| Presencia-Opinión |
| As rexións do Arco Atlántico: Somerset Por Sylvia Gómez Saborido (ECO, marzo/2002) |
|
O condado de Somerset semella ser, tal como reza a súa publicidade, unha rara mistura de vellas habilidades e novas tecnoloxías, do grande co pequeno, e do tradicional co menos usual. Nunha primeira ollada, e dende o punto de vista xeográfico, o condado é unha harmoniosa combinación da campiña coas paisaxes costeiras, que empata no oeste co longuísimo esteiro do río Severn, coñecido coma Canle de Bristol, que se abre entre a costa meridional da Península de Gales, a costa leste de Somerset, e maila meridional de Devon e Cornualla. É precisamente esta posición intermedia entre a Península de Gales e o gran leste dependente de Londres, e o feito de estar bañada pola Canle de Bristol polo norte, e a da Manga, polo sur, a chave da prosperidade do condado. A ruralidade e o gran atractivo turístico propios de Somerset combínase coa ligazón con grandes centros urbanos especializados, independentemente do seu condado de pertenza. Así, a cercanía de Bristol, gran centro económico, e Bath, turístico, é determinante aínda que pertenzan ó condado de Avon. Outro tanto ocorre coa proximidade dos grandes portos de Poole e Bournemoth da sureña Dorset. O condado apóiase nunha longa tradición industrial que fai que a maioría das súas vilas fosen célebres pola producción de determinados productos. Hoxendía as vellas industrias tradicionais téñense asociado por servicios, e así atopamos negocios financeiros e de alimentación na capital, Taunton; agroalimentación e embalaxe en Bridgewater; enxeñería lixeira en Crewkerne; impresión e publicidade en Frome...permanecendo en todo o país a presencia dos productos máis nomeados do condado: a sidra e mailo queixo cheddar. Mais coma Somerset non quere ser célebre só polo cheddar e as vellas cruces de pedra, as prospeccións económicas do seu Consello sinalan catro sectores industriais coma base do crecemento dos vindeiros anos: enxeñería, industria agroalimentaria, tecnoloxías da información, e o importante enclave rexional do papel, empaquetación, embalaxe, impresión e edición. O sector da enxeñería é o que ten maior importancia para a economía do condado ó constituír unha importante fonte de emprego e creación de riqueza. Aínda que en total só dá emprego ó 6% dos activos, contabilízanse aproximadamente 200 empresas do ramo, que dan lle emprego ó 69% dos activos totais no sector, sendo significativo o feito de que un 51% deles sexa no subsector aeroespacial e da defensa. A industria alimentaria caracterízase polo pequeno tamaño das súas empresas; malia iso, contabiliza un 54% dos empregos en 10 grandes empresas. Comparativamente o sector dálle emprego ó 3,1% dos activos, por riba das porcentaxes da área SO (2,3%) e nacional (2%). O sector benefíciase de moi boas infraestructuras de comunicación. Conforme nos acheguemos á zona Surleste inglesa, extensión económica do gran Londres, as comunicacións melloran moi sensiblemente. O sector das tecnoloxías medra rapidamente ata converterse nun dos máis importantes para o condado, a pesar de que as case 200 compañías están moi concentradas na zona sur (Yeovil, Wincanton, Crewkerne) e só dan emprego ó 1% da poboación activa. Coma no caso da enxeñería, o número de compañías relacionadas co aeroespacial e a defensa, converte estes nos motores reais do condado. Respecto ó sector do papel, impresión e editoriais, se ben é certo que non se pode considerar coma un ámbito de grandes espectativas de crecemento, si representa unha fonte vital de emprego para o condado, ó estar vencellado a importantes firmas do agroalimentario (Somerset´s Food&Drink) e maila súa distribución. O número de compañías británicas establecidas en Somerset fai que, a nivel nacional, o sector siga a ser un dos alicerces da economía. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/02/2002
|