Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Oriente Medio: ¿Quén ten un plan?
Por Andrés Freire (Canal Mundo, 02/07/2002)
 
 

Era un momento de definición. Todo o mundo agardaba a posición americana con respecto ó Oriente Medio. A Administración Bush tiña que decidir se recompensaba a política desafiante de Sharon ou percorría o camiño subliñado polo plan saudita, apoiado por árabes e europeos. Tras titubeos, vacilacións e loitas internas, o Presidente Bush amosou por fin o seu longamente esperado plan de paz. A conclusión xeral é clara, o plan podería ter sido escrito polo Likud.

A principal mensaxe de Bush foi a de declarar a Arafat como impulsor do terrorismo, e polo tanto, inaceptable coma líder palestino. Non só necesita un novo líder, a Autoridade Nacional Palestina require tamén reformas democráticas, rematar coa corrupción e establecer unha economía de mercado. E por suposto debe loitar contra o terrorismo. A partir dese momento, pódese agardar o apoio americano a un estado provisional palestino.

Tampouco Irán, Iraq, Líbano e, sobre todo, Siria se libraron das ameazas de Bush. A estos países, recordoulles que a famosa frase acerca de que en materia de terrorismo ou estás con Estados Unidos, ou estás contra eles, non é vana retórica. Por tanto, deben deixar de apoiar a Hezbollah, a Jihad e Hamas. Ou afrontar as consecuencias.

Israel, pola súa banda “as new Palestinian institutions and new leaders emerge, demonstrating real performance on security and reform” (obsérvese a circunstancial), debe traballar en favor da paz, conxelando os asentamentos e volvendo ás posiciones previas á segunda Intifada. Algúns asentamentos están a ser desmantelados, ainda que é ben sabido que se construíron con ese fin, e conservar deste modo enclaves máis estratéxicos. (Por certo, nada máis coñecer o discurso de Bush que declaraba a Arafat irrelevante, o exército israeli deixou de atacar á ANP para dedicarse a Hamas, que ata entón non fora tocado).

O obxectivo da paz non resulta crible co plan Bush. Os palestinos deben elixir un líder que sexa simpático a Estados Unidos e Israel. O novo debe reprimir ós grupos terroristas que non acepten as condicións marcadas polos Estados Unidos. As institucións políticas e económicas occidentais deben ser replicadas nos campos de refuxiados dependentes da axuda externa. E neles florecerá unha próspera economía capitalista, interrelacionada con Israel, o que levará a unha Paz Kantiana que será exemplo para o mundo.

Algo ridículo, en fin. E é que un plan de paz que place a Sharon, non é plan de paz. Pois o vello Arik sí ten plan, e éste é o do Gran Israel co que soñara toda a súa vida. Gracias a Bush, as condicións son hoxe máis propicias ca nunca.

 
 

Andrés Freire é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/07/2002