Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
As rexións do Arco Atlántico: Gloucestershire
Por Sylvia Gómez Saborido (ECO, abril/2002)
 

O condado de Gloucestershire, escenario xunto a Devon das empresas do rei Artur, sitúase no extremo norte da rexión SO de Inglaterra, xusto entre o País de Gales e as fontes do Támesis. Os seus 2.642 Km2 divídense en tres áreas xeográficas naturais: os Cotswolds, Royal Forest of Dean, e o Vale do Severn, acollendo unha poboación de 564.841 habitantes (xaneiro 2000).

Trátase esencialmente dun condado rural, ben coñecido dende unha temperá época romana pola súa granxa, silvicultura e horticultura, ademais de por posuír unha asentada tradición na industria da lá, que chega ata hoxendía. Gloucestershire contén a maior diversidade xeolóxica de tódolos condados de Inglaterra, fortemente preservada polo Plano Rexional de Acción na Biodiversidade e pola existencia dun gran número de reservas naturais, xestionadas tanto no nivel nacional, como a través de consorcios ou directamente polo Consello do Condado. En porcentaxes, só un 5% do territorio do condado é urbano; a cidade máis grande é Chetenham, e a capital, a fermosa Gloucester, vén sendo desprazada no socioeconómico pola cercana Bristol. Precisamente unha das principais preocupacións do Consello é a competencia cos condados veciños, e como reforza-la base económica cara a atracción e retención de empregos de alta calidade.

Aínda que amosa unha forte dependencia do seu sector principal, a industria manufactureira, especialmente aeroespacial e defensa, pode dicirse que posúe unha economía equilibrada con sectores chave como a da industria agroalimentaria, agricultura, gandería, industria lixeira, mecánica, telecomunicacións, banca, servicios financeiros, aseguradoras, e turismo. Así, a prosperidade caracteriza dende hai tempo a vida económica do condado: é sede de numerosas compañías nacionais; o desemprego (2,2%) vai sempre por baixo da media estatal; posúe unha das taxas máis rápidas de crecemento da poboación no conxunto de Inglaterra; ten o promedio de salarios máis alto da rexión SO e, tamén, un número inusualmente alto de propietarios con casa de seu. De feito, a previsión económica para Gloucestershire nos anos 1996-2010 outorgalle unha taxa anual de crecemento do PIB (2,7%) maior cá nacional (2,5%), mais existen certos indicadores económicos que conclúen que os efectos da reestructuración actual nos lembran que a prosperidade de arestora non pode darse por garantida. Á acelerada inflación no prezo da vivenda engádeselle, nas dúas cidades principais, un preocupante crecemento da pobreza e carencias nas súas áreas suburbanas. Os problemas tamén existen no tradicionalmente idílico mundo rural, neste caso relacionados co illamento e dependencia de transportes públicos insuficientes entre unha poboación maioritariamente avellentada (8,3% sobre os 75 anos, fronte ó 7,4% nacional). Se ben nos próximos 5 anos a poboación do condado continuará medrando, tamén se espera que o incremento do número de persoas maiores produza unha maior presión sobre determinados servicios.

Nos últimos anos, ademais dos cambios económicos, o contexto social vese alterado. Localmente, a recuperación non é só un problema de escasez nos novos coñecementos, senón da aparición de fortes niveis de exclusión económica e social focalizados en parte do condado. Atallar eses problemas e levar adiante unha política de desenvolvemento sustentable respectuosa co rico contorno natural, son os puntos que completan a axenda local do Consello do Condado.

 
 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 06/03/2002