| Acción exterior |
| Arxentina Por Xulio Ríos (ECO, febreiro/2002) |
|
Un destes domingos recentes podía ler nun suplemento dun importante diario madrileño unha crónica periodística sobre eses “emigrantes de ida y vuelta” que agora imaxinan un inevitable retorno ás súas terras de orixe ante a enorme dimensión da crise económica arxentina. O relato radiográfico da situación da emigración española neste país que moitos ubican en América Latina pero que realmente forma parte do que podiamos chamar “a extrema Europa” estaba construido sobre as impresións de “soñadores” de diferentes latitudes: un andaluz, outro vallisoletano, un asturiano, un catalán, ata un de Guadalajara. Nada que obxectar, naturalmente pero é a chamativa a ausencia do retrato dun galego. Non é que todos sexan “gallegos” pero tampouco que estes non existan. Noutro medio, esta vez de Galicia, podiamos ler que en Extremadura se está a promocionar en serio o estudio do idioma portugués e que Rodríguez Ibarra presenta esta Comunidade Autónoma como intermediaria con Portugal. Andalucía e Castela-León, con menos fortuna quizais, andan en similar empeño. Os tentáculos de Madrid son doutra textura. Mentres, en Galicia, a pesar de contar cun tronco histórico, cultural e lingüístico común, moi pouco, case nada, avanzamos nese dominio, algo que aos ollos de calquer observador externo, admirador da boa marcha da experiencia da cooperación transfronteiriza, resulta chocante e anormal. Cóntase no anecdotario político que incluso Felipe González consultaba previamente ao Presidente Fraga cando debía facer algún movemento en relación a Portugal. ¿Fará o mesmo agora Aznar? ¿A dónde quero chegar? Son contadas as posicións sólidas que Galicia pode detentar no mundo. Arxentina e Portugal, por motivos diferentes, son referencias naturais dos nosos intereses exteriores sobre os que medra unha competencia que pode chegar a marxinarnos e mesmo excluirnos. As relacións privilexiadas que aínda sostemos con ambas realidades deben servir de punto de partida para modernizar unha práctica exterior que confirme a nosa condición de interlocutor esencial. A órbita da nosa actuación non debería limitarse aos galegos en Arxentina ou ao Norte de Portugal senón a ambos os dous países, como conxuntos. No caso de Arxentina –pero tamén no caso de Portugal- urxe a ampliación da esfera de acción, comezando por crear foros bilaterais reducidos, representativos e operativos que poidan marcar pautas e construir ámbitos de reciproco interese. Nesa perspectiva, ata agora a resposta de Galicia á crise arxentina é feble e pouco seria. Non acadamos sequera o nivel de implicación da pasada campaña electoral. Aplausos para o Sr Miras Portugal, rapido de reflexos, pero ¿cómo é posible que non teñamos alá unha comisión parlamentaria, que non teñamos aquí unha delegación daquel país, que non sexamos capaces de mobilizar todas as nosas enerxías cívicas para estar á altura do que se agarda e ben merecen? ¿Pobre Arxentina? ¡Pobres nós, cada vez máis fóra de xogo! |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/01/2002
|