Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Relevo na xefatura da misión da ONU en Kosovo
Por Carlos Méixome (Canal Mundo, 16/01/2001)
 
O pasado sábado, Bernard Kouchner abandonou a xefatura da Unmik advertindo da posibilidade do regreso da violencia ao Kosovo si non se realizan eleccións lexislativas antes do mes de xuño; ao tempo recomendou aos kosovares cesar nas súas actividades terroristas se non queren pasar de víctimas a opresores. A tensión nos Balcáns continúa, mentres os efectos da munición con uranio empobrecido xera algo máis que malestar entre os gobernos occidentais e o “síndrome dos Balcáns” non se detén.

O que fora fundador de Médicos sen Fronteiras e ministro francés da Saúde despediuse do cargo nun discurso transmitido pola televisión kosovar. No mesmo, Bernard Kouchner esixiu aos kosovares deter os actos de violencia que están a desprestixiar a súa causa ante grande parte da comunidade internacional e poñer fin á persecución das minorías que ameaza con converterse nunha nova “limpeza étnica” semellante á que no seu momento se dirixiu contra deles.

As accións armadas da nova guerrilla kosovar, a UÇPMB ou Exercito de Liberación de Presevo, Bujanovac e Medvedja, concéntranse no val de Presevo, nunha zona duns 200 quilómetros cadrados de territorio serbio fronteirizo con Macedonia, que os albano-kosovares denominan Kosovo oriental. A guerrilla sigue as mesmas tácticas que a UÇK, xustifica as súas accións como protectoras dos albaneses e semella ter como obxectivo a estrada 75 que une, por territorio serbio, Belgrado e Skopie.

O certo é que a actividade guerrilleira ten provocado un profundo malestar tanto en Belgrado como en Skopie, e mesmo en Pristina. As autoridades serbias ven con preocupación a presencia dos, entre 300 segundo unhas fontes e 1.600 segundo outras, efectivos da guerrilla que poden provocar unha reacción de apoio ao Partido da Unidade Serbia (SSJ) do defunto Arkan, quen acadou 200.000 votos e 14 deputados nas pasadas lexislativas, ou ao Partido Radical (SRS) de Seseli, quen obtivo o 8´55% e 23 escanos, ou mesmo facilitar o entendemento destas forzas co Partido Socialista Serbio(SPS) de Milosevic, quen conta co 13´67% e 37 electos. Os tres partidos suman un tercio dos votos e dos escanos e poderían xerar serios problemas aos novos gobernantes de Belgrado.

A estabilidade de Macedonia, onde reside medio millón de albano-kosovares e un número indeterminado de refuxiados da mesma orixe, podería resentirse tanto no caso de que o Kosovo acade a independencia, a marxinación política dos albanokosovares residentes en Macedonia podería empurralos cara a integración nese hipotético novo estado, como no caso contrario, xa que non admitirían a reintegración do Kosovo a Serbia.

En Pristina, a Liga de Rugova, clara vencedora nas municipais, declarou que a cuestión da UÇPMB era un problema de Serbia e non do Kosovo, distanciándose así da guerrilla. Tamén o ex xefe da UÇK e líder do PDK, o gran derrotado nas municipais, Hashim Thaci se apresurou a marcar distancias coa nova guerrilla. Aínda así, as autoridades de Belgrado consideran que é Thaci e os seus os que moven os fíos da UÇPMB.

Nestas circunstancias Kouchner recomendou ao seu sucesor, o ex ministro de Defensa danés Hans Haekkrup, convocar eleccións xerais antes de xuño e a axudar aos kosovares a instaurar o seu propio goberno. O novo xefe da Unmik non se comprometeu en nada, as súas declaracións non foron máis ala das palabras baleiras destas ocasións. Os moitos detractores de Kouchner consideran que o novo “home forte” do Kosovo pode reconducir o conflicto con máis firmeza. Mais as decisións haberá que tomalas, e mellor será facelo axiña.
 

Carlos Méixome é membro do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/01/2001