Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Oriente Medio: un papel para a Unión Europea
Por Marta Cabrera (Canal Mundo, 24/04/2001)
 
Na dinámica de enfrontamentos continuos que se están a desenvolver en Oriente Próximo nos últimos sete meses non se albisca nen unha mínima esperanza de suavización.

Israel aposta moi forte apoiándose na retirada momentánea dos EEUU, fai e desfai ó seu antollo, un dia abre e outro pecha os Territorios Ocupados (TT.OO), bombardea posicións sirias no Líbano; o xogo das represalias, atentados suicidias e o desenvolvemento ilimitado do principio de acción-reacción agranda o enquistamento.

Instalados neste dramático escenario, pouco se pode agardar dos actores locais e moito debiamos esperar da diplomacia internacional. Mais non parece doado. Nos EEUU, co cambio de goberno, predomina a pasividade, non hai capacidade de iniciativa, deixa que o conflicto se cronifique e afunda un pouco máis. Washington non é quen de establecer as bases minimas para unha negociación aceptable por ambas partes.

¿Podería a UE substituír a diplomacia americana? Na contenda que se está a producir neste cadrante do planeta, ata o de agora, eran os EEUU os que se levaban o gato á auga por mor dos seus intereses económicos e petrolíferos; actuando de comparsa, a UE a pouco máis podía aspirar que a desenvolver a xira dunha troika, dun enviado especial ou quizais, o máis destacado, facendo de anfitrión para algunha cumbre (comenzo do Proceso de Paz, Madrid 1991).

Pois ben, o actual encruamento da tensión conduce o Proceso de Paz ao punto cero. É o momento para que a maquinaria comunitaria se empregue a fondo a fin de salvagardar os intereses da paz. A mediación da UE resulta esencial para encarreirar novamente o proceso e impulsar unha nova negociación que contemple a satisfacción das xustas ansias do pobo palestino.
 

Marta Cabrera é colaboradora do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/04/2001