Presencia-OpiniónVolver ó índice / África
Angola, de Savimbi á paz
Por Xulio Ríos (ECO, maio/2002)
 
 

O pasado 30 de marzo representantes do goberno angolano e de UNITA asinaron na localidade de Luena, ante a presencia do representante de Nacións Unidas e da Troika de observadores do proceso de paz (Rusia, Estados Unidos e Portugal), un cese o fogo no marco do memorando de entendemento complementario ao Protocolo de Lusaca de 1994. O conflicto de Angola, froito da descolonización precipitada de 1975 e rápidamente incorporado na dinámica da Guerra Fría, cun goberno prosoviético controlado polo MPLA e unha guerrilla proamericana (UNITA), mestura de elementos tribais, ideolóxicos, e intereses económicos, semella chegar ao seu epílogo. A morte en combate o 22 de febreiro de quen foi fundador e líder indiscutible de UNITA, Jonas Savimbi, abriu unha nova fase no proceso de paz tralo fracaso na implementación do Protocolo de Lusaca, e ao que agora se pretende dar un impulso definitivo coa aprobación dunha lei de Amnistía para levar a paz a un país devastado por 27 anos de guerra. A unanimidade rexistrada na Asemblea Nacional angolana á hora de ratificar o acordo subscrito polas delegacións miltares das Forzas Armadas de Luanda e do Galo Negro, alimenta a esperanza dun calar definitivo das armas.

Angola entra nunha nova etapa. Coa morte de Savimbi péchase a paréntese aberta coa desaparición de Agostinho Neto (líder do MPLA), en 1979, e o semi-retiro da política activa de Holden Roberto (FNLA). Ese difícil pasado pode quedar atrás se os angolanos son quen de tirar o balance preciso e a comunidade internacional se decide a alentar un intenso compromiso coa normalización da súa vida política. MPLA e UNITA deberán aprender a resolver as súas diferencias por mecanismos que exclúan a violencia e que dilúan os respectivos tics autoritarios, producto de case tres décadas de enfrontamento aberto que distorsionaron a naturaleza propia de partidos políticos e movementos cívicos. Dende o pasado 14 de marzo non se ouven tiros en Angola. Cómpre dar unha oportunidade á sociedade para intervir activamente no asentamento desa tregua, facendo irreversible o proceso de extensión do poder do Estado a todo o territorio angolano e de lexitimación do poder político de Luanda. O abandono da mata por parte de UNITA debe ser correspondido por José Eduardo dos Santos, actual presidente que xa anunciou que non se presentará aos próximos comicios, cun esforzo de integración institucional que debe ir máis alá da iniciativa de UNITA e trascender a base bilateral para xerar unha nova dinámica política no país. Cómpre non esquecer que as razóns da guerra están ligadas á incapacidade de Luanda de integrar aos diferentes grupos nacionais, un problema que non se resolve automaticamente coa morte de Savimbi por moito que facilite o regreso á mesa de negociacións.

Os ventos exteriores tamén son favorables á paz. Bush procura alternativas ao petróleo de Arabia Saudí, aliado cada vez máis incómodo, pero que aínda ten as maiores reservas do mundo e representou en 2001 preto do 30 por cento das importacións enerxéticas estadounidenses. Angola abastece hoxe pouco máis dun 5 por cento das importacións de petróleo de Washington. Como onte na guerra, tamén na paz existen poderosos intereses económicos.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/04/2002