Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Arxentina entre nós
Por Xulio Ríos (Faro de Vigo, 01/03/2002)
 
 

Na crise de Arxentina hai tanto ou máis de política que de economía. Certo que as manifestacións da crise teñen esa naturaleza, pero non son máis que o reflexo dun problema de maior calado para o que non se albisca unha saída simplemente con máis recursos aportados por esa mesma banca internacional corresponsable do actual estado de cousas. A saída da crise arxentina sen rexeneración política é moi complexa e por iso mesmo tamén a saída non será doada. Arxentina vive hoxe pior que hai trinta anos. Mentres no vello continente unha ducia de países procuran asentar una moeda única, en Arxentina van camiño de contar con doce moedas diferentes (peso, dólar, patacón, titulos provinciais, etc).

Olvidar o malo tamén é ter memoria, dicía o poeta arxentino José Hernández. Alfonsín, ao asumir a débeda ilexitima daquela dictadura nefasta e o seu tridente destructor da economía nacional (fuga de capitais, socialización da débeda privada e falta de control do Banco Central) asumiu unha pesada herdanza que Menem se encargou de agravar con máis exencións fiscais para as empresas e unha política de privatizacións que se traduciu en máis déficit e máis empeño. Por outra banda, unhas institucións financeiras internacionais que permiten que a débeda dun país poida pasar de 8 a 160 mil millóns de dólares en 25 anos despois de ter pagado nese mesmo período outros 200 mil millóns merece como pouco as severas reprimendas dispensadas recentemente polo Nobel de Economía, Jospeh Stiglitz.

Pero abundando na idea da variable política na crise arxentina, resulta enormemente chamativa a indiferencia de Estados Unidos, a aparente falta de vontade e interese por resolvela. A relación de Washington e Buenos Aires, cos naturais altibaixos, caracterizouse sempre por certa cordialidade institucional, ata o punto de ser calificada por Larry Rohter en The New York Times como de “aliñamento automático”. Arxentina foi o único país de América Latina que participou na Guerra do Golfo e que sistematicamente secunda as condenas a Cuba nos organismos internacionais, especialmente en materia de dereitos humanos. O escaso interese de Estados Unidos en axudar a Arxentina alenta a hipótese de que a crise puidera non ser casual, mesmo que fora inducida, non directamente contra Arxentina, senón contra a penetración europea, é dicir, basicamente española, no continente. Dicía o señor Ansón en La Razón que “crises como esta non son posibles en América Latina se nos as permite Estados Unidos”. ¿Razóns? A Casa Branca teme perder a súa influencia nun país que sempre entendeu como baza esencial para equilibrar o peso díscolo de Brasil. Cómpre lembrar que a estratexia americana para a rexión pasa pola afirmación do ALCA que vive unha situación dobremente complicada: pola súa impopularidade entre amplos segmentos sociais, e pola difícil situación política que atravesa o continente en lugares clave: Colombia, Venezuela, Ecuador, mesmo Brasil ás portas dunhas eleccións nas que Lula, o candidato do PT, emerxe como favorito. Esa perda de influencia de Estados Unidos podería permitir a formación dese polo de poder en América Latina que Chávez demandaba no comezo do seu histriónico mandato.

Brasil está a comprender estas variables e reforzado por esa sintonía triangular cun vértice en Uruguai, o presidente Batlle, que é escoitado atentamente por Duhalde, e pode contribuír a afortalar unha saída rexional á crise, noutras palabras, transformando a debacle nunha oportunidade para o Mercosur. ¿Quen máis debería dicir algo? España, evidentemente, e Europa. Pero aquí atopamos coa pedra anti-filosofal. Arxentina é un país europeo, do que podíamos chamar a nosa “Europa próxima”, e, sen embargo, non hai troika comunitaria para Buenos Aires. Cando calquer observador comprende que estamos ante unha oportunidade de ouro para afortalar o Mercosur, Europa, a máis interesada e preparada para reforzar institucionalmente os mecanismos da integración política e socioeconómica na rexión, está ausente. Que isto aconteza en plena presidencia española da Unión é outro máis dos méritos do Sr Piqué, mención aparte do affaire González en Tánger, claro está.

Arxentina precisa sen dúbida axuda material, pero sobre todo apoio político para evitar o abismo, afortalar as institucións, recuperar credibilidade e resolver o que o embaixador Uranga definiu como “o desencontro consigo mesma”. Cómpre un plan de acción social para aliviar a pobreza, tamén recuperar soberanía, capacidade de decisión nacional, pero sobre todo un apoio que asegure a proxección e influencia da política europea no continente, mesmo que iso implique distanciamento de Estados Unidos.

Destas e algunhas cousas máis teremos a oportunidade de falar hoxe na terceira edición do Foro iberoamericano que o IGADI promove en Baiona, en alegre festa da Arribada, coa presencia de representantes das principais forzas políticas galegas.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2002