| Presencia-Opinión |
| Victoria USA Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 18/12/2001) |
|
A guerra dos EEUU en Afganistán semella chegar ao seu fin. As guerras e o Antes dos atentados do 11-S a administración Bush proxectaba un novo sistema de relacións internacionais baseadas na supremacía: xa estaba ben de consultas a organismos internacionais inútiles e tamén era xa o momento de avanzar no sistema de defensa contra mísiles que asegurase a superioridade militar. Aparentemente as accións terroristas mudaron as circunstancias e o goberno norteamericano promoveu, incansable, a gran coalición antiterrorista lexitimada polas resolucións unánimes da ONU, aínda que para elo houbese que pagar ás cotas debidas ao organismo internacional. Na práctica os EEUU ían pola súa conta. A diferencia das intervencións da década pasada (petición de moitos países árabes na Guerra do Golfo, baixo o paraugas plural de Nacións Unidas en Bosnia e do máis restrinxido da OTAN en Cosovo), na guerra afgana os EEUU interveñen, de feito, en solitario, agás minguados efectivos británicos. O 11-S acelerou os acontecementos. O pluralismo era aparente e só perseguía reducir os perigos (Paquistán, Arabia Saudita,…). Rematada, ou a piques, a intervención as cousas volven ao seu rego. O goberno norteamericano rexeita o protocolo de control de armas biolóxicas e denuncia o tratado ABM asinado en 1972 con Rusia. Coa primeira actitude invalida na práctica o protocolo, coa segunda pode alimentar a proliferación de armas de destrucción masiva. Bush liou a Putin coa colaboración Rusia-OTAN e cunha nova negociación dos acordos de reducción de armas nucleares. Desmontar un acordo sen que exista outro pode resultar ben perigoso. De pouco valeron as reticencias chinesas ou francesas. A máis clara proba de que os EEUU van ao seu aire é a nova lei ou acta de protección dos membros dos servicios americanos, aprobada masivamente no Congreso, que permite mesmo a invasión para rescatar a cidadáns norteamericanos. A acta foi suavizada no Senado, pero atenta directamente contra un hipotético Tribunal Penal Internacional. Ao tempo a administración norteamericana continuou desenvolvendo o sistema de defensa antimísiles e pretende ademais convertelo no eixo central da recuperación económica. A saída da crise non virá só polas medidas monetaristas (reducción dos tipos) senón polos avances tecnolóxicos derivados da investigación militar que no seu momento serán dirixidos cara os consumidores. Ao xeito de Roosevelt na gran depresión as inmensas inversións estatais na industria militar permitiran a reactivación da economía. Agora intervense na economía abertamente e resucítase a Keynes para consolidar a primacía mundial. O mundo plural e multilateral sufriu unha gran retroceso tras o 11-S. Os EEUU consolídanse como potencia única, mentres China mantén, en solitario, a súa alternativa multipolar e a UE, a pesares de que algunhas personalidades anden a reclamalo, non da avanzado na definición dunha posición internacional autónoma. |
|
Carlos Méixome é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2001
|