| Presencia-Opinión |
| A outra impunidade Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 10/01/2002) |
|
¿Cómo é posible que un dos países máis ricos do mundo esté ao borde da ruína? Esa é a pregunta que a todos incita á reflexión. Para Laura Ramos, avogada arxentina e colaboradora do Observatorio da Débeda na Globalización, o proceso actual é inseparable do afán irresponsable do sistema financeiro internacional de colocar os recursos disponibles sen medir riscos ou optando por unha transferencia por completo aos seus deudores. En América Latina, entre 1970 e 1975 a débeda na rexión creceu un 181 por cento, mentres que nos cinco anos seguintes o salto foi do 467 por cento. En Arxentina, a implicación da dictadura militar do xeneral Videla nese proceso adquiriu unha notoria intensidade. Non se trata soamente da responsabilidade sobre os trinta mil desaparecidos, roubo de menores, campos de concentración, torturas e exilio, senón do fomento dunha serie de operacións polas que ninguén nunca pediu contas e que alentaron o proceso de destrucción do aparato productivo nacional, de dinamización da especulación e de culminación da dependencia arxentina, un proceso inspirado polas medidas de Martínez de Hoz, entón responsable de economía, pero que contou coa aprobación e o estímulo do Fondo Monetario Internacional. Durante os sete anos da dictadura arxentina, asegura Laura Ramos, a débeda externa creceu nun 350 por cento, foi forzada, non existen rexistros contables que a acrediten e se ignora o destino dos fondos. A maior parte dos préstamos outorgados á dictadura arxentina proviñan de bancos privados norteamericanos (Eric Toussaint, 2001) e pasou de 9.700 millóns de dólares a 45.000 millóns. Empresas públicas que non necesitaban endebedarse por contar con recursos suficientes para soster o seu propio desenvolvemento, foron impelidas a facelo. É o caso de YPF. Nos anos da dictadura, a débeda da petroleira nacional creceu dazaseis veces (Eric Toussaint, 2001). Dos 45 mil millóns de débeda acumulada a finais da dictadura, estimase que máis do dez por cento teñen a súa orixe no proceso de estatización das débedas empresariais, compromiso impulsado polo entón presidente do Banco Central, Domingo Cavallo. A xenerosidade envelenada do sistema financeiro internacional e a complicidade local converteronse nunha soga ao pescozo ao apareceren os primeiros sintomas de iliquidez a mediados da década dos oitenta, iniciando as políticas de axuste estructural a fin de garantir o pago da débeda, xenerando en moitos casos novos préstamos para facer fronte aos impagos nunha espiral imparable. A connivencia entre a clase política e empresarial coa banca internacional proseguiu no período Menem-Cavallo, cun programa económico de maior apertura, desregulamentación e liberalización, facilitando a implantación das empresas transnacionais no país e a transferencia a mans estranxeiras da propiedade das empresas públicas. A venda dos activos públicos non lograron aliviar o peso da débeda externa que seguiu crecendo nesta etapa en máis dun 125 por cento en boa medida por mor do chamado sistema de “ampalancamento”: os investidores estranxeiros adquirían as empresas -infravaloradas e libres de pasivos- con cretos tomados no exterior e coa garantía dos activos da propia empresa a adquirir, propiciando un considerable aumento das obrigas externas das empresas privatizadas que entre 1991 e 1999 pasaron de 984 a 17.555 millóns de dólares. O proceso completabase co incremento substancial dos activos arxentinos controlados pola banca estranxeira, pasando do 18 por cento en 1994 ao 50 por cento en 1999. Cando De la Rúa accedeu á Casa Rosada o camiño xa non tiña retorno, estaba atado de pés e mans, como afirma Lino Pellitero, e cunha sociedade incapaz de resistir un minuto máis o mesmo modelo dexenerativo. Agora, sobre a cabeza de Duhalde non pende unha espada de Dámocles senón unha simple pero firme cazola. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/01/2002
|