| A nova ampliación da OTAN Por Andrés Freire (Canal Mundo, 16/04/2002) |
|
O debate sobre a próxima ronda de ampliación da OTAN é un deses temas que interesa soamente a expertos, e transcurre en pasillos e despachos máis que en parlamentos e televisións (e en Washington máis que en Bruselas). Os países candidatos son nove: Eslovenia, Eslovaquia, Estonia, Letonia, Lituania, Bulgaria, Rumania, Macedonia y Albania, ós que hai que engadir Croacia. A decisión tomarase no Cumio de Praga o próximo setembro. As opcións que se barallan son múltiples. Ata hai pouco dábanse por seguros só dous países, Eslovenia e Eslovaquia. O primeiro sigue a selo, mais no caso eslovaco, a ameaza do regreso do expresidente Meciar pón en perigo moitos pláns. Sobre o resto, as dúbidas foron maiores, pero o ataque do 11/S situou no poder ós radicais en Washington, de modo que a prudencia non será factor que conte na decisión. Por iso, é probable que os países bálticos sexan tamén convidados, con Lituania como baza segura. E se ben Macedonia e Albania serán descartados pola súa inestabilidade, puidera ser que, por sorpresa, ingresaran na OTAN Bulgaria e Rumania, países tradicionalmente do ámbito xeopolítico ruso, pero que proporcionan un importantísimo acceso ó Mar Negro. E deste modo, a unificación europea prosigue paso a paso, pero non por medio da organización deseñada ó efecto, a UE, senón por unha alianza de defensa liderada por Estados Unidos. A OTAN, por moito que se vista de organización de seguridade colectiva adicada ó fomento da “seguridade e estabilidade” en Europa, sigue a descansar sobre o artigo V, aquel que afirma que “as partes recoñecen que un ataque contra unha delas será un ataque contra todos”. Nembargantes, é certo que a OTAN converteuse na organización de seguridade esencial en Europa. A Alianza Atlántica configurouse como un formidable espacio para a harmonización, cohesión e confianza entre os distintos exércitos europeos. Unificounos de tal maneira, sobre todo nos corpos profesionais de élite, que semellan incapaces de loitar guerras en solitario. Unha consecuencia non desexada desta desnacionalización das distintas políticas de defensa foi que moitos países, confiados nas garantías de seguridade americanas, permitiron unha degradación profunda dos seus aparatos de defensa. É máis, de reconstruirse os exércitos, o farán como corpos parciais do exército común europeo con base en Bruxelas (e obediencia europea). É sobre esta doble lóxica (seguridade colectiva cara adentro, alianza de defensa, que xera confianza, cara fóra) que se sostén o discurso que avoga pola ampliación da OTAN. Por debaixo dese discurso, atópanse dúas asuncións básicas que normalmente non son explicitadas, e sen as cales é imposible comprender todo o proceso. En primeiro lugar, a ampliación, da que “ningunha democracia europea está en principio excluida” presupón “o final da historia”. É dicir, na rexión integrada pola OTAN, a democracia liberal-social, apoiada pola interdependencia económica, é o eixe sobre o que se basea a seguridade, e por iso a ampliación faise en nome dos “valores comúns da democracia e os dereitos humanos”. E o avance cara estes valores, e con eles da OTAN, é inevitable, por moitos atrancos que atope no camiño. A segunda idea básica refírese á potencia contra a cal se amplía, é dicir, Rusia: nada pode facer para oporse a este impulso cara o Leste do hexemón americano. Empobrecida, débil e fragmentada, Rusia tragará. E nunca chegará un momento (poñamos míseis en Lituania ou entrada de Ucraína na OTAN) en que os dirixentes daquel país decidan que NON, que tal medida é un casus belli ¿Por qué? Porque aqueles que amplían o espacio de seguridade europea dan por certo que a guerra é imposible. Mesmo para un país que envía a ducias de milleiros de conscriptos a morrer nuns montes perdidos no Caúcaso. O tempo dirá se a ampliación da OTAN se apoia en bases sólidas e contrastadas ou en simples bós desexos. O certo é que, sen apenas debate nin controversia, o goberno español compromete ós seus soldados a “morrer por Riga”. Aínda máis inquedante é a constatación de que a nosa seguridade depende da boa vontade de poderes cada vez máis alleos e alonxados. Réstanos confiar en que sigamos a estar no lado bó do Imperio. |
|
Andrés Freire. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/04/2002
|