Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Unha viaxe polas rexións do Arco Atlántico: Centre (Francia)
Por Sylvia Gómez Saborido (ECO, setembro/2001)
 

Situada ó sur de París e beneficiada polo influxo do Loira e dunha topografía benigna, a rexión Centro (Centre) constitúese en encrucillada dos grandes eixos de comunicación entre a Europa do Norte e a do Sur por unha banda, a fachada atlántica e Europa central por outra.

Os seus 39.540 Km2, que fan dela a cuarta rexión metropolitana por superficie, divídense en 6 Departamentos: Cher, Eure-et-Loir, Indre, Indre-et-Loir, Loir-et-Cher e Loiret, que se corresponden coas provincias históricas do Orleanesado, Tirena e Betry.

Cunha densidade media bastante baixa (61,8 hab/Km2), os seus 2.440.329 habitantes distribúense en varias cidades de importancia media e multitude de pequenas vilas e só dúas cidades, a capital Orleáns e Tours, superan os 100.000 habitantes.

Unha das principais características da rexión é o contraste entre o dinamismo e relativa riqueza do norte (agricultura de alto rendemento, implantación de industrias, turismo) e a febleza do sur, moi afectado polo avellentamento, a ruralización e a crise da tradicional industria armamentística.

Os movementos migratorios son importantes pero non teñen actuado de xeito uniforme: a rexión Centro perdeu os xoves de entre 15 e 24 anos, mentres que acolleu unha poboación de entre 50 e 60 anos e, sobre todo, 60 e 70 anos, resultando esencialmente unha inmigración de inactivos, xubilados ou non, nunha rexión na que a taxa de actividade é do 55% (1999). Non son alleas a esta situación as taxas de desemprego entre os xoves e as mulleres nin a perda do emprego agrario, malia que o total da taxa, 10,1% no ano 99, vén decrecendo progresivamente.

A rede hídrica e un clima moderado favoreceron o desenvolvemento do sector primario, sendo así que o solo agrícola cobre un 70% da superficie rexional contra o 56% da media nacional. Segunda rexión agrícola de Francia e primeira potencia cerealística da Unión Europea, o Centro foi duramente afectado polas reformas da PAC e por unha perda de emprego dun 40%. Actualmente o sector primario só emprega ó 1´93% dos activos e a estructura sectorial do emprego mudou cuantitativa e cualitativamente, dun xeito acelerado nos últimos anos, marcando unha forte recuperación da súa economía.

Esta recuperación baséase na importante progresión industrial, moi favorecida pola descentralización de París e por un potente sector enerxético, xa que é a segunda rexión francesa en número de centrais nucleares (4) e fornece o 25% da producción nacional. Xunto a este sector, as industrias de equipamentos mecánicos, automóbil, electrónica e industria paraquímica e farmaceútica danlle a Centro o quinto rango no emprego industrial galo e ocupan ó 31,39% da poboación activa.

Esta recente vitalidade relaciónase coa expansión de grandes unidades rexionais e co establecemento de empresas (laboratorios Cachartre, Shiseido International France, Lexmark, Christian Dior...) e de filiais do automóbil, sobranceando o éxito de Renault Espace que provocou o establecemento de Matra.

A recuperación do sector servicios, ata hai pouco subrrepresentado (menos no eido dos servicios comerciais ás empresas) e que agora ocupa ó 66,67% dos activos, vese impulsado pola forte atracción turística que exercen as súas belas paisaxes, o importante patrimonio arquitectónico e a destacada infraestructura comercial. Deste xeito, Tourisme identificou ata 800 zonas de interese pola súa fauna e flora, que se engaden ós tres monumentos, profusamente visitados, que forman parte do Patrimonio da Unesco: as catedrais de Chartres e Bourges e o Castelo de Chambord.

 

Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/08/2001