| ¿Powell, demisión? Por Andrés Freire (Canal Mundo, 18/06/2002) |
|
O aillamento do secretario de estado Colin Powell respecto ó resto da Administración Bush ten sido materia de comentario dende a chegada dos republicanos ó poder. A súa elección foi a única concesión de Bush-Cheney á moderación, xa que prefiriron arrouparse na política exterior por un grupo vellos amigos e veteranos falcóns. As tensións estiveron durante moito tempo agochadas gracias ó secretismo que é xa seña de identidade do goberno americano, mais as diverxencias en torno ó Oriente Medio fixéronnas visibles. Agora, a prensa internacional especula abertamente coa demisión de Powell tralas eleccións de outono. O choque viña anunciado dende o principio. É sabido que o intervencionismo que propugnan os neoconservadores que rodean a Bush (en procura do que eles chaman “hexemonía benevolente”) topa coa doctrina que Colin Powell fixo súa nos seus tempos de presidente da xunta de xefes de estado maior: as intervencións exteriores deben estar limitadas a aquelas que teñan un interese nacional real, poucos riscos para os soldados americanos, uso da forza sen complexos e unha clara estratexia de saida. Esta doctrina, evidentemente, é absolutamente contraria á “War on Terror”, que propugna na práctica unha guerra eterna para erradicar o mal do planeta (“root out evil”), e na que “ningún medio é en principio descartable”. É dicir, exactamente o contrario á doctrina Powell. Que ninguén pense por iso que Powell é un idealista ou pacifista. Lonxe de selo, a súa traxectoria foi sempre a dun home preto do poder, e incluso ós seus lados máis escuros. O seu propio fillo, Michael, fora encargado dunha das tarefas máis importantes da administración republicana: acabar dende o seu posto de responsable de regulación das telecomunicaciónes con todas as leis antimonopolísticas en vigor dende Franklin Delano Roosevelt. O que en verdade distingue a Colin Powell dos seus compañeiros de administración é o seu realismo e experiencia. Estamos ante un home que loitou en Vietnam, que ten visto o mundo exterior e comprendido os límites do que lle é posible facer ó goberno americano. Os seus compañeiros, en cambio, sobre todo aqueles que presionan para ampliar o alcance do intervencionismo, pasaron a súa vida trazando pláns en despachos de Washington e se viaxaron ó extranxeiro, o fixeron a hoteis de cinco estrelas para entrevistarse con nativos educados en Harvard. A prudente visión de Powell é compartida por moitos no departamento de estado, que é a burocracia máis internacionalista e viaxada de Estados Unidos. Iso gañoulles a hostilidade de outras burocracias e de moitos grupos de presión (por exemplo, o durísimo anuncio que a Organización Sionista Americana publicou no New York Times, denigrando a postura de Powell ante o terrorismo palestino). A dirección da política americana recae, nembargantes, cada día máis no Pentágono. Entre outras cousas, porque o orzamento de Estado é 30.000 millóns de dólares, e o de Defensa é 300.000. O epicentro da polémica entre Powell e o resto é, por suposto, a política americana respecto ó Oriente Medio. As mensaxes diverxentes entre eles son constantes nos derradeiros meses. Recentemente, Ari Fleisher, portavoz de Bush, restou importancia ás verbas de Powell sobre a posibilidade dun recoñecemento provisional do estado palestino, dicindo que reflectían o consello de outros países. Toda a laboura de Powell e o seu departamento veu abaixo con estas verbas e coas poucas que farfullou o presidente Bush apoiando inequívocamente a Sharon. Ante esta constante sabotaxe do seu traballo, e o do seu departamento xurde o rumor da futura demisión do xeneral Powell. Moito desexarían os rivais de Powell que deixara o cargo. É un rival de demasiado peso para ignoralo. Cun problema engadido moi grave para os neoconservadores; non pode ser cesado. A súa popularidade segue a ser alta, máis aínda que a de Bush, e o seu carisma sigue intacto, por moito que o detesten a dereita cristiá, os sionistas e os nacionalistas negros. E non só o necesitan os dirixentes extranxeiros, tamén a opinión pública americana sente que o seu consello é imprescindible para o presidente. A ninguén se lle oculta a estas alturas que George Bush Jr. é unha persona non xa ignorante, senón incapaz de aprender, e dolorosamente consciente (¿non lle ven mala cara?) de que non está capacitado para o seu posto. Convértese así en marioneta guiada por as voces que lle rodean, sobre todo naquelas cuestións que pola súa complexidade e lonxanía non hai instinto do que ún poida fiar. Daí o temor que asalta a todos se desaparece unha das poucas voces sensatas entre as cercanas a él. P.D. Comentábamos fai pouco que os líderes militares do Pentágono forzaran ó presidente Bush a aplazar ó ataque a Iraq, e que a resultas diso os amigos de Israel iniciaran una campaña contra él. Pouco tardou Bush en dar a entender que atacará a Hussein. Esta vez, vía CIA. Xa o dicíamos un día: das batallas de hoxe, ningunhas tan decisivas como as que se loitan nas pasillos de Washington. |
|
Andrés Freire é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/06/2002
|