Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Ucraína: Kuchma se nega a ceder o poder
Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 01/10/2002)
 
 

Nunha alocución televisada, o pasado sábado, o presidente ucraíno, Leonid Kuchma, declarou que non demitirá. Manifestou, iso si, o seu respecto polos cidadáns que saíron durante as últimas semanas á rúa para protestar contra a situación política actual. Dixo ademais que tiñan razóns para estar descontentos. Un recoñecemento inevitable, a pesar da súa manifesta intención de ignorar as protestas (segundo el, participaron nelas soamente 50.000 persoas) porque a súa posición abaneou seriamente.

A semana pasada, fontes norteamericanas filtraron a noticia de que expertos do FBI demostraran a autenticidade das cintas grabadas no despacho do presidente ucraíno nas que se fala da venda de complexos antiaéreos a Iraq. Aínda que non existen probas directas da presencia de material bélico ucraíno en Bagdad, conxelouse de inmediato a entrega a Ucraína dunha axuda americana de 50 millóns de dólares.

Por outra banda, no Parlamento ucraíno se formou, por fin, unha maioría propresidencial de 226 deputados (metade máis un) que non permitirá que a oposición dirixa os procesos e a iniciativa política no país. Sen embargo, esa maioría de nove fraccións semella pouco viable e pode desintegrarse rapidamente ante a mínima diferencia de intereses, como xa aconteceu co bloque propresidencial inmediatamente despois das eleccións.

A oposición tamén aglutina forzas incompatibles, por exemplo, os nacionalistas e os comunistas, pero están unidos por un forte interese, o de facer demitir a Kuchma, e están liderados por persoeiros que gozan de prestixio entre a poboación que non é obxecto de menoscabo polas recentes accións de forza: a penetración, gracias á inmunidade parlamentaria, no canal estatal de televisión para publicar a súa declaración, ou na propia sede da Administración Presidencial donde, tras pasar alí unha noite lograron entregar as súas demandas ao presidente. Accións discutibles pero que evidencian a súa firme vontade de proseguir no seu empeño por retirar a Kuchma do poder.

 
 

Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/10/2002