Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
A difusa raia da coca
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 26/03/2002)
 
 

“Os cartos malditos da droga financian as campañas políticas”. Palabras pronunciadas polo Arcebispo de Cali, Monseñor Isaías Duarte, que figuran como posible detonante do seu asasinato o 16 de marzo. Estreitas relacións que traspasan a difusa raia de separación entre a política e o narcotráfico en Colombia. O cártel de Cali financiara a campaña do Presidente Ernesto Samper (1994-98), inxectando cinco millóns de dólares. Nas próximas eleccións presidenciais do 26 de maio, a fulgurante estrela gañadora de Alvaro Uribe Vélez, quen se presenta baixo a etiqueta de independente e cun programa de goberno militarista, é a que aparece no punto de mira de moitas análises e non poucas sospeitas.

A Monseñor Isaías Duarte alcumábano como “Apostolo da Paz”, áinda que era moi crítico co proceso de paz, liderado polo presidente Andrés Pastrana. Enérxico na denuncia das prácticas violentas das guerrillas, nun dubidou en excomulgar fulminanteme aos membros do ELN (Exército de Liberación Nacional) por secuestrar, presisamente en Cali, a 180 fieis en pleno acto litúrxico.

Pero este licenciado en teoloxía dogmática pola Universidade Gregoriana de Roma, aos seus 63 años convertérase, tamén, nun activo predicador contra da violencia e a corrupción que inunda a vida política colombiana. Todos os indicios apuntan a que foron precisamente os sectores políticos ligados aos paramilitares e ao narcotrafico os que se sentiron aludidos polo dedo sinalador de Monseños Duarte, quen denunciara a corrupción da campaña electoral ou esixía con firmeza o respecto aos Dereitos do Home. Seguir a pista do Traficante Diego Montoya, foi o reto lanzado polo ELN, logo de ter sido acusados polos militares de estar implicados neste selectivo crime contra da xerarquía eclesiástica.

O doble pilote no que se basea o consenso de Monterrey: liberalización das economías e prácticas políticas democráticas libres de corrupción, ten en Colombia o seu primeiro exame de sinceridade global. Proba dificil de superar para potencias que apoiaron sen disimulo a Alberto Fujimori, Mateo Alemán, Cárlos Menem, Alfonso Portillo, Hugo Banzer...e tantos e e tantos políticos estreitamente vencellados á corrupción, a tiranía ou a ámbas.

Eliminar a corrupción da vida política é o primerio paso necesario para que os Estados teñan lexitimidade moral e a democracia poida ser asumida como propia, non como unha pantalla atractiva da mesma corrupciòn. Mais a podredume política tamén ten o seu indudable prezo económico. Un estudio do Banco Mundial cifrou en 2.240 millóns de dólares o custe da corrupción política colombiana no 2001, máis do 80% do décifit fiscal que tivo o país nese mesmo ano. Por tanto, corrupción e pobreza veñen da mesma mán.

En plena pugna electoral, Colombia axítase entre a espiral de violencia, que desencadenou a ruptura das negociacións de paz entre as FARC-EP e o Goberno do liberal Pastrana, e o baño de sangue, desprazamentos masivos, levantamentos... que nunca chegaron a deterse nos últimos 40 anos.

Superada a primeira etapa dos comicios lexislativos do 10 de marzo, no que os candidatos independentes de Álvaro Uribe tiveron un notable éxito, en medio dunha apatía do 55% da poboación que se abstivo, do millón que votos nulos e dos 400.000 en branco. Comicios marcados polo relativo fracaso dos partidos tradiciónais, conservadores e liberais, que dende 1958 se repartían o poder... a poboación farta de tanta violencia, sen fin, parece apostar por solucións drásticas.

Quen mellor sintoniza cos colombianos, en plena onda antiterrorista que emite George Bush, dende a estremecedora masacre do 11-S, é Uribe Vélez. Saído das filas liberais pero que xa voa en solitario, baixo o marchamo de independente. Para as presidenciais do 26 de maio ten elaborado os sete puntos básicos do progama electoral, tan hetéreos como tinguidos do mesmo perfil populista como tantos outros programas de goberno en Latinoamérica, que en nada se parecen á posterior acción de goberno: revolución educativa, avance da seguridade social que acobilla aos máis pobres, impulso ao cooperativismo, manexo social do campo, mellora dos servicios públicos e mantenemento das súas tarifas, apoio aos sectores productivos da economía especialmente aos pequenos e medianos empresarios e a mellora das condicións da vida urbana. Sen que falten as típicas propostas de reducir embaixadas, altos funcionarios, etc.

De corte máis liberal son as súas propostas de eliminar durante dous anos o IVE en os aranceis sobre as importacións en equipamentos de maquinaria ou de bens de capital.

A pesares de tan loables compromisos presidenciais, endexamais conseguiría acadar o 59,5% na intención de voto, senón fose por terse prometido empregarse cun extrema dureza coa guerrilla e cos paramilitares, contando coa boa predisposición norteamericana de ampliar o marco de acción do Plano Colombia cara ao terrorismo e non só cara ao narcotráfico. Estratexia que provoca máis reticencias en Europa e Latinoamérica.

O avogado e economísta de 49 anos ten escalado ata os máis altos cumes da popularidade ao percibir que o pobo está farto de interminables negociacións improductivas e ao demandar unha rede 1.000.000 de colaboradores e confidentes co exército, case poderíamos dicir que incita directamente á guerra, mais sen deixar unha porte semiaberta a unha posible negociación coas FARC-EP, que dispoñen de 17.000 combatentes enrolados no seu exército.

Esta nacente figura política que agora se catapulta cara a presidencia de Colombia, foi un dos chamados 12 apostolos de Samper, ata hai só catro anos pedía o voto para quen hoxe é o seu máximo adversario, o liberal Horacio Serpa. Agora arrasasa coas súas mensaxes directas, o seu espirito decidido, a súa practica vital austera e sobre todo a promesa de empregar mán dura co terrorismo.

Sobre Uribe tamén se proxectan as máis despiadadas acusaciòns como as de ser un instrumento ao servicio dos paramilitares, de ter favorecido ao narcotráfico dende o cargo de director de aviación civil que desempeñou ou, mesmo, de ser amigo de Ochoa, integrante do Cártel de Medellín.

Para os dez países integrantes do Grupo de Facilitadores, entre os que está España, que actuaron durante o tempo que estivo vivo o proceso de paz, veñen tempos de pouca actividade. A inercia da maquinaria de guerra que se puxo a andar o 11-S entra en sincronía coa que, a estas alturas do conflicto, demanda a maioría dos colombianos.

Uribe é o espellismo co que se agarda rematar con décadas de violencia cega que traspasa o milenio. Nos últimos 15 anos, 5.250 menores perderon a vida ao pisar minas antipersonais e outros 1.100.000 tiveron que desplazarse polo empurre dos grupos militares, paramilitares ou guerrillerios. Cada día, oito nenos morren víctimas dos enfrontamentos dos grupos armados. Só no últimos dous meses 242 persoas de grupos guerrilleiros e paramilitares caeron en combate cos militares dende a fin da tregua.

Segundo denuncia o liberal H.Serpa, xa están a traballar para Uribe os grupos da extrema dereita que ameazan a poboación para que acuda a votar o 26 de maio.

En medio de tanta aniquilación compre prestar atención a tese sobre a violencia en Colombia esgrimida pola Comisión Vida, Xustiza e Paz, para quen o conflicto armado, só é un instrumento ao servizo dos grupos económicos nacionais e internacionais para lograr unha concentración acelerada da riqueza e a desocupación de certas zonas de interés para actividades ilícitas. O conflicto absorve toda a atención internacional, impide a organización da sociedade democrática, e deixa sempre as víctimas, casi sempre, na sociedade civil.

Mentres a difusa raia entre a política e a coca, adultera a democracia colombiana sen que o consenso de Monterrey se dea por enteirado.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 27/03/2002