Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Xustiza a golpe de ultimato
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 03/04/2001)
 
Na última semana, ata sete aliados de Milosevic, incluíndo ao ex chanceler Zivadin Jovanovic, foron arrestados por diferentes cargos. Eran os “pequenos bocados” que debían satisfacer as esixencias occidentais, pero a mostra tamén dunha aposta clara de Belgrado por ir axustando contas co pasado inmediato, propiciando un dos escasos momentos de coincidencia entre os ministros de xustiza federal -Momcilo Grubac- e serbio -Vladan Batic. Kostunica, acusado recentemente por Carla del Ponte de ser un “nacionalista e un home do pasado” por demandar a redacción dunha lei sobre a colaboración co Tribunal de La Haya, mesmo accedeu a facilitar información moi valiosa aos aliados sobre o sistema de defensa antiaérea iraquí, construído coa axuda de expertos de Belgrado. Pero non é suficiente cooperar. Hai que humillarse.

Non serei eu quen defenda a Slobodan Milosevic. Esta fóra de toda dúbida a súa responsabilidade nas múltiples guerras iugoslavas e no amparo outorgado a todo tipo de crimes. Pero non é de recibo o modo en que se pretende forzar o seu xulgamento. Washington non é quen de dar leccións a ninguén de colaboración coa xustiza internacional. O mesmo país que non vai ratificar o tratado que establece o Tribunal Penal Internacional e varias veces condenado polo propio Tribunal de La Haya sen acatar nunca ningunha das súas resolucións, carece condicións morais para esixila aos demais. Non é a xustiza a motivación senón unha escenificación máis do seu dominio e poder.

Milosevic, como tantos outros, debe comparecer e ser xulgado, pero non a resultas das presións de Bush ou de Carla del Ponte ou, máis miserable aínda, a cambio de axuda de emerxencia ou a entrada no Banco Mundial ou no FMI, senón como expresión dunha normalidade democrática que non pode construírse nin sobre a impunidade nin sobre a vasalaxe.
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/04/2001