| Presencia-Opinión |
| Ucraína: Buscando a Yúschenko... desesperadamente Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 24/07/2001) |
|
Dous feitos recentes - a cimeira co Presidente polaco A. Kwasniewski e a visita do Papa - tiveron unha importancia decisiva para demostrar que a grave crise interna que vive o país non acadou aínda unha envergadura tal susceptible de provocar un rexeitamento inapelable do presidente ucraniano, Leonid Kuchma, por parte desa comunidade internacional, tan preocupada polas liberdades e o respecto dos dereitos humanos. O presidente polaco fixo oídos sordos ás chamadas da oposición de Ucraína e celebrou a cimeira prevista co seu veciño nun ambiente amistoso. Durante a visita do Papa, Leonid Kuchma tratou de non faltar ás misas do Pontífice pondo de relevo desta maneira que é aceptado polos persoeiros máis significativos e influíntes do mundo de hoxe. Incluso atreveuse a viaxar á cidade de Lviv, o centro político, cultural e relixioso da Ucraína Occidental, onde a súa persoa ten escasa aceptación. Ali se congregaron para acompañar ao Papa un millón e medio de pesoas (en Kíev "soamente" 300 mil), pero algún dos periódicos pro-presidenciais fixo o ridículo insinuando que o palco VIP encherase de xente “para saudar a Kuchma”. A consolidación da posición de Kuchma se debe en maior medida á debilidade da oposición que non soubo promover iniciativas alternativas, máis alá do claro rexeitamento do actual presidente. Semella que a oposición errou tamén no seu apoio incondicional ó anterior primeiro ministro, Víctor Yúschenko, a pesar da súa clara orientación a prol dun estado nacional de corte democrático occidental, sen matiz ningún. Non lograron salva-lo como xefe de goberno nin gaña-lo para as ringleiras da oposición. V. Yúschenko mantivose a distancia amosando ademais o seu respecto cara ao presidente Kuchma. Alegando
que era fácil estar na oposición, afirmaba importarlle especialmente a formulación de alternativas
en positivo. Permanecendo á marxe da vida política, por riba do ben e do mal, foise convertendo no
político máis prestixioso e popular. Todo o espectro político, dende o centro esquerda ata
a dereita, está empeñado en recrutalo para as súas filas. O anuncio de Yúschenko veu precedido por outro feito de especial importancia para a consolidación das forzas nacionalistas. Os dous fragmentos do histórico Movemento Popular "Rukh" declararon que se presentarán ás eleccións do 2002 nun só bloque e despois das elecciones celebrarán un congreso de reunificación nun só partido baixo o nome de "Rukh" ("Movemento"). Namentres, o ambiente político de Ucraina foi novamente ensombrecido por un crime presuntamente político. No portal da súa casa en Slovyansk (rexión de Donetsk) asasinaban brutalmente a Igor Aleksándrov, director dunha compañía de RTV, que estaba investigando a corrupción na rexión. Neste contexto, o semanario "Dzérkalo Tyzhnia" comentaba: "Sen decatarnos, convertimonos nun Estado donde o mal sempre vence ao ben e sen que éste teña chanzas sequera para se rehabilitar póstumamente". |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 24/07/2001
|