Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Actores do Puntofijismo
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 30/04/2002)
 
 

Tras da caída do dictador Pérez Jiménez en 1958, nace o espírito do puntofijismo plasmado na sinatura dun pacto entre socialdemócratas (AD), socialcristianos (Copei) e a Unión Republicana Demócrata, que permitiu sucesivos relevos no poder sen traumas violentos, mais que alimentou unha espiral de corrupción na que os partidos se cubrían as costas.

A constitución bolivaríana que tivo un apoio masivo dos venezolanos nas urnas é un simbolo para a maioría social do país, que se aferrou a ela tras do 11-A. Representa a ruptura cunha etapa de corrupción e despilfaro que supuxo a alternancia dos partidos firmantes do Pacto de Punto de 1958. Formaran unha película impermeable de plutócratas que dominaron política e medios de comunicación para evaporar a Venezuela Saudíta que nadaba en ingresos por petróleo.

Na década dos 70 nace a Venezuela Saudita propulsada por un barril de cru a 25$ e dirixida polo socialdemócrata Carlos Andrés Pérez. Nacionalizou o petróleo, o ferro e puxo en marcha un ambicioso plano de grandes obras públicas. O país circulaba lanzado en taxas de crecemento anuais do 6%, pero xa campeaban a corrupción e a evasión impositiva dunha burguesía nacional parásita, nutrida, como samesugas, do poderío económico do estado.

Descalabrados os prezos do cru a finais dos 80, en tempos de Jaime Lusinchi, nun país onde o 70% das súas exportacións, proveñen do petróleo, Venezuela endebedouse axiña no pagamento da faraónicas obras públicas comprometidas, empobreceuse e sumiuse nunha profunda crise.

Co muro de Berlín feito anacos, volveu ao poder Carlos Andréz. Pérez, pero xa enchoupado dun pensamento con vocación de único na economía e na política, partidario das terapias de choque e das privatizacións. Foi entón cando os cerros baixaron no Carazazo de 1989 con protestas, saqueos, violencia, represión e mortes.

Daquela, comezou a fraguar un nacionalismo político-económico no interior dunha burguesía sentíuse insegura diante dos mercados abertos mundiais. Neste contexto xurdiría en 1992 o tenente coronel Chávez Frías, actor principal de dous fracasados intentos golpistas que pretendían derrocar a Carlos Andrés Pérez. Finalmente o presidente socialdemócrata sería destituído acusado de corrupción, seis meses antes de rematar o seu mandato. Na posterior etapa de Caldera, alá polo ano 1993, abríuse nunha contradictoria dobre dirección. Por unha banda cara ao nacionalismo económico e pola outra cara a máis planos de axuste que elevaron o paro, a pobreza e a marxinación.

Os partidos do puntofijismo que gobernaran a Venezuela Saudita, nos últimos 27 anos, tiñan desperdiciado 300.000 millóns de dólares por ingresos petroleiros. A riqueza concentrouse nunha exigua, avara e corrupta plutocracia condensada en cen superenriqueridas familias, sen artellar paralelamente unha rede social que amparase minimamente a máis do 70% dos Venezolanos mergullados na pobreza. A finais dos 80 os partidos colleitaban índices de desconfianza semellantes aos dos actuais partidos políticos arxentinos que superaban o 80%.

Cando o novo fiscal xeral do estado se imcorporou ao seu despacho, no 2000, amoreábanse enriba da mesa máis dun millón de denuncias de corrupción correspondentes aos períodos de Carlos Andréz.Pérez, Luís Herrera Campins, Jaime Lusinchi, Rafael Caldera e tamén algúns da era Chávez, a penas 150.000 iniciaran tramitación xudicial.

A constitución Bolivariana, pretendeu rematar con algúns dos vícios do Puntofijismo.

Nela afondouse os controis democráticos sobre a maioría dos poderes. Consolidábase o papel do estado nas prestacións sociais, educación e sanidade. Recoñeceuse a existencia das comunidades indíxenas e da súa cultura. Contempláronse os dereitos sobre as terras dos seus orixinarios ocupadores. Incorporou a figura do valedor do pobo. As políticas do Banco Central de Venezuela quedaron suxeitas a control parlamentario. Castigábase penalmente a evasión fiscal. O estado conservaría o total das accións da PSDVA (Petróleos de Venezuela S.A.) por soberanía política e estratexia económica, pero deixaba abertas as portas para que as filiais filiais si puidesen ser obxecto de iniciativa privada).

Tamén é certo que o texto constitucional que substituía ao de 1961, a pesares de ter o apoio abafante da maioría da poboación, non foi o resultado dun pacto político ou social. Asemade contiñá aspectos máis cuestionables como a merma das atribucións do parlamento en beneficio da Presidencia e outorgaba voto e maior protagonismo aos militares... Precisamente algunhas das denuncias por corrupción que se lle dirixen ao período Hugo Gávez Frías están relacionados con casos de corrupción de militares que administran o Plan Bolivar 2000, destinado a combater a pobreza mediante un programa de corte asistencial.

O presidente venezolano pode presumir dun modesto pero positivo balance na xestión económica que poucos en America Latina foron quen de igualar nestes tres anos E tres meses de goberno. Os despiadados ataques que recibe na prensa local e internacional non teñen xustificación comparativa algunha. Mais tamén el cometeu erros que en política sempre rematan por pasar factura.

Foi coparticipe dunha carreira de excesos dialécticos amplificados por medios de comunicación parciais que enrareceu a confrontación ata levala ao punto ideal para golpear o estado de dereito.

No tres anos transcorridos, foi deixando no camiño importantes apoios como o do historiador Jorge Olavarría, Arias Cárdenas, o Ex-ministro do Interior Luís Miquelena. Todos eles estiveron activos contra Chávez. Olavarría foi consultado polos golpistase accedeu só inicialmente a redactar o manifesto rebelde, Arias enfrontóuselle na carreira presidencial e Luís Miquelena nunhas sorpresivas declaracións sinalouno como responsable do acontecido o 11-A. O grao de implicación do veterano Miquelena é un dos poucos enigmas aínda por aclarar.

Os síntomas da crise interna se evidenciaron, a comezos do 2002, nas renuncias de ministros e dos embaixadores nos EEUU e no Vaticamo ,I. Arcaya e I. Quintana respectivamente, pedindo ao Presidente máis dialogo e traballo pola concordia nacional.

A victoriosa coalición que aglutinaba aos minoritarios MAS (Movemento cara ao Socialismo) e o PPT (Patria Para Todos) fracturouse en varios anacos oficialistas e opositores quedando bastante orfa a liña maioritaria do MVR (Movemento Quinta República) que lidera Chávez.

Erros na politica interior e premeditada laminación do seu creto exterior deterioraron a súa imaxe.

Xusto un día antes da chegada do Presidente Chávez a Cimeira de Lima, na que o mandatario venezolano ía cuestionar o unilateralismo norteamericano na loita contra do terrorismo e demandar a primacía da ONU nas iniciativas de paz mundial... a prensa venezolana enchía as primeiras páxinas cunha noticia dos xornais madrileños ABC e La Razón nas que se denunciaba a presencia de 70 etarras no país caribeño, sen especificar dende que ano residían en Venezuela. Repetidamente sinálase a Chávez como colaborador das FARC-EP a pesares de que apoiou a ruptura das negociacións decidida por Andrés Pastrana e de ser peza clave no proceso de paz.

Meses antes de que o New York Times dera a coñecer os contactos entre o Establishment e a ringleira de opositores que peregrinaban a Washington con proxectos derrocadores, xa eran públicos e publicados nos xornais venezolanos como estratexia para demostrar a fortaleza internacional opositora e o illamento de Chávez.O interlocutor habitual, legado da era Reagan, era Otto Reich, falcón do exilio cubano e Subsecretario de Estado para Asuntos Hemisféricos. En febreiro, cando semellaba ser o momento ideal para andiantar a conspiración produciuse o recambio na embaixada norteamericana de Caracas coa chegada de Charles Shapiro supuxo o canal directo desde o interior, sen viaxes.

Á vista do acontecido no ultimo ano en Latinoamérica, moitos analistas terán que revisar as ferramentas de avaliación da política exterior norteamericana. G. Bush non é W. Clintón, as súas estratexias para o continente tampouco.


A cuestión da prensa

A diferencia do acontecido en Chile, o fracaso do golpe de estado permitiunos coñecer axiña os detalles dunha conspiración premeditada, os contactos, os implicados, apoios internacionais e sobre todo o crucial papel desenvolvido pola marioría dos medios de comunicación tentando crear a imaxe de que se estaba diante dun país ingobernable.

Quizais sexa este un dos aspectos que compre analizar máis polo miúdo logo do 11-A e cuestionarse ¿ É lícito conspirar contra da democracia amparándose na liberdade de prensa?

Durante a multitudinaria manifestación que proviña das acomodadas barriadas do leste de Caracas, transformaron a marcha nun decisivo referendo a Chávez. Algúns canais mesmo foron incitadores directos sobreimprimindo nas imaxes en directo un rótulo co lema “Ni un paso atrás”. Nas horas decisivas negáronse a difundir as opinións do goberno, publicando repetidamente a falsa renuncia de Chávez, as ficticias peticións de asilo de ministros nas embaixadas de Chile e Cuba, ou a suposta saída do país do Presidente...

Durante os enfrontamentos diante do Palacio de Miraflores non se publicaron as imaxes das víctimas defensoras do sede presidencial. Espallaron a falaz teoría do autogolpe antes, durante e logo de fracasar o golpe, ser reparar na fervenza de evidencias probatorias do cuartelazo.

Cualificaron ao unísono de atropello a liberdade de expresión o corte de emisións que sufriron durante as cinco horas críticas, practicado pola policía política disip, que argumentara, que dende o caracazo, estaba prohíbida pola Lei da Radiodifusión a transmisión de feitos violentos. Sen embargo silenciaron o corte de emisións do oficialista Canal 8 durante 20 horas no goberno de Pedro Carmona. Radios e Televisións ocultaron a masiva baixada dos cerros de manifestantes en apoio de Chávez, a represión policial, o revanchismo, a caza de bruxas e detencións masivas durante o mandato breve de Pedro Carmona, as balas, perdigóns, as revoltas, os mortos, os atropelos de domicilios, asasinatos sumarísimos.

Aínda hoxe esixen responsabilidades pola que denominan matanza do día 11, cando os mortos durante o goberno golpista cuadriplipican aos do día 11, cando entre os mortos do día 11 había tamén chavistas, cando cada vez aparecen máis probas da existencia de premeditados francotiradores.

Retrasaron varias horas a noticia da volta á legalidade democrática co regreso do presidente, agacharon as condenas internacionais da OEA (Organización de Estados Americanos), de Francia, de Gran Bretaña, mentres daban ampla cobertura informativa as declaracións dos portavoces da Casa Branca, as palabras xustificadoras de Josep Piqué ou a conversación de José Mª Aznar con Pedro Carmona, que mostraba a súa disposición a colaborar co golpista no afianzamento da democracia.

Continúan coas súas sucesivas entrevistas a cada un dos actores do golpe para que xustifiquen a súa actuación e neguén a existencia mesma do golpe. Dedican primeiras páxinas a un borrador de renuncia de Chávez que lonxe de ser unha proba contra incriminatoria, non fai máis que corroborar o feito de que o presidente nunca renunciou. Dan a maior cobertura posta en marcha do Plan Avila, cando xa era demasiado tarde, que pretendía activar ás forzas armadas leais a constitución para tentar parar o golpe.

Dende hai tempo compre unha reflexión global sobre o poder dos medios, para pescudar se é posible outra sociedade da información máis ecuánime. O caso venezolano avala esta tese.

Outros actores principais da escalada de tensión como a CTV (Central de Traballadores de Venezuela), no trancurso da súa historia non ten escrito demasiados capítulos de coherencia ideolóxica nin moitos episodios de honradez. Aparece estreitamente vinculada aos males da era puntofijista.

Os desprestixiados partidos do puntofijismo Copei e AD, que estaban exultantes ao ver apartado do poder a Chávez, vulneraron a contitución e o punto 3 (a) do seu Pacto de Puntofijo de 1958 “. a intervención da forza contra das autoridades xurdidas das votacións é delito contra da Patria”.

Extraña tamén a coincidente e rebuscada argumentación utilizada por AD na xustificación do golpe e polos EEUU en Washington durante a reunión da OEA, que abrumadoramente condenou a alteración democrática, invocando o artigo 350 da constitución Bolivariana, para darlle a volta do calcetín e utilizala para amparar legalmente o golpe “O pobo de Venezuela fiel a súa tradición republicana e a súa loita pola independencia, a paz e a liberdade, descoñecerá calquera réxime, lexislación e autoridade contraria aos valores, principios e garantías democráticas que contrarien os DDHH”.

O chávez dos mil rostros ten a oportunidade de rectificar mentres os cómplices do golpe estean debilitados e argumentalmente desarmados. Precisa de tempo para recompoñer as feridas das traizóns sufridas durante o golpe e para tentar recompoñer a unidade do exército.

Na súa primeira intervención pública expresouse nese sentido e quizais sexa a última oportunidade para rectificar na procura da convivencia.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2002