3 da poboación soña con marchar. Alomenos cumpriuse o soño de Raul Alfonsín “¡Que lindo sería poder deixar da pagar a débeda!”. Cumpriullo un xusticialista. |
|
Lino Pellitero é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/01/2002
|