| Presencia-Opinión |
| A por Arafat Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 31/01/2002) |
|
Abriuse a veda. Baseada nunha interesada identificación entre Arafat e Ben Laden, a actual estratexia israelí de retorno á situación previa a 1993, coa liquidación da Autoridade Nacional Palestina e do proceso de paz, por fin atopou en Washington toda a comprensión necesaria. Bush, cunha política exterior para Oriente Medio pilotada cada vez máis dende Xerusalén, estudia a adopción de medidas de presión a Arafat para que combata o terrorismo. O esforzo por criminalizar a ANP leva a casos tan pintorescos como o do Karine-A, barco capturado polos servicios de defensa israelís en pleno Mar Vermello con armas supostamente destinadas ás forzas dependentes da ANP, non o esquezamos, totalmente cercadas por terra, mar e aire. Menos a intelixencia de Estados Unidos – e a israelí, claro- que afirma ter probas da implicación de Arafat, todos coinciden en recoñecer que o cargamento era de orixe mafiosa e iba destinado a compradores diversos en Iemen, Exipto e para o Hezbollah libanés. O aluvión de “indignacións” causado por esta denuncia contrasta cun indescriptible silencio cando en plena euforia universal antiterrorista que proclama a “liberdade duradeira” –quero conxecturar que con liberdade de expresión incluída- as tropas de Sharon dinamitan todo un edificio de sete plantas donde uns profesionais da comunicación procuraban desenvolver con dignidade o seu labor: a radiotelevisión palestina. Arafat non é Ben Laden. As causas que cada un simbolizan a penas teñen puntos en común, por máis que o segundo intente servirse das reivindicacións palestinas para lexitimar as súas accións. Nen ben Laden nen tampouco o mulá Omar sabemos donde están. Si sabemos, claro, donde está Arafat, inmbolizado polos tanques israelís que apuntan á súa residencia, agardando quizais o inevitable, a súa eliminación física no momento que mais conveña a Ariel Sharon, espoleado pola indignación subseguinte a un oportuno atentado. A mensaxe de presión a Arafat tamén vai dirixida a Europa e aos países árabes, vergonzosamente incapaces de axudar á causa palestina. Polo de agora no Quai d’Orsai semellan atopar a maior das resistencias. En París reclamaron a presencia de Miguel Angel Moratinos, representante permanente da UE no Próximo Oriente, para que viaxara de inmediato á zona e se entrevistase con Arafat da forma máis visible posible. Non esquezamos que un tribunal belga estudia a posibilidade de admitir unha querela criminal contra Sharon pola súa responsabilidade nas matanzas de Sabra e Chatila. Europa non debería ceder á estratexia americana de debilitar a Arafat e esixir unha investigación internacional sobre o asasinato de Elie Hobeika, responsable das milicias cristianas libanesas. O cese dos ataques en territorio israelí e o sometemento de todas as formacións armadas á Autoridade Palestina poderían permitir a reanudación do diálogo e a negociación, pero ninguén ofrece nada a cambio. Arafat non pode ceder a cegas. Esa actitude conduciría directamente a unha guerra civil. A chave para reducir a tensión en Oriente Próximo está na chequeira de Washington. A axuda, económica e militar, de Estados Unidos a Israel para o 2002 ascenderá a 2,8 mil millóns de dólares fronte a 75 millóns para Cisxordania e Gaza. O 90 por cento da axuda exterior a Israel é de procedencia norteamericana. Aquí a presión é ben doada de facer. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 27/01/2002
|