| Presencia-Opinión |
| Unha teoría sobre o afundimento da economía
xaponesa Por Sylvia Gómez Saborido (Canal Mundo, 16/10/2001) |
|
A conversión de Xapón ó modelo de economía planetaria de corte occidentalizante se está a cobrar un continuo recorte de plantillas e nun cambio de mentalidade da sociedade respecto ó traballo, os negocios e a vida. Cunha taxa de paro do 5% que supón un récord histórico, unha amalgama de movimentos de protesta, aínda testimoniais, exténdese polo país, canso do consenso corporativista e dunha política que lle da as costas ó sentir cidadán. A brecha social é cada vez máis grande nun país que non coñece revolución política ou social. A crise está a mina-la igualdade que en xeral caracterizou o país durante o pasado medio século, provocando conductas antes inéditas, subida en frecha da taxa de suicidios, aumento de fenómenos violentos, e cambios na mentalidade dos asalariados, que antes se daban en corpo e alma á empresa. Os despedimentos masivos sucédense coa mesma fereza que en Occidente e o Goberno Koizumi responde cunha política de privatizacións, desregulamentos e reformas da seguridade social e o sistema de pensións, adaptando gradualmente o modelo que EE.UU aplicou dende finais dos anos 80 co obxectivo de acadar máis competitividade ó menor custo posible. Fálase xa de centos de miles de empregos perdidos nos próximos anos que, sen dúbida, porán fin á excepcionalidade do sistema económico-social xaponés, e medirán a súa capacidade de adaptación. De calquera xeito anúnciase máis paro, o que non axudará a recupera-la demanda interna. A producción industrial e o consumo continúan diminuíndo; o medo a quedar no paro está afectando e é, en boa medida, responsable de que o consumo privado permaneza estancado e frene o crecemento económico. Xapón entrou o pasado marzo en fase de deflación, e dicir, a caída xeralizada dos prezos por falla de demanda, nun país no que o Goberno tén recomendado publicamente que se traballe menos e se merque máis. ¿Cómo se chega a esta situación? Unha das teorías con menos aceptación en Occidente é a que responsabiliza precisamente aos EE.UU e a U.E. Cómpre dicir, nembargantes, que a devandita teoría saíu das cátedras de economía de Harvard. Cando nos 90 o Goberno, o sector corporativo e o bancario estaban endebedados ata as cellas, Xapón pedíu axuda ás outras dúas potencias económicas, EE.UU e Europa. Se lle dixo que crecera impulsado pola demanda interna, non polas exportacións; se lle instou a que aumentara enormemente o seu déficit orzamentario para impulsa-la demanda nacional, co catastrófico resultado de que cando o Goberno deixou de aforrar, os fogares xaponeses aforraron aínda máis. Tiñan medo de que o Goberno non fose nunca quen de paga-las súas pensións. Mais o bloco comercial occidental impedía tamén as devaluacións do yen, fartos da avalancha de importacións de productos xaponeses a baixo prezo. Esta vez, polo tanto, Xapón non puido recuperarse a través das exportacións como o fixera nos anos 74 e 80, o que unido á creba do sistema bancario e á debilidade da demanda interna, coloca a Xapón na situación que está hoxe, cunha economía en recesión coma o resto do mundo, pero con menos capacidade de manobra tanto no exterior coma no interior, onde os sacrificios que demanda Koizumi poden ser moi díficiles de dixerir se non se comezan a albiscar os prometidos beneficios da globalización. En calquera caso semella que estamos diante dun novo éxito do comercio internacional. O hermético mercado nipón, que tantos conflictos comerciais provocóu durante os anos 80-90 coas economías norteamericana e europea, xa o é menos. A globalización económica, unida á recesión tradúcese agora nunha apertura do país ás empresas estranxeiras, que xa toman posicións nos deprimidos, aínda que hipercompetitivos, sectores do automóbil e a electrónica. Os antiguos xóvenes millonarios, recén saídos da Universidade, buscan agora nas empresas estranxeiras o que as nacionais non están en disposición de ofrecer: un traballo. Isto supón un cambio respecto ó tradicional xa que ata agora os xóvenes con ambicións elixían as empresas nacionais, que era onde estaba a seguridade do emprego de por vida e o escalafón social. Xapón, unha sociedade enormemente consensuada en canto a usos e costumes, perde pouco a pouco a orixinalidade que caracterizaba non só ó seu sistema económico, senón ó completo entramado social. Corren malos tempos para as excepcións. |
|
Sylvia Gómez Saborido é investigadora do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/10/2001
|