Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
A lectura serbia da nova Unión iugoslava
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 26/03/2002)
 
 

Sen Unión entre Serbia e Montenegro, a primeira víctima política sería Vojislav Kostunica, presidente da Iugoslavia fenecida. ¿Supón a nova Unión un revés para as aspiracións políticas de Zoran Djindjic, o actual primeiro ministro serbio?

O pulso entre Kostunica e Djindjic semella decantarse en favor do primeiro, a pesar dos seus desesperados intentos por facerse con todo o control da situación en Belgrado. Como lembra Zeljko Cvijanovic no semanario Blic News de Belgrado, Djindjic dirixe os dazaoito partidos da coalición DOS, a gobernante despois da derrota de Milosevic. Salvo o Partido Democrático de Serbia de Kostunica (45 deputados de 250), todas as formacións situaronse detrás do primeiro ministro.

Pero comezan as desercións e as evidencias de que o poder de Djindjic vai a menos por dúas razóns. En primeiro lugar, son cada vez máis os deputados que se alonxan del por mor da súa cooperación co tribunal da Haia. O proceso a Milosevic é profundamente impopular, asegura Cvijanovic, redactor xefe do citado semanario. Djindjic é considerado como un traidor por entregar a Milosevic ao tribunal internacional e segue insistindo en gañarse o apoio de Washington colaborando activamente coa Haia. O próximo 31 de marzo remata o prazo fixado pola Casa Branca para avaliar a actitude de colaboración das autoridades serbias e da que depende a continuidade da axuda financeira. Kostunica toma serias distancias desta política por desconfiar do tribunal, unha actitude que moitos califican de patriótica.

A actitude ante o Tribunal da Haia parte as augas na política serbia e dentro da coalición DOS. Á crecente antipatía social, súmase a perda de influencia política de Djindjic. A sucesión de enfrontamentos co ministro de interior, Dusan Mihajlovic, co ministro federal de asuntos exteriores, Goran Svilanovic, ou co presidente da Cámara baixa do Parlamento federal, Dragoljub Micunovic, ou os fracasados intentos de privar dos seus escanos aos deputados de Kostunica por negarse a participar nas reunións da coalición gobernamental, son ben indicativos da reducción da capacidade de manobra de Djindjic. Sen que iso supoña necesariamente aproximación a Kostunica, o distanciamento do primeiro ministro vai a máis entre todos os aliados.

Nese contexto, a Unión asinada o pasado día 14 de marzo permite ao Presidente federal gañar un tempo precioso para culminar o debilitamento de Djindjic nos próximos comicios.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/03/2002