| Presencia-Opinión |
| Un once para a esperanza Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 11/09/2001) |
|
Chile camiña no leu lento transito cara a democracia. Os rastros da dictadura aínda son perceptibles en moitos ambitos da sociedade. Non chegou o divorcio, a eliminación de censura acadouse hai escasas datas, un goberno de Concertación que arremuíña a socialdemócratas con democratacristiáns, para pecharlle o paso aos partidos políticos herdeiros políticos do pinochetismo...Pero o once de setembro do 2001, non trae a longa noite daqueloutro de 1973, senón que este abre a porta a cambios transcendentes para recortar o poder dos militares na vida sociopolítica do país. Nas rúas de Chile aínda se respira o aire cargado daquel autoritarismo que trouxo a dictadura. Os militares con seu invariable uniforme, nos transportan na memoria aos tempos máis esplendorosos do pinochetismo. A súa desafiante mirada, crávase nos transeuntes civís coa mesma prepotencia que hai dúas décadas. Celosos da súa omnipresencia e defensores incansables dos privilexios que atesouran, asisten impotentes a caída das súas máis prezadas prerrogativas. Va ser precisamente un “Once”, xusto ao se cumpriren os 28 años do golpe militar que derrubou a Salvador Allende e a democracia, cando o congreso chileno recorte substancialmente o poder que os militares conservaban intacto dende os tempos de Augusto Pinochet Ugarte. “Once” son os anos transcorridos dende que en 1990, se entreabrisen as portas para que a democracia pasase paseniñamente, sen tocar ao estamento militar. “Once” do 73 foi a data elixida por Pinochet para bombardear o Palacio de Moneda; e o “Once”, do 2001, é a data elixida para rematar coa inamobilidade dos comandantes militares, para eliminar a figura dos senadores vitalicios ou para suprimir os parlamentarios designados. A dereita pinochetista, desta volta accedeu a pactar coa oficialista concertación a fin dos máis obsoletos reductos de poder dos militares. Quizais o órgano máis tocado pola reforma en marcha sexa o Consello de Seguridade Nacional, onde os tres xefes das forzas armadas, o da policía militarizada e tres civís, tiñan a capacidade de declarar inconstitucional decisións presidenciais. O CSN foi repetidamente utilizado polo estamento castrense para premer en defensa da precaria situación xudicial na que se atopaba Pinochet. Non desaparece definitivamente, o CSN, o seu poder só será de presencia virtual ao transformarse so nun órgano asesor do presidente, pero sen posibilidade de vetar as decisións presidenciais. Remátase tamén coa regalía que imposibilitaba a súa destitución da que dispuñan os altos xefes castrenses, pero o presidente non poderá utilizala con argumentacións operativas ou de funcionalidade, senón que soamente poderá facer uso desta nova atribución cando exista un manifesto incumprimento dos deberes constitucionais. Pero se hai algo emblemático que vai caer este esperanzador “once” é o cargo de senador vitalicio, non haberá novos senadores vitalicios, só quedarán os actualmente en exercicio, isto é dous: Eduardo Frei e o supervivente Augusto Pinochet. Peor sorte correrán os senadores designados “a dedo”, polas Forzas Armadas, a Corte Suprema ou o propio executivo, que desaparecerán definitivamente. Chile aínda está impregnado dun abafante recendo a sociedade marcada pola dictadura, que perdura tanto na salvagarda dalgúns privilexios militares, como no marcado acento de hipocrisía moral que pervive baixo a poderosa autoridade de igrexa, como na máis pesada herdanza que supuxo o esmagamento dos dereitos sociais e laborais. Nos albores do novo milenio, a sociedade trasandina aínda está doente dos golpes que a dictadura descargou sobre a cidadanía. No so foi unha viraxe política o que encabezou Pinochet, tamén supuxo a entrada ao galope do neoliberalismo máis duro. Xornadas semanais de 48 horas, vacacións de 15 días hábiles... son tamén restos dun tempo que todos debemos esquecer. Quedan, por tanto, moitos espellos retrovisores que non deixan ollar cara ao futuro, hoxe algúns deles, os máis políticos, comezan a ser desmontados. Mais quedan moitos outros por caír. |
|
Lino Pellitero é membro do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2001
|