Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Agardando por maio
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 29/01/2002)
 

Será no mes parisiense por excelencia cando Chirac e Jospin se enfronten nas urnas coa presidencia da República en xogo. A primeira volta está fixada para o 5 de maio. Os analistas coinciden en que haberá segunda parte. Ás poucas semanas as lexislativas. A campaña electoral vai suave, cohabitación impón. A disolución da Asemblea Nacional, 22 de febreiro, dará o tiro de saída. Aparentemente dereita unida contra a esquerda plural. Mais non todo é tan simple.

Lionel Jospin personaliza a recuperación do PS e da esquerda francesa. O dirixente sen carisma sumou capacidade de traballo e decisión política para tirar ao partido do marasmo de incapacidade e corrupción da última etapa de Mitterrand ao tempo que era quen de dirixir a alianza da esquerda plural por camiños ben diferentes aos da “terceira vía” que o popular Blair indicaba dende a veciña Britania. Demostrou que é posible o crecemento económico sen recorrer ás receitas privatizadoras propostas pola dereita neoliberal e asumidas pola esquerda “blairista”. Contención das privatizacións, defensa do sector público, reducción do paro, impulso das 35 h., asunción dalgunhas propostas dos movementos antiglobalización, decisión na cuestión corsa, etc. permitíronlle manter un alto nivel de apoio entre os mozos de 18 a 24 anos, evitar que os aliados – Partido Comunista- se sentisen incómodos e o excesivo descontento da esquerda crítica.

Nas presidenciais ofertará un programa similar, de forte contido social (atención aos parados de máis de 50 anos e aos excluídos; reforma das pensións e flexibilización da xubilación; contratos para os mozos; debate sobre a legalización das drogas brandas; permiso de paternidade/maternidade de seis meses; regulación, por medio dunha taxa, da globalización financeira) e político (modificacións constitucionais –introducción dunha parte proporcional nas lexislativas e revisión da composición do Consello Constitucional, que hai uns días anulou, outra máis, a lei que recoñecía capacidade lexislativa á Asemblea de Córsega- e dereito a voto nas municipais para os estranxeiros con cinco anos de residencia).

Agora ben o inicio da campaña sacou á luz as diferencias no seo do PS. Os “socialistas modernizadores”, encabezados polo actual ministro de Economía Laurent Fabius e o seu antecesor Strauss-Khan, defenden abertamente a privatización de grandes empresas públicas (gas, electricidade) e a introducción de plans de pensións privados. O debate entre esquerda e dereita das anteriores lexislativas trasládase agora ao interior da esquerda. Os “modernizadores” abren sitio para postular candidatos a primeiro-ministro fronte a outros pretendentes como a ex ministra Martine Aubry ou o primeiro secretario François Hollande.

Chirac soña con repetir no Elysée. Para acadalo pretende unir á dereita cun programa de dereita (“tolerancia cero” coa delincuencia; eliminación, total ou parcial, das cargas sociais para os empresarios que empreguen mozos; deixar gañar máis aos que queren traballar máis; reduccións fiscais nos plans privados de pensións; rebaixas no imposto sobre a renda e no de sociedades; reducción en cinco anos de 800.000 funcionarios; programa de Defensa Nacional e defensa da unidade nacional; máis poderes aos directores dos centros de ensino). Chirac mantén firme ao seu partido e introduciu a división nos centristas, ao tempo que pretende atraer aos liberais para conseguir o apoio da maior parte da dereita xa na primeira volta.

Amais dos dous principais candidatos, outros dous aspirantes van ter un papel de relevo: o xacobino de esquerdas, Jean Pierre Chevènement e o ultra Jean-Marie Le Pen. O primeiro, ex ministro de Jospin, abandonou o goberno pola negociación do estatuto de Córsega, pretenderá agrupar os votos suficientes para condicionar a candidatura do primeiro ministro, cun programa de defensa sen reparos da República, xa que logo nada de concesións autonomistas e negativa a que o proceso de construcción europea supoña esmorecemento do estado francés. O dereitista ten máis difícil condicionar a Chirac, nomeadamente se temos en conta que a campaña deste fará da “inseguridade cidadá” o seu tema estrela.

Para maio, a solución. Os aires dereitistas que circulan por Europa inflan as velas de Chirac e as enquisas danlle entre dous e catro puntos de vantaxe. Non semellan suficientes, xa que logo a campaña electoral decidirá as presidenciais, e en consecuencia as lexislativas.

 
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/01/2002