| Presencia-Opinión |
| Por Plácido Por Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 25/01/2001) |
| Na identidade está a clave da arquitectura conceptual de Plácido Castro (Corcubión, 1902-1967).
É sobre todo a raíz do seu compromiso político cando afirma que soamente pode aspirar a contar
no concerto das nacións quen sabe modernizarse conservando a súa propia maneira de ser; pero tamén
do seu compromiso intelectual e humanista. Se afonda na saudade é porque nela observa un dos sinais identitarios
de maior forza e calado do noso ser; e se aposta pola revitalización do camiño de Santiago (nos anos
cincuenta), impulsa a romaría viquinga de Catoira ou a feira do albariño é porque todos eses
elementos forman parte da nosa cultura que procede dignificar e modernizar. O compromiso de Plácido Castro coa identidade non é excluínte. O seu universalismo maniféstase no continuo afán por dar a coñecer o outro (falemos de poesía, teatro, etc). O coñecemento é a mellor base para o respecto. Nas súas fermosas crónicas xornalísticas fuxe dos tópicos e as súas traduccións revelan non soamente rigor senón tamén unha fonda sensibilidade. Para celebrar a vitalidade do pensamento de Plácido Castro reuníremonos hoxe en Cambados con Ramón Lugrís, o autor de “Vicente Risco na cultura galega”, outro galego errante que disertará sobre o presente e a realidade da nova orde internacional á lus do ideario das Nacións Unidas coa perspectiva de quen coñece ben os seus máis fondos adentros. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/01/2001
|